Opinión

Antes austeridade, agora resiliencia

Apesar da crise sistémica do capitalismo, os valores fundamentalistas do mercado viven un estado de esplendor, mesmo logrando popularizar expresións moi diversas no noso vocabulario cotián —tamén o xurídico—, aparentemente neutrais mais cunha forte carga ideolóxica no seu emprego. Todas queren impor unha concreta visión da realidade para influír na nosa conduta, que é o que permite despois facer natural —e sen sobresaltos— a materialización de principios economicistas. Sábese que unha parte principal do debate ideolóxico e político está no uso perverso e manipulador da linguaxe e os valores empregados á hora de estruturar e comunicar as ideas, encaixando así os termos da dialéctica nun marco único e exclusivamente favorábel a quen está interesado niso. Vexamos dous exemplos da linguaxe que fai pensar desde o marco dos valores do mercado, procurando aceptación social, para que nada mude. 

A crise económica internacional padecida desde 2008 permitiu introducir, sen esforzos, a 'austeridade' 

O primeiro. A crise financeira e económica internacional padecida desde comezos de 2008 permitiu introducir, sen esforzos, a palabra austeridade —ollo, non confundir con austericidio, que sería acabar con ela— neste conxunto de expresións teoricamente inocuas. Mais fíxoo como hábil eufemismo —no contexto de ataques ao público, coa coartada dunha crise sen orixe no público, que tiña rescatado á banca— ao uso da palabra recorte, porque se chamaba austeridade o que eran recortes do sistema de benestar social entendido nun sentido amplo. De sempre, o austero é o que se di do reducido ao necesario e apartado do superfluo. A súa perversa utilización implicou tratar economicamente ao conxunto de servizos públicos como algo excesivo e superfluo, co fin de o axustar con rigor ás normas da moral (aquí, obviamente capitalista) e reconducilo a algo que fose sobrio e sen excesos. Así, esta expresión servía para ofrecer unha visión equívoca da realidade (a protección pública é excesiva), para influír no noso pensamento e para moldear e determinar o noso comportamento (é comprensíbel e necesario pór fin a este "abuso" con medidas de moderación). Xa coñecemos os resultados da austeridade no "gasto" público (recortes nos niveis de protección pública, empobrecemento da poboación e medre de negocios privados, en que prima o lucro empresarial, que ofertan o que diminúe no público).

A Covid-19 amosa as evidencias dun capitalismo moribundo e incapaz de garantir a vida 

O segundo. A Covid-19, que non é causa de crise económica, amosa as evidencias dun capitalismo —moribundo e incapaz de garantir a vida das persoas e dos pobos nin sequera na actual pandemia— que precisa ser rescatado de novo. O seu rescate (a chamada recuperación económica, que non é social) será de novo con fondos públicos que implicarán reformas moi duras e con recortes e mudanzas drásticas do modelo actual de protección pública. E a súa dureza precisa, desde xa, promocionar a súa aceptación a través do conformismo, condicionando o noso pensamento para determinar despois o noso comportamento. De aí o recurso á psicoloxía positiva e a apelación permanente á resiliencia (expresión empregada máis de 500 veces nas 348 páxinas do PDF do Plan de recuperación, transformación y resiliencia do Estado español). Debe promocionarse a capacidade de saber sobreporse ás experiencias negativas e adaptarse ás mudanzas que virán. Si, termos sempre unha actitude positiva, aínda que a situación sexa realmente grave e insufríbel. Trátase de que sexamos persoas optimistas e que teñamos unha capacidade positiva de adaptación. Non cuestionarmos nada (e menos cando sexa conflitivo), porque isto é  algo negativo que conduce á tristura, á anguria e á autodestrución. Non se trata de transformarmos a realidade social, senón só de mellorarmos o noso estado de ánimo para encaixarmos e aceptarmos o status quo por moi inxusto e insoportábel que sexa. En fin, resiliencia para conseguir compracencia social e adaptación permanente no lugar de cuestionamento.

Sermos conscientes do uso perverso e manipulador da linguaxe sempre foi moi liberador na Galiza.

Comentarios