Opinión

A LOMCE e o bálsamo de Fierabrás: hoxe a FP Básica, mañá …

Don Quixote, logo dunha das moitas malleiras que papa dille a Sancho que lle prepare o bálsamo de Fierabrás, un ‘mexunxe’ máxico que sanda todas as feridas e males. 

Don Quixote, logo dunha das moitas malleiras que papa dille a Sancho que lle prepare o bálsamo de Fierabrás, un ‘mexunxe’ máxico que sanda todas as feridas e males. Debe xuntar aceite, viño, sal e romeu, fervelo todo xunto e rezarlle por riba 80 nosopais, 80 avemarías, 80 salves e 80 credos.

O ‘noso’ heroe bebe, vomita e súa pero ‘cura’ logo de durmir. Sen embargo, para Sancho o bálsamo ten efecto laxante, poñéndoo ás portas da morte. O seu señor explícalle que é un simple escudeiro e non un cabaleiro coma el, por iso non lle fai efecto ningún. Coa LOMCE e a FP Básica non vaia ser que pase o mesmo.

Ao establecer con carácter xeral ‘reválidas’ para conseguir o título de ESO o lexislador tiña complicado conceder ao alumnado que supera a FPB ese mesmo título, como si posibilitaban os PCPI aprobando os módulos voluntarios no 2º ano. Sería un agravio comparativo evidente. É certo que coa FPB se pode acceder a ciclos medios e ten a mesma validez a efectos laborais que a ESO. Pero isto é como meter a pata, decatarse de que o fixeches e querer quedar ben sen recoñecer o erro. A Mr. Bean pasáballe moito. Era moi pouco presentable socialmente defender a validez dun título que non servía para nada (nos primeiros anteproxectos), excepto para dicir que a xente tiña un título.

"A implantación da FPB é precipitada: a publicación da lexislación está a coincidir, case, co inicio das aulas. A final do curso pasado estaba todo no aire e agora hai que comezar xa".

Un índice real de éxito da LOMCE e a FPB será a porcentaxe de alumnado que logre ‘recuperar’, estudantes con malos resultados que logre reter no sistema educativo para que sigan a formarse, persoas que se non se toma algunha medida están fóra do sistema pola súa traxectoria anterior de fracaso reiterado. En Andalucía, por exemplo, un 60% das persoas que iniciaban PCPI conseguían o título da ESO. Veremos cantos se titulan coa FPB e que fan logo. A ver as cifras.

Os PCPI eran moi flexibles e adaptábanse bastante ben á realidade dos centros educativos e das comarcas nas que se atopan. Existían tres modalidades e cada centro elixía a que lle conviña en función do alumnado que recibía, as instalacións que posuía e as posibilidades de inserción laboral.

No meu IES, por exemplo, podíase elixir entre varios perfiles distintos: perruquería, albanelería, administrativo, electricidade, … o alumnado pasaba gran parte da semana nunha empresa formándose e recibía no centro unha formación básica nun grupo común. Noutros IES de comarcas máis poboadas e urbanas con instalacións apropiadas e listas para utilizar podían ter varios grupos distintos: un de soldadura e outro de estética, por exemplo, e formar o alumnado no propio centro.

Coa FPB esta flexibilidade cencénase e en moitos IES de vilas medias ou pequenas, coma a miña, só haberá un perfil e iso obrigará ao alumnado a ‘ser electricista’ (por exemplo) ou a ‘emigrar’ a outro centro onde poidan cursar algo que se aproxime máis aos seus intereses. Tamén é probable que haxa que afrontar fortes investimentos para dotar aulas específicas que agora non existen en lugares que non o precisaban.

A implantación da FPB é precipitada: a publicación da lexislación está a coincidir, case, co inicio das aulas. A final do curso pasado estaba todo no aire e agora hai que comezar xa. Hai un ansia extrema por deixar un legado irreversible se se perden as próximas eleccións xerais: todos os partidos da oposición manifestaron que pararán a LOMCE. As consecuencias serán negativas, o mapa de ciclos resultante será desequilibrado e haberá que retocalo substancialmente.

"Farase un uso triunfal da FPB xa que quen obteña ese título non contará como abandono ou como fracaso. Pero na súa inmensa maioría esas persoas estarán fóra do sistema educativo ao acabar, listos para ir traballar a unha empresa polo que poidan cobrar"

Hai outros aspectos analizables da FPB (a pouca atención que se presta ao alumnado de n.e.e ou as ratios iniciais, aspectos delirantes nos primeiros anteproxectos e que xa se ‘amañaron’ en parte) pero sería abondar no negativo. Para quen ten que implantar estas ensinanzas na realidade, equipos directivos e docentes, a disxuntiva é francamente difícil. Moitos temos absolutamente claro que preferimos os PCPI á FPB. Poderiamos boicoteala, baixar os brazos e non levantar auriculares de teléfono para ‘vender’ o produto, pero isto deixaría bastantes persoas á deriva, absolutamente desasistidas. Están mellor nun aula estudando este PCPI de terceira que na rúa.

Desde inicios de mes veñen chamando aos centros a ver como vai o tema e, non se recoñecerá, pero nisto estaban incluso dispostos a ‘incumprir’ as ratios mínimas con tal que nas estatísticas de inicio de curso figurara un suculento número de ciclos de FPB en marcha. Será o éxito das cifras baleiras.

Outra cousa é se o seu neno padece un trastorno do espectro autista ou ten altas capacidades ou está nunha zona rural. Aí mandarlle un especialista de reforzo ou compensación ou pagarlle unha bolsa axeitada ou conservar o profesorado que se precisa xa será máis complicado. Terá que loitalo. 

Unha das intencións declaradas da LOMCE é diminuír de xeito drástico o nivel de fracaso e abandono escolar nos nosos adolescentes, un dos máis altos dos estados do noso ‘entorno’, inda que xa diminuíndo nos últimos anos. A implantación da FPB ven seica a ‘resolver’ iso. Farase un uso triunfal da FPB xa que quen obteña ese título non contará como abandono ou como fracaso. Pero na súa inmensa maioría esas persoas estarán fóra do sistema educativo ao acabar, listos para ir traballar a unha empresa polo que poidan cobrar.

Retomando o conto do inicio. É unha incógnita como lle sentará ao sistema educativo e o noso alumnado a posta en marcha da LOMCE e da FPB, pero para min que vai haber máis ‘Panzas’ que outra cousa. O malo é que non se saberá ata que non haxa remedio. Ou remedio longo e moi custoso.

Xosé Manuel López Fernández
vogal do Movemento Dezao polo Ensino Público e xefe de estudos de adultos do IES LAXEIRO
@xindiriz

Comentarios