Opinión

Nostalxias e disrupcións no rural...

Os que nacemos aos fins dos sesenta, e máis se pasamos pola experiencia da emigración, sentimos unha certa vertixe emocional ao pensar que un mundo desaparecía de vagar diante dos nosos ollos, e de paso dexergar unha nova realidade inquedante...

Certamente testemuñamos as últimas músicas dos carros de vacas, as últimas apañas colectivas da parroquia, cada cortiña e herbal contaba e na casa da avoa aproveitábase cada corte e recanto de horta...aquelas fresas. E tamén as primeiras granxas colectivas, as casas recebadas de cemento, os teléfonos, as pistas asfaltadas, a luz, a traída...en definitiva, unha transfiguración do noso rural próximo.

Esta especie de nostalxia sobre tempos que foron fíxome cuestionar se isto era unha evolución ou un derribo máis ou menos programado. O desenvolvismo tardofranquista dos 70 creou “paraísos de cemento”, agora “covid friendly”, nas urbes galegas, na Coruña esperaban os “inmobiliarios” no andén aos retornados que chegaban en tren á Estación de San Cristovo. Aquela aldea da infancia á que que acabei devecendo máis que a aristocrática campiña inglesa de Suffolk, onde tamén morei.  

O fío sociolóxico do asunto levoume co tempo a pensar nunha realidade histórica descomunal que desde a era castrexa e o Parochiale suevorum levou cos moitos séculos a un sofisticado complexo agrario, así o relatou o xeógrafo Abel Bohuier coa súa non menos descomunal obra La Galice, essai géographique d'analyse d'interpretation d'un vieux complexe agraire. Nos anos 50 e 60, na altura do traballo de campo do dito xeógrafo, esa realidade campesiña aínda vivía.

O desenvolvismo tardofranquista dos 70 creou “paraísos de cemento”, agora “covid friendly”, nas urbes galegas

O que describe Bohuier é un territorio cunha organización poboacional dispersa e distribuída segundo as posibilidades produtivas de cada territorio e de paso unha cultura do traballo e dos usos no agro, unha arquitectura popular que inzaban de pedras, cómaros, muros e  socalcos todas as parroquias, pero tamén un saber usar as fontes, regatos e tornas. E coa pervivencia do uso comunal e polifuncional dos montes de “propiedade xermánica”, non existía o forestalismo, pasouse a non levar as vacas ao monte.

Algo viu a desenvolver o evanxelio da difusión da “modernización”, o Banco Mundial e os técnicos norteamericanos que formaron os primeiros extensionistas no noso país aceleraron a “granxarización” do espazo agrario, a adopción do paquete petroquímico e as novas sementes miragrentas, asemade a tecnocracia agraria franquista propuña a concentración parcelaria nas agras e a apropiación consorciada dos montes comunais para eucaptilizar en favor de ENCE e axiña a “industrialización do lume” como propina. Consecuencia disto foi a simplificación e especialización da paisaxe rural nunha ducia de bisbarras galegas cara á produción pecuaria, e a consecuente chegada desde os latifundios austrais de montañas de graneis para os alimentos do gando, no resto do país a proliferación do barbeito improdutivo.

Asemade a tecnocracia agraria franquista propuña a concentración parcelaria nas agras e a apropiación consorciada dos montes comunais para eucaptilizar en favor de ENCE e axiña a “industrialización do lume” como propina

Agora chega a fantástica era das disrupcións, como agora se alcuma a idea de que estamos en constante mutación social, por que cada semana temos unha grande promesa tecnolóxica en portas: a internet, o 5G, a revolución fotovoltaica, o teletraballo, a “economía partillada”, etc. Estas promesas tecnoutópicas non son neutrais, son potencialidades enormes que sen dúbida van estar dispoñibles pero nas palabras dun pensador advirte: “na civilización que cre que a natureza lle pertence para dominala e dispón ademais dunha tecnoloxía poderosa ten a mesma probabilidade de sobrevivir que unha bola de neve no medio do inferno”.

Teremos que aprender a peneirar estas novas capacidades e ver por onde camiñar, para cambiar o actual e insostible momento, con parsimonia perante a incerteza, con menos peso e saber decrecer no consumo material. Non sei se teremos que voltar a levar outras “vacas” ao monte, agora non pode ser na miña aldea, hai un campo de golf...
 

Comentarios