Opinión

Manuel María e Nós

Este artigo, contra o que poida parecer, non van da relación de Manuel María co diario que as acolle senón cos membros da Xeración Nós aproveitando o centenario da publicación da Revista do mesmo nome.

Na Casa-Museo Manuel María consérvase boa parte da documentación xerada e recadada polo poeta ao longo da súa vida, máis de doce mil volumes entre libros e revistas, e unha importante colección de cartas recibidas, orixinais de obras e de informacións de todo tipo dos xornais da época. Referencias importante para o estudo da vida cultural, política e social da Galiza da segunda metade do século XX e imprescindíbel para o estudo da obra e dos intereses de Manuel María como poeta e como persoa.

Manuel María naceu o 6 de outubro de 1929. Neste ano podemos situar a metade da vida da Xeración Nós, ano en que acontece o falecemento de Losada Diéguez, o 15 de outubro, e a publicación de obras como A Lagarada de Otero Pedrayo, o estudo sobre Os Oestrimnios de López Cuevillas ou Dedalus en Compostela de Vicente Risco.

O coñecemento de Manuel María da Xeración Nós foi polas súas obras, mais tamén co trato con aqueles que sobreviviron á sublevación militar de 1936 e á permanente represión que a seguiu. Esta relación podemos observala na documentación da Casa-Museo, na obra que publicou -en especial os artigos xornalísticos- e nas achegas a Congresos e xornadas en que narra a relación persoal que un mozo Manuel María mantivo cos tres ourensáns citados anteriormente.

Na década dos cincuenta visitou a López Cuevillas no domicilio ourensán deste e recibiu algunhas cartas onde lle falaba de temas culturais e sobre a importancia da utilización do noso idioma tanto nos ámbitos de cultura como nos máis cotiáns.

A Vicente Risco tamén o coñeceu e tratou no Ourense do bar O Volter en que se conversaba sobre literatura, música ou arte, e nas que Manuel María non puido obter de Risco, reticente, informacións sobre a situación do galeguismo político e cultural dos anos vinte e trinta.

O último e o máis importante para a vida e a influencia en Manuel María foi Ramón Otero Pedrayo. A primeira referencia tívoa cando estudaba no instituto, a finais dos anos corenta. As palabras de Otero nunha conferencia e as dos seus libros “amorosas e quentes” temperaban o inverno frío e húmido e en especial a Guía de Galicia que o levaba a soñar con percorrer as terras do país que daquela semellaban tan afastadas.

A Otero coñeceuno Manuel María, xunto con Novoneyra, en Santiago no ano 1952, mentres facían o servizo militar. No mesmo momento coñeceu tamén a Carlos Maside. Ambos influíron moito na formación e na ampliación dos horizontes do mozo Manuel. Con Otero mantivo relación, iniciada nese ano en que o convida a xantar con el un par de semanas en que estaba só por unha viaxe da súa muller. Esta relación foi frecuente e próxima durante vinte e cinco anos.

Así vemos como Manuel, xunto con Saleta, asistiron á primeira lectura por Otero Pedrayo da obra teatral O desengano do Prioiro. A correspondencia entre ambos que inclúe as cartas que se conservan na Casa-Museo e que foron publicadas por esta en edición de Xosé Manuel Sánchez Rei e Estefanía Mosquera Castro permítennos unha achega directa a esa relación.

Outro elemento directo e moi persoal para afondar nas relacións persoais son as felicitacións de nadal moi frecuentes na sociedade até a década de 1980 e as dedicatorias de libros que deixan ver a mesma intimidade que a correspondencia. Hoxe temos na Casa-Museo varios nadais e dedicatorias de Otero Pedrayo dos que destacamos o envío do libro Morte e resurrección editado en Ourense nos anos trinta e dedicado a Manuel María en 1953 “no vello despacho de Ourens onde teño lido os primeiros poetas, con ademiración e agarimo”. Na mesma montaxe museográfica da Casa reflíctese a amizade e admiración mutuas cun exemplar de Arredor de si sobre a mesa do despacho de Manuel María que quere destacar, entre outras cousas, a influencia exercida por Don Ramón.

Até aquí os apuntamentos sobre a Xeración Nós e un dos seus herdeiros, o poeta Manuel María quen no ano 1995 deixou escrito sobre eles que “O seu labor foi exemplar e asombroso. Entendemos que, na actualidade, aínda non se pechou o ciclo aberto por aqueles homes extraordinarios.”

Comentarios