Opinión

Eu defendo a CRTVG, eu defendo o público

A dramática vaga de incendios desta fin de semana puxo en evidencia unha vez máis á CRTVG. No canto de ofrecer información puntual da evolución das chamas polo territorio galego, a canle pública ofrecía fútbol, Luar e todo tipo de entretementos, como se iso puidera tapar o fume que podiamos cheirar en calquera punto de Galiza. Foi tan evidente o abandono da encomenda parlamentaria que ten a CRTVG desde a súa creación como servizo público, que até o actor da serie Serramoura, Miguel Ángel Blanco, pediu desde o seu Twitter cortar a emisión desta serie para informar a todos os galegos e galegas da vaga de incendios que neses intres arrasaba Galiza e que, coa chegada dos primeiros refachos do Ophelia e da noite, a cousa só podía ir a peor.

O PP utiliza a CRTVG para tapar as miserias da súa política destrutiva con este país e como arma arreboladiza contra os adversarios políticos sempre que ten ocasión. Sen embargo, a CRTVG é nosa, é de todos os galegos e galegas. É tan nosa como a sanidade pública, que o PP está desmantelando, lenta, pero inexorabelmente para beneficiar a sanidade privada, como puxo en evidencia o BNG non hai moitas semanas denunciando as entrevistas secretas de Feijóo co lobby privado deste sector. É tan nosa como a educación pública, burocratizada, segregada e españolizada a máis non poder. Mais a pesar das deficiencias que ten a sanidade e a educación públicas, loitamos para defendelas e para esixir un cambio do rumbo, non nos tiramos nos brazos da privada, porque sabemos perfectamente que, a pesar dos problemas que teñen ambos servizos públicos, son os únicos que nos garanten unha cobertura universal, gratuíta e de calidade.

Por iso non comparto as campañas de acoso e derribo que está a sufrir a NOSA canle pública de comunicación. Denunciemos a manipulación, esixamos un cambio na CRTVG para que sexa de todos e todas, esixamos que cumpra os obxectivos para o que foi creada que non son outros que a de servizo público, a “promoción e difusión da cultura e lingua galegas, así como a defensa da identidade de Galiza",ben como “o reflexo do pluralismo ideolóxico, político, cultural e social” do noso país, entre outros.

Non fagamos campañas de boicot públicos contra a CRTVG, porque iso o único que fai é entregarnos ás canles de comunicación privada, que non o esquezamos, tamén teñen intereses políticos e económicos e non son ningún dos obxectivos anteriormente, especialmente o da difusión da cultura e lingua galegas; ao contrario, son fomentadores da españolización e da perda de identidade do noso pobo.

Como dixen anteriormente, as canles privadas de comunicación teñen dono e defenden os seus intereses de clase manipulando a través do entretemento revestido de servizo público. Só un exemplo: non hai moitos días o famoso presentador de La Sexta, Jordi Évole, entrevistaba a Carles Puigdemont; o obxectivo non era outro que poñer contra as cordas ao presidente da Generalitat a poucos días do referendo de autodeterminación, cousa que conseguiu a través dunha escenografía que só podía prexudicar ao entrevistado e ocultando convenientemente certos datos aos telespectadores para deixar a Puigdemont en evidencia diante de todos e todas.

Neste sentido recomendo ler este outro artigo de Albert Mata, que resulta moi clarificador do nivel de manipulación de La Sexta, e en concreto de Jordi Évole,. Recordemos que esta canle de comunicación é do mesmo grupo que Antena 3, o outro títere co que nos entretén e manipula o Grupo Planeta, cuxo obxectivo é que gañen os seus; e abofé que o está conseguindo.

En resumo: entendo o enfado cara a CRTVG; cando o máis o necesitaba o pobo galego estaban a outra cousa e iso non pode ser. Mais, canalicemos o noso enfado, non tiremos pedras sobre o noso tellado; a CRTVG é nosa, defendámola, esixamos cambios, pero non nos botemos en mans das privadas.

Comentarios