Opinión

Retos pendentes da vitivinicultura galega

Artigo escrito conxuntamente por Roberto Rivas Reboredo, presidente da Asociación Galega de Viticultura AGV, e Xosé Manuel González Vilas, enxeñeiro agrónomo e colaborador da AGV

A vitivinicultura galega, un dos sectores punteiros e de desenvolvemento na economía galega, ten moitos retos a que enfrontarse para que non se tronce o seu futuro. Moitos son externos, crise económica, Brexit, aranceis dos EEUU, reforma da PAC, pandemia da Covid-19, cambio climático...

Mais tamén internos, resultado de decisións políticas autonómicas, como son: renovación xeracional, dispoñibilidade de base territorial e de dereitos de plantación, actualización do RVG, apoio das administracións ás iniciativas de novos proxectos e incorporación de xente moza etc.

E máis aló hai outros retos de construción de futuro: a caracterización, recoñecemento e valorización de variedades ancestrais case desaparecidas, e a cualificación e amparo de territorios historicamente vitícolas e que hoxe, esquecidos pola Administración, van morrendo aos poucos.

O recoñecemento de castes ancestrais

O secular illamento da Galiza permitiu a preservación até os nosos días de máis de 70 variedades de vides autóctonas. Moitas delas están en perigo de desaparición por mor do abandono e transformación do rural. É unha obriga dos responsábeis políticos desenvolver as políticas necesarias que permitan preservar a riqueza xenética e as posibilidades que isto supón, dando os pasos necesarios para incorporalas aos Rexistros de Variedades Protexidas e Comerciais do Ministerio de Agricultura e do Catálogo Común da Unión Europea, paso previo indispensábel para a súa posta en valor e explotación económica. Como exemplo do potencial dunha caste en relación cun territorio temos a Branca Lexítima, e os territorios das IXP Terra de Betanzos, Barbanza e Iria, e da futura Terras do Navia. No desenvolvemento, potenciación e diversificación do catálogo de viños, máis aló das castes principais con recoñecemento internacional a día de hoxe (Albariño, Mencía, Godello e Treixadura), teñen a súa responsabilidade os CR das DO. E temos material a partir doutras variedades míticas de renome: espadeiro, loureiro tinto, tinta femia (caíño tinto), dona branca e moitas outras.

O recoñecemento de territorios

A Baixa Limia inclúe un tesouro agochado, esquecido, e non pola fama feiticeira que metía o medo nas lexións romanas, se non pola acumulación secular de desentendemento, que chegou ao alagamento na última proeza hidráulica ibérica. É a última estrela. Muíños, Lobios, Lobeira e Entrimo xuntan o potencial dos viños desta bisbarra que podería pór unha certa conclusión ao longo proceso de cualificación institucional dos nosos viños, logo do recoñecementos de Ribeiras do Morrazo, e o futuro recoñecemento do Val do Navia, fica apenas un oco sen escintilar no firmamento vitivinícola galego.

Ao comezo deste século unha misión da Evega recoñeceu as castes alí plantadas e preservadas: Temperán centenario (Branco lexítimo), Serradiño (Afrocheiro preto portugués), Cercial (Pederná portuguesa) e practicamente toda a variedade de castes recoñecida na histórica Gallaecia, non por acaso a comarca está no centro xeográfico do antigo reino. E tamén coñecemos algúns dos seus patrocinadores: Lino de Muíños, Lisardo de Grou ou Agustín de Asperelo, entre outros donos e donas de “minas”, a semellanza da tradición das covas no Sil.

Viñas retortas en microclimas múltiples, con laranxeiras e xeadeiros, que ten a veciñanza da Região dos Vinhos Verdes, a historia lendaria das pedras da Vía Nova, Riocaldo e Aquis Querquennis, a natureza protexida no espazo transfronteirizo Gerês-Xurés...; o propio nome de Lobios é un topónimo vitícola, pero todo isto está a máis, a teima dos tempos en plantar, podar e vendimar está nas paisaxes e xentes. A AGV-Fruga defendeu como liña estratéxica a cualificación de todas as ribeiras, e así axiu nas últimas IXP do Morrazo e do Val do Navia, e a matización das actuais DO con algunhas parroquias estremeiras, e o tempo dirá a que fitos chegará a Baixa Limia no consumo e nos mercados.

Só queda traballar e loitar para que o que desenvolveron e preservaron durante séculos labregos e labregas, non sexa o desleixo político e o mercado quen asinen a súa acta de defunción e desaparición.

Comentarios