Opinión

O Carrabouxo, na Academia

As academias teñen, como unha amiga miña, un problema só, que son academias. E compórtanse como tal, e esquecen o sentido e a realidade. Seriamos felices se estas institucións e algunhas outras recuperasen a humildade e o amor polo coñecemento do que fixeron gala as primeiras escolas de pensar, as primeiras escolas de aprender. Por iso naceron a Academia de Platón e o Liceo de Aristóteles e Teofrasto.

As academias teñen, como unha amiga miña, un problema só, que son academias. E compórtanse como tal, e esquecen o sentido e a realidade. Seriamos felices se estas institucións e algunhas outras recuperasen a humildade e o amor polo coñecemento do que fixeron gala as primeiras escolas de pensar, as primeiras escolas de aprender. Por iso naceron a Academia de Platón e o Liceo de Aristóteles e Teofrasto.

"A nosa Academia continúa enchéndose de imaxes de homes graves e sesudos que pontifican sobre polbos e máis polbos e algunhas cousas serias".

Despois, as academias puxéronse de moda, e a referencia de todos foi a Académie française, composta por corenta membros, por corenta inmortais, como lles chaman. A RAG tamén tivo corenta, pero deberon esquecer de onde viña o número e no 2002 ficaron en trinta. O importante é que todas tiñan como finalidade engrandecer a cultura e a lingua.

Pero a realidade, ai, a realidade, amósanos que a vaidade duns e doutros é o que rexe demasiadas veces o funcionamento destas institucións. Así, vístense de interese de país actitudes que só teñen que ver con personalismos e con xogos de egos, mentres se bota de menos máis traballo e máis conciencia de país.

Entrementres, a nosa Academia continúa enchéndose de imaxes de homes graves e sesudos que pontifican sobre polbos e máis polbos e algunhas cousas serias. Afortunadamente, comezamos a atopar tamén imaxes graves e sesudas de mulleres que tamén pontifican sobre polbos e máis polbos, e algunhas cousas serias.

Por iso, coido que non sería mala idea que o humor entrase francamente na RAG. E que mellor xeito de entrar que da man de Xosé Lois! Si, se cadra é Xosé Lois “O Carrabouxo” unha das mellores expresións do noso humor e das singularidades do noso país, a pesar de que só teña, a diferencia por exemplo de Castelao, plasmación gráfica e oral.

"Coido que non sería mala idea que o humor entrase francamente na RAG. E que mellor xeito de entrar que da man de Xosé Lois! Si, se cadra é Xosé Lois “O Carrabouxo” unha das mellores expresións do noso humor e das singularidades do noso país"

Todos sabemos que non hai cousa máis seria que o humor. Así o explicaba Tom Sharpe con moita graza, e Celestino Fernández de la Vega, moi seriamente. E, por certo, ningún dos dous chegou a ser membro de número da nosa academia. Iso si, Camilo José Cela foino de honra, imaxino que por iso de ser galego; aínda que Wenceslao Fernández Flórez ou Julio Camba, que eran membros da española, e galegos, non o foron nin de honra nin de número, e isto si que ten graza.

Pola contra, e isto tamén ten graza por desgraza, Francisco Franco si que formou parte. Non de número, iso non, pero si de honra, ou de deshonra. A academia presidida por Ferrín botou fóra da academia ao que fora ditador. Mágoa que esta mesma directiva ou a de agora non fagan que a Academia deixe de ser Real para achegala á realidade.

E se cadra é a realidade o mellor aval para que entre Xosé Lois “O Carrabouxo” na Academia. As súas imaxes, os seus textos en xornais, en semanarios, falan da Galiza real, dos problemas reais da vida cotiá, e sempre dende o respecto á nosa condición de galegos, e dende a mellor vontade para facer país.

Non o coñezo persoalmente, pero levo moitos anos vendo o seu compromiso coa nosa lingua, coa nosa cultura, a cambio de nada, mentres día a día, viñeta a viñeta, debulla a historia recente de Galiza.

"Na miña memoria fica aquela viñeta do Xosé Lois onde con moita sorna o Carrabouxo, para celebrar o día das letras galegas, decide poñerse garavata e falar "castellano".

As viñetas do Xosé Lois a través do humor funcionan como debe funcionar sempre a arte, a literatura, o teatro, coma un espello da realidade onde nos vemos reflectidos. Moitos destes argumentos poden parecer cativos para algúns, que sempre os hai, que non poden concibir na súa cabeza nada grande, como dixera Risco. Así, cando en 1987 a RAE decidiu que Mingote formase parte dela, foi iso o que aconteceu, que moitos se escandalizaron. Cando entre Forges posiblemente aconteza o mesmo.

Pero eu quero poder gozar do xenio, da vizosidade e da graza de Xosé Lois. Quero ler e escoitar o seu discurso de ingreso na academia. Porque, como dixera Wenceslao Fernández Flórez no seu discurso de ingreso na outra academia, o humor é un xeito de ser no mundo, é unha posición ante a vida.

Non nos debería estrañar que houbese humor na RAG porque, se o pensamos un segundo, a literatura, todas, tamén a nosa, está inzada de obras que xogan co humor. O divino sainete, O catecismo do labrego, O porco de pé… E as historias de Cunqueiro, e os retrincos de Castelao…

Na miña memoria fica aquela viñeta do Xosé Lois onde con moita sorna o Carrabouxo, para celebrar o día das letras galegas, decide poñerse garavata e falar "castellano". Ou aquela imaxe do conserxe dun hotel moi serio onde hai un letreiro que pon: “On parlais francaise, speak english, se habla gallego”.

Precisamos humor na Real Academia Galega, na nosa academia e na nosa creación literaria, polo ben de todos. E como o humor é unha cousa moi seria, debemos acoller nela a Xosé Lois, polo ben da nosa terra. 

Comentarios