Opinión

O 1972 de Manuel María

Para Camilo Gómez Torres, estudoso da vida e obra de Manuel María, o ano 1972 foi para Manuel María o ano da internacionalización, o ano en que tivo un maior recoñecemento internacional con viaxes a Portugal, no mes de xaneiro, onde acababa de publicar a antoloxía 99 poemas na editora Razão Actual; a París, en abril, onde se presentou na Universidade da Sorbona a tradución completa, sen censuras, de Cancións do lusco ao fusco, mais a Bretaña e a Suíza colaborando coa emigración.

No interior, dentro da política levada a cabo polo nacionalismo galego de promover a creación de asociacións culturais para difundir unha cultura galega sen ataduras e con interese de país, participa, no mes de xullo, na creación da Asociación Cultural de Monforte de Lemos, que presidiu meses despois e que foi prohibida o ano seguinte.

A conflitividade social que agromou este ano en Galiza e a represión coa que o réxime intentou afogala principalmente en Vigo e Ferrol, deixaron pegada na sociedade galega e unha maior actividade política e sindical do movemento nacionalista. Manuel María deixou reflectida na súa obra os feitos fundamentais dese ano, os asasinatos en Ferrol e a folga xeral en Vigo do mes de setembro, pero por motivos de seguridade agochou a autoría baixo pseudónimo.

Datada no ano 1972, Manuel María escrebe unha novela titulada O trebón brúa de lonxe, cuxa copia mecanografada gardada na súa Casa-Museo ten o seu nome manuscrito, o que indicaría a intención inicial de que o orixinal circulara sen nome do autor. Esta novela narra os feitos que se dan en Baloquia, parte dun país imaxinario chamado Pepelán, na cidade de Nur, que se mobiliza socialmente contra as condicións laborais e a represión dunha folga na fábrica Ferrow-Lumen (transuntos de Galiza, de Vigo e da Citroën) e a represión conseguinte que coinciden cronolóxica e literalmente coas de Vigo nese mes de setembro. A novela non foi publicada no seu momento e segue inédita, aínda que máis adiante, Manuel María redixiu o tema fielmente nunha obra dramática titulada A folga recollida na súa Obra Teatral o ano 2019.

O outro feito lutuoso do que tratou foi os asasinatos en Ferrol, o 10 de marzo, de Amador Rei e Daniel Niebla na violenta represión da folga dos estaleiros de Bazán que orixinou a escrita do Poema de urxencia para dous asasinatos, asinado como Xoán Esteiro López e publicado en París, nun número especial da publicación da UPG Terra e Tempo que recolleu a información da represión sufrida en Galiza por eses feitos "Galiza: marzal de 1972. Un mes de represión".

O nome co que asinou este poema podemos explicalo seguindo o exposto por Camilo Gómez sobre os pseudónimos usados por Manuel María e a identificación co seu ámbito vital e familiar. O nome de Xoán é do patrón da parroquia de Outeiro de Rei, e os apelidos explícanse o primeiro co lugar dos feitos, o barrio ferrolán de Esteiro. O segundo, o patronímico López, podemos relacionalo co conto de Manuel María Xan López, obreiro, conto de temática social publicado ese mesmo ano 72 despois de ser presentado dous anos antes a un concurso na cidade de Guimarães e obter un segundo premio, editado pola Casa-Museo no 2022 no libro Os ontes do silencio.

O poema foi republicado en Da foice erguida: antoloxía de poesía galega de combate por José Viale Moutinho en Coimbra, no ano 1978, co mesmo autor, ademais de catro poemas baixo o nome de Manuel María. Neste libro e nesa data, sobre Xoán Esteiro López, di Viale, que parecía ignorar quen se agochara baixo ese nome: "chegamos à conclussão de que se trata do pseudónimo de circunstancias de um intelectual revolucionário. De qualquer modo, o poema que incluímos nesta antologia é o único que encontramos assim subscrito".

A seguinte vez en que se recolle é en Os poetas galegos coa xente do traballo, editado por Alonso Montero en 1997. Nesta publicación ademais do pseudónimo indícase o nome de Manuel María como o autor dese poema.

Non foi a única vez que tratou estes feitos. Na obra de teatro A lúa vai encoberta, escrita a finais da década dos setenta, integrou unha canción a Amador e Daniel.

Rematemos estas liñas co chamamento dos versos finais do Poema de urxencia...

Hai que loitar, irmáns e Compañeiros,
para traer a luz, a liberdade,
a Primaveira.

Comentarios