Opinión

Por que nos manifestamos o 14 de novembro?

Dende a Plataforma SOS Sanidade Pública da Galiza convocamos a manifestarnos, na Alameda de Compostela, o domingo día 14 de novembro, ás 12 horas. Os motivos para saír á rúa son dicirlle ao sr. Feijoo que con esta política sanitaria de desmantelamento só se provoca morbilidade e mortalidade por afeccións que poderían evitarse de ter un Sistema Sanitario Público ben dotado, tanto de persoal como de infraestruturas. 

Se dende a Administración sanitaria din “que van construír 50 Centros de Saúde nesta lexislatura”, a pregunta do millón é preguntarlles con que persoal os van dotar? Se din que non teñen médicos para os centros que temos na actualidade, con quen se dotarán os do futuro? É a política de dicir que van facer, sen facer nada (recordemos as residencias que dixo que faría a Administración do PP “en cada capital de Área Sanitaria”... E seguimos esperando pola primeira!

Levamos 12 anos de gobernos do PP (con catro conselleiros de sanidade) e un mesmo “administrador” do Sistema, que nos levou a unha política baseada nos recortes e no desmantelamento da Sanidade Pública. Isto ten un claro responsable: Feijoo.

Xubilación de profesionais, contratacións en precario, falta de substitutos nas consultas, peche de Centros, soldos de miseria para carreiras que custa moito esforzo conseguir etc. fomentan a marcha de traballadores e traballadoras a outros servizos de saúde, que prestixien o persoal e a profesión sanitaria (e non gastan un peso en formación) sen que a Consellaría de Sanidade tome medidas. 

No ano 2022 teremos menos orzamento que en 2009. Retiráronse as Xerencias de AP. Elimináronse Áreas Sanitarias. Desapareceu a Participación Cidadá coa non posta en marcha dos Consellos de Saúde de Área e o Consello de Saúde de Galiza. Néganse a incorporar novos profesionais para garantir unha AP integral: psicólogos clínicos, terapeutas ocupacionais, fisioterapeutas etc. Xestionan a sanidade con titulares de prensa e co “imos facer”... 

A poboación galega e os profesionais son os que sofren as graves consecuencias desta situación, cun Goberno galego que segue sen escoitar e sen tomar medidas efectivas para modificar esta situación. As conclusións do Consello Técnico de AP seguen sen aplicarse, pero si: a Administración inviste en ordenadores, impresoras e agora en pintar e renovar Centros de Saúde: todo importante, pero sempre menos que dotar de persoal os Centros que teñen as súas consultas masificadas, con 40-50 persoas diarias, algo que queima os profesionais e non permite unha calidade asistencial axeitada.

Temos que parar isto e dicir non ás colas na rúa para acceder aos Centros de Saúde. Non a ter que realizar múltiples chamadas telefónicas para conectarse co Centro. Non ás listas de agarda de días ou semanas, incompatibles coa AP, que colapsan os PAC e as urxencias hospitalarias e favorecen a privatización. Non ao peche dos Centros de Saúde periféricos, que discrimina a poboación do ámbito rural, que xa ten a molestia da dispersión e que ademais está envellecida, cos problemas de mobilidade... e o non ao uso das técnicas modernas.

Non á consulta telefónica e telemática como eixo da asistencia, en detrimento da presencial. Non ao recorte de persoal e a situación de inestabilidade e precariedade laboral nos Centros.

As persoas que usamos a Sanidade real, temos que poder dicirlle ao sr. Feijoo como está de verdade a asistencia sanitaria... É inaceptable que moitas persoas enfermas teñan que recorrer ao sistema privado para recibir atención. É necesario recuperar a atención integral, a promoción, a prevención, a rehabilitación e o traballo comunitario. É imprescindible ter un orzamento finalista para a AP, que supoña o 25% do orzamento sanitario. Ter máis persoal e un novo modelo de Atención Primaria digno, integral, accesible e de calidade.

Por todo o exposto, teremos a manifestación o día 14 de novembro, ás 12 horas, na Alameda de Compostela. Acude!

Comentarios