Opinión

O conselleiro que nos chove

Quen ven de fóra un rato quéixase de que en Lalín vai frío e chove moito. E estes días tamén choveu. Román Rodríguez é o novo Conselleiro de Cultura e Educación, seica cun marcado perfil galeguista. E fillo político de José Crespo, nada menos.

Quen ven de fóra un rato quéixase de que en Lalín vai frío e chove moito. E estes días tamén choveu. Román Rodríguez é o novo Conselleiro de Cultura e Educación, seica cun marcado perfil galeguista. E fillo político de José Crespo, nada menos.

Non teño que explicar quen é o noso veciño; quen máis quen menos coñece a súa xestión en Lalín como concelleiro. Centrareime nalgunha das tarefas que lle encargou Alberto Núñez Feijoo. E que tarefas lle pide José Crespo para Lalín. Visitounos e volverá, traerá algo, non o dubido, pero inda así probablemente seguirá chovendo e facendo frío.

Cando debatín con Román sobre a LOMCE en A Estrada, no marco das actividades do Movemento Dezao polo Ensino Público, quedoume claro que comulga con todos os obxectivos políticos desa lei; lesivos para o ensino público, para a nosa lingua, para a equidade e a igualdade de oportunidades, e para a participación democrática e transparencia no funcionamento dos centros educativos.

Dareivos unha pincelada breve sobre as ‘reválidas’, por exemplo. Haberá catro: unha no medio e outra ao final da Primaria; a terceira para obter o título da ESO; e a cuarta, para obter o do Bacharelato. A maiores, para algunhas titulacións, as universidades poderán establecer filtros adicionais. Chegar a optar a un grao universitario complícase moito. Eu véxoo así: cantos máis obstáculos existan, máis oportunidades hai de caer e quedar tirado no camiño. Cantos menos recursos teñas, máis difícil che será superar eses obstáculos. Mala sorte se vos e os vosos nenos sodes de recursos humildes.

Na cuestión lingüística se non se está disposto a recuperar o consenso que se deriva da aprobación do Plan de Normalización Lingüística e derrogar o denominado ‘Decreto do Plurilingüísmo’ (dixeron que non o farán), o resto non vale de nada: marketing e falarbarato. Onde se xoga o futuro da nosa lingua é nos centros educativos, onde están as nenas e os nenos galegos, os que van falar ou non a nosa lingua.

Eu pediríalle a Román Rodríguez que se atreva a facer o que fixeron en Euskadi. Presionar, negociar e arrancar acordos. Certificouse no BOE en setembro de 2014. O ministro Wert cedeu ante a conselleira de Educación de Euskadi, Cristina Uriarte, en dous puntos da LOMCE importantes: 1/ non se toca o modelo lingüístico de Euskadi; e 2/ os Consellos Escolares controlan as posibles arbitrariedades do director e poden decidir contra o seu criterio. Por que Galicia non pode obter algo semellante?

José Crespo quería apuntarse ‘goles por la escuadra’ na Champions da pre-campaña para as municipais coas visitas dos Conselleiros. E que pasou? Fume e máis fume. Rocío Mosquera papel mollado e Román ‘fortes’ investimentos educativos para a vila. Nin eu nin o BNG nos oporemos a algo beneficioso para Lalín. Nunca. 

Si. Viñeron conselleiros a Lalín e Román seguramente volverá. Pronto. Volverá ao IES LAXEIRO, onde traballo. E dirá que chove ouro puro por nós. Pero o que chove é LOMCE e ‘paripé’ na cuestión lingüística. O dos investimentos pouco, ou nada.

Xosé Manuel López Fernández, candidato á alcaldía de Lalín polo BNG
@xindiriz

Comentarios