Opinión

Civilización ou barbarie

Cando era pequecho os veciños apagaban o lume con xestas, e o lume era un drama, non unha comedia, nin unha película de acción. Agora todos somos espectadores da deshonra.

Cando era pequecho os veciños apagaban o lume con xestas, e o lume era un drama, non unha comedia, nin unha película de acción. Agora todos somos espectadores da deshonra.

Onte calcei os meus deportivos, e como acotío, funme a correr polos vieiros de sempre, un camiño de terra  que se perde entre Pazos e Rebordelo, en dirección a Anceu, onde se pode ver dende o alto unha fermosa vista do encoro e Eiras e o castro do Barbudo. Fun para me despedir, sen eu sabelo, daqueles montes cheos de andoas e cantarelas en outono.

"Hoxe volvín polos camiños tantas veces transitados nos últimos anos. De loito xa. Como nun orixinal velorio con paisaxe lunar. Cuberto pola cinsa".

O lume devorou o lugar. Nunca pensei que a catástrofe tomara esas dimensións. Caía a noite e vin tres operarios apagar as chamas à beira dunha pista, cuns longos matamoscas. Era de supoñer que sen mangueiras, como nas pelis, o lume non se podía controlar. Quizais non teña esa intuición que se apunta ao xénero feminino. Tal vez, como as avestruces, non quería ver. Debín supoñer a catástrofe tendo en conta que vivimos nun país onde non se conserva case nada, a non ser que non se saiba que existe, ou nos ameacen cunha sanción da comunidade internacional. Era de prever que un lume provocado debía levar por diante os únicos piñeirais e soutos de arredores de Ponte Caldelas, para poder saír nas televisións públicas e privadas do mundo mundial. É dicir, o mundo de Madrid. Todo o que non fose así, era unha cagadiña.

Estando como estamos afeitos a ser foco deses medios por boas causas. Trátase agora de non perdelas boas costumes  para fomentar a imaxe de cristiños con Prestiges, Angrois, Charlins, Oubiñas,  Gurtels, Campeóns, Feijoos e Fragas. A dignidade non é nada. Igual nos insulta Rosa Díez, que Rajoy nos bota unha mexada. Estoicos somos. Non pasa nada. Falase da sociedade de risco pero nós só somos parte da sociedade da indiferenza. Vemos pasar os acontecementos diante de nós sen nada que alegar, aínda que só sexa un brindis para a historia. Estamos afeitos a perdelo todo!  Adeus linguas, adeus pinos, adeus aforros e caixas, adeus empresas autóctonas e xuventude das nosas diásporas. 

Hoxe volvín polos camiños tantas veces transitados nos últimos anos. De loito xa. Como nun orixinal velorio con paisaxe lunar. Cuberto pola cinsa. Escoitando as sicofonías de seres vivos mortos nun crematorio a ceo aberto. Agromándome no caletre maldicións e malos pensamentos contra os malfeitores. Sempre impunes e destemidos. Eses homes sen penas nin condenas. Nun concerto de chambóns desafinados. Unha tómbola máis con intereses sinistros e espurios para repartirse o país a anaquiños, con contratos sen concorrencia, nin publicidade. Coma sempre.

Todo é un negocio. O lume tamén. Malvendemos a cultura, a identidade, a natureza e a vida, a cambio de non se sabe moi ben o que. É isto a civilización, ou a barbarie? E nós, tantos anos na escola, e sen sabelo.

Comentarios