Opinión

4 anos máis para a emperatriz

Acho que foi Guillerme Vázquez o primeiro en facer circular o apelativo de emperatriz para se referir a Merkel.

 

Acho que foi Guillerme Vázquez o primeiro en facer circular o apelativo de emperatriz para se referir a Merkel. Moi acaído, desde logo. O Reich existe. Hoxe non basea o seu poderío na Wehrmacht, senón no Bundesbank. Nesta fase do capitalismo globalizado, a sección dominante do capital é o capital financeiro alemán. Teñen até un banco globalizado independente ao seu servizo, o Banco Central Europeu. Muito máis do que tivo nunca Adolf Hitler.

Nas eleicións alemás, como por outra parte nas eleicións que se viñeron realizando nos últimos lustros en toda Europa, non se puña en cuestión que política se ía seguir desde o goberno federal. Gañar quen gañar, a política ía continuar a ser a mesma. Basicamente neoliberalismo con algunhas pingas de paternalismo asistencialista (decrecentes), no campo doméstico. No internacional, máis do mesmo: un euro forte, que é o que lle convén á robusta industria exportadora xermana, e un Banco Central que permita á banca privada facer suculentos negocios a custa da débeda pública.

Die Linke ten un problema de base: o seu carácter gaseoso, a súa falta de definición

Do ponto de vista da esquerda alternativa, val dicer, transformadora, as noticias son desalentadoras. A esquerda foi derrotada, en parte por ter enfrentado á competición con certo ar derrotista, en parte por incapacidade propria. Que esquerda? Non me refiro aquí, desde logo, ao SPD, que hoxe é unha especie de corrente de opinión da CDU situada extramuros por se fixer falta recorrer ao expediente da grosse koalition. Reférome mais ben a Die Linke. Este é un experimento interesante. Socialdemócratas xenuínos e marxistas non absolutamente renegados. Mais ten un problema de base: o seu carácter gaseoso, a súa falta de definición, atrapallados á hora de fixar que é o estratéxico e que é o táctico.

Nas coordenadas de Alemaña, e nas actuais condicións da globalización, cunha polarización social cada vez máis acusada, o centrismo é un mito. Non existe. Ou estás co Reich globalizador e neoliberal ou estás por unha alternativa ilustrada, radical e internacionalista, val dicer, polo socialismo. É hora de que se comece a traballar desacomplexadamente por esa alternativa.

Comentarios