Opinión

24M: retrato dun país

O 24M deita un retrato bastante fiel do que é Galiza como  nación no plano eleitoral e das tendencias sociais de fondo que a percorren.

O 24M deita un retrato bastante fiel do que é Galiza como  nación no plano eleitoral e das tendencias sociais de fondo que a percorren. Galiza é un país en transición e completaremos o cadro de aquí a poucos meses, nas xerais. O primeiro acto da función, estas primarias das lexislativas de novembro/decembro, foi bastante como se prevía, con algunhas sorpresas, como a vitoria de Compostela Aberta e a Marea Atlántica. No conxunto da Galiza, o PP experimenta un retroceso histórico, mas conserva o seu carácter de primeira forza política do país. O PSOE mantén o tipo, embora caia nas cidades. O BNG colleita un resultado desigual: moi irregular nas cidades (facendo abstracción de Pontevedra) e mellor, moito mellor nas vilas, nomeadamente naquelas en que se tiña o goberno.

Este é o país que temos. Nel a cuestión nacional continúa a ter un escaso peso á hora de conformar as maiorías eleitorais.

Sei que pode soar agresivo dicer que iso significa que a españolización da Galiza vai vento en popa, mais é que non sei como dicelo doutro xeito, prometo buscar fórmulas novas no futuro

Hai apenas uns minutos, mentres escrebía este texto, escoitei na Radio Galega o candidato da Marea Atlántica a se congratular polo resultado de Ada Colau en Barcelona e Manuela Carmena en Madrid. Ferreiro cualificou a A Coruña, Barcelona e Madrid de "cidades rebeldes" que van mudar o Estado. Esta ideoloxía é a que está de moda nas cidades galegas e non é unha ideoloxía nova: ten a ver coa forma concreta en que a globalización se expresa no noso país. O que se globalizan son as causas españolas. Non se fala da rebeldía de EH Bildu ou da CUP. Fálase da rebeldía de Barcelona en Común e de Ahora Madrid. Isto é o que hai. Ese tipo de mensaxe eleitoral hoxe triunfa nas nosas cidades e en públicos que noutrora votaron nacionalista galego. Iso é así. Non podemos descoñecer a realidade. Sei que pode soar agresivo dicer que iso significa que a españolización da Galiza vai vento en popa, mais é que non sei como dicelo doutro xeito, prometo buscar fórmulas novas no futuro.

Sería un erro que o nacionalismo galego fixese unha xestión conservadora destes resultados

Galiza mantén un espazo político propio? Os dados din que si. Os case 200 mil votos do BNG son proba diso. O feito de que o nacionalismo galego teña presenza na práctica totalidade do territorio, tamén. Mais hai elementos moi inquietantes que colocan dúbidas a curto prazo para os que temos unha visión nacional galega das cousas. Non é só non obter actas de concelleiros en Vigo (a cidade máis populosa do país) e Ourense, é que hai que ter en conta que nun número moi importante de circunscricións o BNG só competía co bipartidismo, circunstancia que non se producirá nas eleccións xerais.

Sería un erro que o nacionalismo galego fixese unha xestión conservadora destes resultados. Houbo elementos no discurso de Vence desta noite que permiten intuír que o BNG é consciente diso e que vai tomar nota da realidade. Certos cambios introducidos nos últimos meses estiveron ben, mais non foron suficientes, veu dicer. Esa liña é sensata. A dunha autocrítica non destrutiva que debe levar a mellorar o que sexa preciso mudar. Iso é o que agarda a sociedade dunha forza progresista e propia do país.

Escribo estas liñas nos primeiros minutos do 25M. Xa estamos na campaña das xerais: isto é esgotador, apaixonante e incerto. 

Comentarios