Opinión

Razóns para mobilizarnos o próximo 21 de abril

O día 18 de abril de 2009, o señor Feijoo toma posesión como presidente da Xunta. Levamos 11 anos de desmantelamento do Sistema Sanitario Público, que ten na pandemia da Covid-19 o seu capítulo máis amargo, até o de agora...

O número de persoas contaxiadas é de 119.000, o de mortes é 2.370 (en Residencias de Maiores representan o 45%), o  número de persoas con secuelas evidentes por pasar a Covid-19 e o de persoas afectadas a nivel económico, social, laboral etc. é inxente. Todo isto é o reflexo de como está agora o Sistema Sanitario na Galiza. Mais explicarei o motivo.

As razóns para a mobilización son múltiples e todas importantes. A Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia exixe normalizar a asistencia sanitaria nos Centros de Saúde e Hospitais. Que se poida ter unha asistencia de calidade e presencial é algo que debemos recuperar e poder seguir, tamén, coa atención aos pacientes doutras enfermidades non Covid. A morbilidade e a mortalidade por outras doenzas tamén aumentou de forma exponencial dende marzo de 2020, cando se decretou o estado de alarma no Estado español. A Consellaría de Sanidade debe normalizar as citas presenciais e cando estas se solicitan por Internet, debe permitilo (a día de hoxe, está prohibido).

O Sergas, ten que deseñar un Plan integral para afrontar de forma eficiente as listas de agarda. Coa desculpa da pandemia: as consultas, as probas diagnósticas e as intervencións cirúrxicas, viron retrasada de forma dramática as súas citas, causa tamén do aumento doutras patoloxías.

Temos que ter unha información transparente e un acceso universal ás vacinas: non por dar moita información se informa mellor. A cidadanía ten moitas dúbidas e iso refléxase na cantidade de chamadas aos Centros de Saúde para preguntar pola vacinación: onde, como, cando,... O que quere dicir que información si, pero correcta, non!

A masificación das consultas segue producíndose e agora vese agravada por causa da pandemia. O Sergas, coa táctica do Sr. Feijoo de “imos facer…” e non de “fixemos”, ten parada as oposicións, retrasándoas dun ano para outro, e os postos de traballo sen cubrir. A Mesa Sectorial, lugar de encontro cos sindicatos para resolver os problemas dos e das traballadoras e a falta de persoal, continúa en suspenso e a necesidade de cubrir as prazas non se fai. Ao ter que acumular o traballo das compañeiras que non están, provoca máis masificación das consultas.

A precariedade laboral é algo xa endémico do Sergas: traballar por días e cobrar por horas, por semanas e non pagar nin sábados nin domingos, por meses e ter que ir mes a mes a firmar un contrato dunha vacante, son prácticas diarias na “empresa máis irregular que existe”, que é o Sergas. O tema da inestabilidade e a non conciliación da vida laboral e familiar é o pan de cada día!

A segunda reforma que fixo o sr. Feijoo da Lei Galega de Saúde do ano 2008 é para sancionar a poboación, a quen fai responsable, día a día, dos contaxios producidos. O PP, nunca ten a culpa de nada: ou é do Goberno central ou é da oposición en Galiza ou da propia cidadanía...78 veces ten a palabra “sanción” esta reforma da LGS. Como xa dixemos, é inconstitucional en moitos aspectos e así o ten recorrido o Goberno central. Xa na primeira reforma eliminou a participación cidadá na toma de decisións e retirou catro áreas sanitarias vitais para as súas comarcas.

Cando falamos de “Recuperar o Sistema Sanitario Público na Galiza” dicímolo para informar a xente, non a través dos e das voceiras da Xunta de Galicia, que son moitas e moi poderosas, senón para que se coñeza a sanidade real e non a que nos contan os acólitos de Feijoo.

O 21 de abril faremos mobilizacións en todas as localidades da Galiza. En Compostela, verémonos na Praza do Obradoiro ás 20 horas, cada quen co cartaz que considere e gardando as distancias de seguridade que exixe o protocolo anticovid-19. Cantas máis sexamos, máis forte lle diremos ao PP e ao sr Feijoo o que pensamos da situación actual da Sanidade. Si somos moitas persoas, terán que escoitarnos e facelo, terán que actuar, e así melloraremos a calidade asistencial da xente.

Anímate e participa!

Comentarios