Opinión

A pervivencia e (resistencia) das comunidades solares do toxo

Por aqueles anos 60, tinxidos dun agrisado pálido, no deixar atrás a negrura dos 40 e 50, anos de fame e medo, unha misión de enxeñeiros agrónomos do ministerio realizan traballos de "ordenamento e orientación" dun alcumado Plan Coruña. Estes técnicos en terra de misión tentan dar coherencia co inicio doutras tarefas "ordenadoras", como foron as primeiras parcelarias, as primeiras granxas de integración, acompañando outras medidas non tan amables como os encoros dos vales e consorcios de montes do común. 

No Plan Coruña o enxeñeiro topa cos mares verdiamarelos dunha planta espiñenta e pouco dada a dominarse en hortas, prados ou xardíns, era o noso toxo arnal ou femia. A técnica campesiña ideou un xeito de sementalo, manexalo e apañalo para estrar as cortes onde obter adubo, forza, leite, carne e viño. E pechar o ciclo solar das colleitas, porque de fóra pouco ou nada viña. De certo, nas estatísticas dos anos 90 os "expertos" significaban a "esterilidade" dun mato que ocupaba o 40% do territorio, co triste nome de monte non arborado. Da guerra ao toxo veu a guerra ao sol, pero non chegaba con negar, había que interiorizar nas mentalidades de aldea que carretar toxo era escravitude. No pensamento agrario que estaba concentrado nos despachos do Ministerio de Agricultura non podía caber unha "reforma" ou transición que preservara o común e non dependera tan drasticamente da importación e consumos externos, para iso estaban os bancos.

Aínda así, un podía dexergar o esplendor serodio das comunidades solares que eran as aldeas no entón. Como o enxeñeiro non podía entender o sentido de tanta matogueira inútil por moi bela que fose, ao fin non puido negar o evidente e non lle quedou outra que "racionalizar" o asunto, e ideou cámaras "zinomórficas", ou sexa, onde fermentar modernamente en construcións de cemento a mestura dos toxos e xestas xunto ás cagadas das reses, ovellas ou bestas e de paso valorizar as unidades fertilizantes para os cultivos. Este pragmatismo vese ratificado nun estudo do CSIC de 1967 sobre axeitado nivel de materia orgánica nas terras de cultivo na provincia da Coruña. Ver hoxe a preocupación de edafólogos galegos de prestixio como Díaz Fierros ou Felipe Macías sobre o risco actual de erosión ligado á perda de materia orgánica e o cambio climático.

Pero esta historia podía ser outra, nos anos 30 pensábase que as sociedades agrarias podían  mellorar a parroquia coa incorporación de novos cultivos, con saneamento gandeiro, cooperativismo e crédito accesible, e mesmo fábricas de luz en todas as bisbarras labregas onde non faltaban regatos e encostas. Fronte á "inevitable" intensificación houbo terceiras vías para non ter que abandonar o toxo. Ramón Lourido formulou vías de mecanización e procesamento do toxo axeitadas á nosa realidade nas terras de Crecente.

Pero como apuntei antes, a reforma non cabía nas mentes dos tecnócratas do réxime, para modernizar o "minifundio autártico" había que aplicar terapia de choque: abandonar o monte e o toxo como fose, polo civil ou polo criminal, despois comprar sementes (de plantas melloradas e vacas milagreiras), cemento e motores. 

Na versión "Green revolution" dos anos 60 había unha única proposta técnica mundial, única cartilla de formación mundial nas escolas de agronomía, única metodoloxía de extensión que veu directo da administración norteamericana ao acabado de crear "Servizo de Extensión Agraria" e que rendía contas directamente a Franco. Así trouxeron máis enxeñeiros da misión do Banco Mundial que remataron coa "idea" de integrar a modernidade no ciclo solar. Para isto estaba o petróleo barato (dous dólares o barril nos 60) e a luz das presas e térmicas, unha economía dopada co fósil e coa memoria asolagada polo monopolio eléctrico. 
Pero o toxo persistiu, o monte do común persistiu, agras e prados persistiron, e o rancor contra o monopolio persiste, xa fose Castrelo de Miño, As Encrobas, ENCE ou os xigantes eólicos. Darei conta nun próximo artigo das posibilidades da volta das comunidades solares.

Comentarios