Opinión

O peor pasou... ou non!

“O vicio máis desesperado é o vicio da ignorancia, que cre sabelo todo e autoriza entón a matar”.

Albert Camus, A Peste, 1949.

A pandemia da Covid-19 continúa. As persoas infectadas no mundo, ata o 31 de xullo de 2020, son 16.202.457 e as mortas 623.640. O número de mortes no Estado español é de 27.700 persoas. En Galicia, o número de mortes é de 620 (case 50% das que morreron foi nas Residencias de Maiores: 300); os falecementos nas Residencias de Maiores no Estado, 16.321. Os datos, dramáticos, non son definitivos... e veremos o que sucede en outono.  

Á falta de planificación temos que engadir un sistema de vixilancia epidemiolóxica ineficaz, baixa capacidade para realizar as probas PCR, escaseza de material de protección (EPI) etc. As Unidades de Críticos (UCI) está claro que eran e son insuficientes. E reaccionamos moi tarde ao que se nos viña enriba, por parte das autoridades estatais... pero tamén das autonómicas, cunha toma de decisións lenta e moitas veces contraditoria (máscaras si, máscaras non…). O da coordinación entre autoridades, sobre todo en Galicia, en vésperas dun proceso electoral, serviu máis para facer oposición de Feijóo a Sánchez, que para resolver a problemática. Os “comités de expertos” demostráronse pouco eficiente. A nefasta xestión da Xunta, con 11 anos de recortes por parte de Feijóo en sanidade e servizos sociais, tivo moito que ver coa afectación tan severa e a elevada morbilidade e mortalidade, tanto nas Residencias de Maiores como no persoal dos Servizos Sanitarios.

Nas Residencias de Maiores explícase debido á privatización e cesión a multinacionais, a fondos de investimento e a grupos da Igrexa. A situación das residencias privadas caracterízase pola precariedade da atención, o amoreamento das persoas residentes e a carencia de persoal. A moitas das e dos residentes, privóuselles (no inicio da pandemia) do dereito á asistencia sanitaria pública.

 Con respecto aos Servizos Sanitarios, a día 1 de agosto de 2020, a afectación de profesionais no Estado español é de 51.582... e en Galicia de 1.503. Pero o peor: 64 sanitarios mortos... E non se nos fixo a “proba” ata o 25 de maio!

Dende a profesión sanitaria cáenos a cara de vergoña ver que Feijóo, despois de todos os seus recortes, nos concede “a Medalla de Ouro de Galicia”; nada menos, despois de humillarnos cun cheque de 250 euros para cervexas e paradores… Temos que recordarlle a Feijóo, agora Presidente en Funcións de Galicia, que 97% da poboación pide “maior investimento en sanidade” e menos en ocorrencias do seu equipo e que el acepta.

Seguimos mantendo que o marco de actuación nos vindeiros días é poñer en marcha as conclusións das 16 Comisións Técnicas do Consello Técnico de AP de Galicia, onde está recollido o futuro da Sanidade Pública no noso país.

Cando o sr. Feijóo ten o mando das actuacións comete erros de vulto por algo que antes criticaba a Sánchez. Véselle o plumeiro de “bo xestor” cando ten que decidir el! Rebrotes e actuacións contraditorias en cada caso, cando non seguir privatizando o Sistema Sanitario Galego: agora, permite a venda do Hospital Polusa de Lugo a Ribera Salud: vaia xestor!

A pandemia, encontrounos moi mal preparados polos recortes durante 11 anos, de Feijóo e do PP, en persoal e en infraestruturas. O futuro é incerto... Pasou o peor. Ou non…

Comentarios