Opinión

Por que a poboación galega sairá á rúa o 9 de febreiro en Compostela?

Hai exactamente un ano, 40.000 persoas, estabamos manifestándonos nas rúas de Compostela, convocadas pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, debido ó grave deterioro do Sistema Sanitario Público en Galicia e en particular polo deterioro da Atención Primaria (AP). Agora estamos constatando que a masificación das consultas nos Centros de Saúde segue sendo a causa principal do deterioro da asistencia e das aglomeracións nas urxencias, tanto nos hospitais como nos Puntos de Atención Continuada (PAC).

A falta de previsión dos gobernos do PP de Feixoo, con varias conselleiras e conselleiros de sanidade cesadas, levou a que os recortes masivos e a falta de profesionais, provocase que, como non se substitúen as persoas que traballan na sanidade, leva como consecuencia que as listas de agarda sexan insoportables e que a xente se teña que buscar a vida, acudindo ós PAC ou ós servizos de urxencia hospitalarios (...ou a sanidade privada que é o que máis lle interesa ó señor Feixoo).

A raíz desa mobilización de febreiro de 2019, convocouse unha folga en toda a AP no mes de abril, con 5 puntos que considerábamos irrenunciables. A administración aceptou abrir a Mesa de Diálogo que solicitábamos, creando o Consello Técnico de AP de Galicia, con 15 Comisións Sectoriais que trataran a problemática da Atención Primaria no seu conxunto. Dende as organizacións sindicais, a Plataforma SOS, as asociacións profesionais e as asociacións científicas, consideramos que a vía de diálogo aberta era moi importante, pois ata ese momento, a consellaría de sanidade practicaba o “divide e vencerás”, “negociando” cuns e con outras, pero sen plasmar nada do negociado no DOG.

O señor Feixoo ten secuestrada a información neste tema e parece que nada pasa

Creou o que chamou Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 (e o dotou con 102 millóns de euros...), creou o Consello Técnico de AP de Galicia e creou tamén un “Grupo de Expertos” para falar do mesmo tema: como resolver a súa falta de previsión e a incapacidade para ter unha AP do século XXI?

Se en abril de 2019 tamén nos mobilizamos en Defensa da Sanidade Pública en Galicia, agora faremos o mesmo (pero con máis deterioro e masificación da AP). O lema da manifestación será: “En Defensa da Sanidade Pública en Galicia” e os puntos que reivindicaremos con tódalas consecuencias que poda traer, se a administración non as cumpre, son os seguintes:

1. Non ó desmantelamento dos hospitais comarcais (como o de Verín agora co paritorio e o servizo de urxencias de Pediatría), e non á conversión de Áreas Sanitarias en Distritos Sanitarios.

2. Non á deterioración da Atención Primaria: os recortes do PP, levaron consigo a masificación e a perda de calidade na asistencia ás doentes.

3. Non ás listas de agarda tanto en AP como Hospitalarias: a desesperación das persoas que esperan por unha cita fai que a penosidade da enfermidade sexa maior.

4. Non á precariedade laboral das traballadoras e traballadores da Sanidade Pública Galega. Así se explica que non se cubran as prazas de Pediatría no hospital de Verín. As profesionais que poderían cubrilas consideran que o que oferta a consellaría de sanidade non cubre as expectativas dunha profesional ca súa especialización. O mesmo para as profesionais xoves que ven como a precariedade nos seus contratos fai que marchen a outros lugares onde o seu traballo sexa valorado como corresponde a unha profesional cualificada.

5.Non ás privatizacións (Hospital Álvaro Cunqueiro, Povisa etc.).

6. Plan Galego de Saúde Mental e aplicación real do programa da muller.

Poderíamos expoñer outras moitas razóns polas que a mobilización é imprescindible. O señor Feixoo ten secuestrada a información neste tema e parece que nada pasa... pero calquera persoa que teña unha mínima relación co Sistema Sanitario en Galicia sabe dos seus defectos, da falta de persoal, da falta de servizos, da masificación, da sobrecarga do persoal etc. Na nosa man está parar esta desfeita. Que non acaben con todo. A morbilidade causada, así como mortalidade (recordemos o sucedido na Estrada) é evidente.

Do que fagamos o 9 de febreiro e da resposta da consellaría de sanidade vai depender o ben máis prezado que temos, que é a nosa saúde. Defendámola!

Comentarios