Opinión

O incendio do Pindo e a aversión da Xunta polos parques naturais

O 14 de xaneiro de 2009 publicábase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a declaración de Paisaxe protexida para os Penedos de Pasarela e Traba. Era a segunda declaración deste tipo da Consellería de Medio Ambiente que dirixía Pachi Vázquez, conselleiro do goberno bipartito PSOE-BNG. A Xunta actual nunca o faría.

O 14 de xaneiro de 2009 publicábase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a declaración de Paisaxe protexida para os Penedos de Pasarela e Traba. Era a segunda declaración deste tipo da Consellería de Medio Ambiente que dirixía Pachi Vázquez, conselleiro do goberno bipartito PSOE-BNG. A Xunta actual nunca o faría.

"Pasaron non dous, senón catro anos da declaración do DOG e nin Medio Rural nin Medio Ambiente moveron un dedo por limpar e acondicionar a área dos míticos Penedos que engaiolaran a Pondal e a Otero Pedrayo"

En virtude daquela declaración, a Xunta de Galicia quedaba obrigada a desenvolver, nun prazo de dous anos desde a entrada en vigor do decreto, un Plan de Conservación da Paisaxe Protexida dos Penedos, que viña supoñer medidas para a protección, xestión e ordenación  desta singular paisaxe: limpeza, recuperación, rexeneración e posta en valor do recinto, sinalizando as rutas e as formacións xeolóxicas máis sobranceiras. Todo parecía indicar que en breve iamos estar a nivel europeo gozando dun parque temático natural capaz de atraer visitantes de toda Europa, pois as singulares formas da chamada acrópole da Terra de Soneira, non tiñan nada que envexarlle á Cidade Encantada de Cuenca ou -na opinión dalgúns- á mesmísima Calzada do Xigante de Irlanda. 

Pero o noso gozo nun pozo, pois chegou o goberno Feijoo “y mandó a parar”. Chegaron os do NON e de nada serviu que unha delegación da Asociación de Veciños de Pasarela -acompañada polo catedrático de Xeoloxía da UdC, J. R. Vidal Romaní- mantivese no ano 2011 unha entrevista con altos cargos da consellería do ramo. A calada por resposta. En suma, que pasaron non dous, senón catro anos da declaración do DOG e nin Medio Rural nin Medio Ambiente moveron un dedo por limpar e acondicionar a área dos míticos Penedos que engaiolaran a Pondal e a Otero Pedrayo. A superficie pola que se estende volve estar inzada de toxos altos e todo tipo de maleza, excelente combustible para arder en calquera momento. 

"Un pregúntase se o Pindo ardería igual se se tivese declarado Parque Natural como se pedía e se se tivese iniciado un plan para limpalo e acondicionalo".

Hai poucos días 50 persoas da Costa da Morte, nunha viaxe á República de Irlanda, desprazámonos adrede desde Dublín ós confíns de Irlanda do Norte (uns 500 km ida e volta) unicamente para ver a Calzada do Xigante, senlleira formación xeolóxica de columnas de basalto. A entrada individual custa 8 € e recoméndase reservar con tempo. Estaba cheo de xente e todos pensamos nos cartos que perdemos en Galicia por non explotar o noso rico patrimonio natural: daba envexa ver os ingresos que a este país lle proporciona este lugar e a cantidade de xente que ten un traballo grazas a estas pedras, que para eles son “more than a pile of stones” (‘máis ca unha morea de pedras’). Ou moi listos son os norirlandeses ou moi parvos somos nós. ¡Pensar que o “noso” Goberno presume do contrario: de “aforrar” salarios eliminando postos de traballo...!

A Asociación Monte Pindo leva anos reclamando da Xunta a declaración  de Parque Natural, o que traería consigo a súa protección e coidado.  Que un saiba, de momento o goberno galego fixo oídos xordos a esta reclamación. Declarado o incendio, o monte do mítico macizo do Pindo ardeu na súa totalidade, sen que valesen para nada os medios empregados na extinción do lume. Millóns de euros (tamén) queimados. E un pregúntase se o Pindo ardería igual se se tivese declarado Parque Natural como se pedía e se se tivese iniciado un plan para limpalo e acondicionalo. ¿Non estarían  mellor empregados na prevención todos eses cartos que agora se dilapidaron inutilmente? A política que se repite cada verán é un completo fracaso, pero para nada se abandona. Gástase ben máis apagando lumes có que vale o monte (avionetas, helicópteros, brigadas, exército…). Hoxe foi o Pedregal carnotán, o que ardeu; mañá será a área dos Penedos de Pasarela –xa houbera de selo este verán- ou doutro lugar calquera da nosa xeografía. E a Xunta a velas vir; seguirá co seu NON sistemático a toda proposta: non a cumprir coas súas obrigas na limpeza e posta en valor do recinto dos Penedos, non á declaración do Pindo como parque natural.  Despois virán os lamentos e as consabidas acusacións contra os incendiarios que asasinan “aos (sic) nosos montes”. 

Xosé Mª Lema

Comentarios