mércores 19/05/21

Vivirmos máis anos sen penalizar a nosa protección social

O avellentamento da poboación emprégase para cuestionar a viabilidade da seguridade social e facer mudanzas que endurecen o acceso a certas prestacións e reducen a súa contía (na Galiza realmente baixas porque os salarios que fixan as bases de cotización son tamén baixos). O “factor de sostibilidade” é unha evidencia: medio para calcular a pensión inicial de xubilación que trata de adecuar a contía da pensión á esperanza de vida, de modo que a medra da expectativa vital provoca unha mingua da pensión fixada no intre da xubilación. Vivirmos máis anos é obxecto de penalización. Semella un problema que haxa persoas maiores e que vivan moitos anos. Interesa que así sexa por fundamentalismo economicista: incentivar planes e fondos de pensións privados a través do medo (como a seguridade social non funcionará con tanta persoa vella, a nosa protección dependerá da nosa capacidade de aforro e do investimento en medios privados de protección).

Din que a seguridade social ten problemas económicos e que non ten capacidade para asegurar o aboamento das pensións, agochando que os problemas son de ingreso e non de pagamento. De sempre, aquela empregouse para abaratar custos ás empresas (socialización de perdas) en hipotéticas situacións de “crise” (por exemplo, permitindo que empresas con beneficios despidan por causas económicas, técnicas, organizativas e de produción) e na contratación de persoas con redución xeneralizada dos custos empresariais da seguridade social (bonificación da cotización), de modo que a falta de ingresos provoca despois problemas de pagamento das prestacións. Por certo, moitas das medidas aprobadas por causa da Covid-19 fan que a seguridade social padeza de novo custos empresariais que non lle tocan, agravándose as súas consecuencias negativas xa que a lexislación laboral foi reformada de forma regresiva nos últimos anos, facendo que a seguridade social sexa vítima dun Dereito do Traballo pensado máis na empresa que nas persoas traballadoras.

A seguridade social é cuestionada e, por tanto, atacada. Mais non está en crise e ten medios para garantir o seu futuro (algúns xa tratados en Nós Diario). E hai tres moi propios da solidariedade e da universalidade como principios básicos do seu funcionamento. Vexámolos.

Ampliar a seguridade social con novas prestacións. Alén da súa protección clásica (desemprego, incapacidade, xubilación...), debería protexer situacións novas e propias do século XXI, como a dependencia. Cotizarmos por ela (incluíndo a perda da autonomía por causa de idade avanzada, como en Alemaña e Francia) resolvería problemas de desamparo graves e faría medrar os ingresos da seguridade social, porque habería máis persoas contratadas para garantir esta protección e máis cotizacións reais que persoas beneficiarias da nova continxencia.

Actuar sobre o plan privado de pensións da Administración Xeral do Estado. A súa xestión por unha sociedade capitalista privada disuade a expansión deste plan e os seus ingresos patrimoniais só engrosan os beneficios desta empresa. O lóxico é que entidades públicas de recoñecida traxectoria e experiencia asuman a súa xestión e que tales beneficios ingresen na seguridade social. E isto vale para todos os planes e fondos de pensións, mesmo os propios da negociación colectiva, sendo xestionados por esta entidade pública e non por empresas privadas.

E obrigar a cotizar na seguridade social as sociedades capitalistas sen actividade empresarial (e con grandes beneficios pola súa capacidade patrimonial multimillonaria). A Lei Xeral de Seguridade Social exclúe do sistema as persoas socias de tales sociedades. Debería reformarse para que tales socias, sempre con beneficios, figuren afiliadas e cotizando na seguridade social a través do réxime de persoas autónomas, sen prexuízo doutras mudanzas do seu contido que obriguen a cotizar igualmente as propias sociedades capitalistas.

Hai, en efecto, moitos medios para se adaptar ao avellentamento da poboación sen ter que penalizar (ou recortar).

comentarios