Opinión

A Sanidade: o que non é, e o que pode ser!

A saúde é a maior posesión. A alegría é o maior tesouro. A confianza é o maior amigo (Lao Zi, Mestre oriental do Taoísmo, nado no século V a.C.)

Temos o mellor Sistema Sanitario Público do mundo... e os peores administradores do mundo!

A Sanidade non pode estar en mans de persoas que non cren no Público (si, con maiúsculas): os cartos de todas, deben ser administrados de forma que cheguen a toda a poboación, e que calquera que teña unha necesidade sanitaria, poida dispor da súa asistencia sen ter que hipotecarse para poder ser atendida.

A Atención Primaria (AP) ten que estar preto da xente. Non podemos esperar até 7 días para ser atendidas e atendidos polo médico de cabeceira, non podemos esperar por unha proba diagnóstica un tempo que non temos, pois cando estamos enfermos é cando o precisamos, non podemos esperar por unha intervención cirúrxica tanto tempo que cando nos chaman xa sexa tarde, ou xa recorremos a outras instancias para resolver o problema de saúde. Se consideramos que a AP é básica, a Administración e os nosos xestores teñen que poñer os medios para resolver o problema que temos, para iso son os e as garantes de administrar o sistema, para que se a sanidade pública é de 1ª división, que os xestores non sexan de 3ª rexional…

Para que a AP en Galicia teña futuro, temos que construír, por consenso, un Sistema Sanitario que de verdade sexa universal, gratuíto, público, equitativo e de calidade. E a pregunta é saber se isto é posible. Temos que dispor dun marco legal para levalo a acabo: en Galicia creouse o Consello Técnico (CT) de Atención Primaria, constituído por xente capaz de orientar as e os administradores cara a un sistema de calidade; as 16 Comisións Técnicas creadas para levar a cabo o novo modelo de AP de Galicia e contar co coñecemento de persoas expertas de verdade (non “expertos” sacados da chistera do poder, das xestorías privadas e de fóra de Galicia) para que o documento que saia, insisto, por consenso, sexa avalado polos partidos políticos que teñan a capacidade de gobernar a nosa terra. Ese documento, que será de máximos, porá en valor o que todas e todos buscamos na atención ás persoas: calidade, equidade, recursos en infraestruturas e orzamentos para que as e os profesionais do sistema non traballen en precario, teñan o apoio dunha administración que vele polo público e que teña futuro.

Todo isto témolo xa. Os meses que traballou o CT teñen que servir para que a AP en Galicia sexa a “sala de estar” das persoas. Non “a porta de entrada” (hoxe éntrase no sistema sanitario de múltiples maneiras) pero si que sexa o lugar onde as persoas se atopen máis cómodas, para poder resolver os seus problemas de saúde, de forma próxima e inmediata... e de non resolvelo, si canalizar os temas para que a atención especializada o poida solucionar de maneira rápida, sen demoras e coa calidade que se presupón a un Sistema Sanitario do primeiro mundo, que non deixe na estacada as persoas máis vulnerables e que poidamos acercarnos a elas coa confianza de que o que nos pasa poida ser resolto de forma óptima.

A xestión nos anos precedentes non é un bo augurio para solucionar o exposto... pero a capacidade da xente que controla dos temas de saúde é un aval importante para levalo a cabo, sempre que as e os xestores que teñan a misión de levar a AP en Galicia nos vindeiros anos fagan caso das conclusións do CT de AP de Galicia.

O sistema que se implante non será do partido político que está no poder. A saúde ten que ser algo que transcenda a política partidista e a corto prazo, para pensar nas xeracións vindeiras e nas persoas que o precisen no momento da vida, en que son máis vulnerables. Ten que durar no tempo e que o “conselleiro” de quenda non trate de actuar en solitario e cunha mentalidade curtopracista e vantaxista.

Temos os recursos, temos a xente, temos os documentos,... falta a vontade política de levalo a cabo... e esa é a grandeza da propia política.

Comentarios