Opinión

A Pandemia… do doutor Feijoo

“Os enfermos morrían separados dos seus familiares e estaban prohibidos os rituais velorios; os que morrían pola tarde pasaban a noite sós, e os que morrían pola maña eran enterrados sen perda de tempo”.

Albert Camus, A Peste (1949)

Pasou o peor. Ou non… A pandemia da enfermidade COVID-19, por afectación do Coronavirus SARS-CoV-2, foi tremenda. O número de persoas mortas no Estado español, a 31 de maio 2020, é de 27.121 persoas. En Galicia é de 616; os mortos nas Residencias de Maiores no Estado son 16.321 e en Galicia 299 (case 50% dos que morreron foi nas Residencias de Maiores). Os datos non son definitivos, esperemos que en outono non rebrote este episodio de pesadelo colectivo.

En Galicia a pandemia tivo “menos incidencia” de contaxios e mortalidade que no resto do Estado. Influíron diversos factores: a dispersión da poboación, a menor utilización do transporte público, o baixo nivel de contaminación, a menor chegada de persoas procedentes doutros lugares, a calor etc. As propias condicións do país foron as que frearon a diseminación do virus. A nefasta xestión da Xunta tivo moito que ver coa afectación tan severa e a elevada mortalidade en dous ámbitos moi determinados: as Residencias de Maiores e os Servizos Sanitarios.

Nas Residencias de Maiores explícase pola privatización e a cesión, por parte de Núñez Feijóo e o PP, a multinacionais, a fondos de investimento e a grupos da Igrexa. A precariedade da atención, o amoreamento das residentes e a carencia de persoal é a tónica. DomusVi, principal grupo en Galicia, e a Fundación San Rosendo teñen moita responsabilidade: nesta última, o crego Benigno Moure, en 2008, presidente e impulsor do grupo, foi condenado a 5 anos de cárcere por apropiación indebida a unha anciá con Alzheimer (Fraga deulle a Medalla Castelao e aínda non lla retiraron). Pero as residencias privadas están tamén en mans de Florentino Pérez, Demetrio Carceller, Sanitas, Eulen, Santa Lucía, Caser, ACS, Sacyr etc., é dicir, construtoras, aseguradoras e a Igrexa.

Nos Servizos Sanitarios, aos profesionais non se nos fixo a proba do coronavirus ata o 25 de maio! Si, ao señor Feijoo non lle importa saber como está o seu persoal traballador, pero si que lle importa facer “o maior estudo epidemiolóxico da historia de Galicia” para enxalzamento do “amado líder”. Sabemos que con 1.000 entrevistas (máis/menos 2) é representativo de como está a situación... pois ben, o señor Feijoo vai facer 100.000. Con cartos públicos, claro, e coa sobrecarga para as profesionais: a el iso non lle importa! A día 1 de xuño, temos feitas 51.000 probas e segue o despropósito (en contra das organizacións de AP) coa realización doutras 50.000 probas máis; resultado: o 1,3% deron positivo. Fai falta facer 100.000 tests? Gastar cartos públicos cando con 1.000 entrevistas teríamos o mesmo resultado? Por que se sobrecarga o persoal de enfermaría, dos Centros de Saúde, para algo que xa todos coñecemos? É o señor Feijoo un irresponsable ao someter os sanitarios a un traballo inútil? Sabe o “doutor Feijoo” o que fai? A afectación de profesionais da saúde no Estado é de 51.482; en Galicia: 1.403. O peor: 63 mortos.

Outra faceta do doutor Feijoo é “adiantarse” a Sánchez nas medidas da desescalada. Un lince... claro, despois de escoitar os Presidentes das CCAA e o propio Sánchez, para facer que fai, e non facer máis que enredar e confundir os galegos!

A enfermidade encontrounos moi mal preparados debido aos recortes do Dr. Feijoo: en persoal, infraestruturas e no propio coñecemento deste tipo de coronavirus. Non investir en Sanidade e si facelo con orzamentos multimillonarios, en gastos militares, por exemplo, leva a que a sociedade estea pouco e mal atendida. De nós depende cambiar esta dinámica. Que os gastos en Sanidade, en Servizos Sociais, en Residencias de Maiores e de Discapacitados sexa o prioritario. Nas vindeiras eleccións temos a oportunidade de cambiar esta dinámica. O futuro das nosas fillas e dos nosos fillos está en xogo!           

Comentarios