Opinión

Novas ocorrencias de Feijóo

Ocorrencia: dito ou feito gracioso e enxeñoso que se lle ocorre a unha persoa.

Non se pode facer máis con menos (...e o que dixo o contrario está no cárcere). Coa que está caendo da pandemia e os recortes efectuados polo PP nos últimos 12 anos, fai que os orzamentos que temos e os que se necesitarían para unha atención sanitaria de calidade sexan insuficientes para poder realizala. 

No 2022 a realidade económica para a Sanidade Pública na Galiza será máis do mesmo: menos orzamento que no 2021 (se contamos o IPC) e 72 millóns menos que no ano 2009, cando Feijoo chega o Goberno da Xunta. Se a desculpa para non poñer os reforzos que se precisan en sanidade é a "falta de médicos e médicas", é unha falacia. Explícome: no MIR anual preséntanse 13.000 persoas licenciadas en Medicina e Cirurxía. Os Gobernos do PP e PSOE-UP convocan 6.500 prazas. Vemos, entón, que persoal médico hai, e moi bo: quedan 6.500 licenciadas todos os anos sen praza. O que non hai é a vontade política necesaria nin a inversión correspondente para darlles traballo na Sanidade Pública, así que optan por marchar a servizos sanitarios que prestixien a profesión médica (11 anos moi duros de estudo e de prácticas) e lles dean estabilidade mais un salario digno, algo que na Galiza, con gobernos do PP é imposible. Así, chegamos a conclusión de que a administración da Galiza non ten profesionais, co cal non se poden suplir os que se ausentan dos consultorios.

As últimas "ocorrencias" do Sergas pasan por recuperar médicas e médicos xubilados, por inventar unha nova categoría profesional onde o médico traballe en AP e a maiores faga gardas, por suprimir dunha volta a actividade de determinadas cotas médicas e incluso servizos, sexan de PAC ou de Centros de Saúde; pasan por bloquear axendas, aumentar a "burrocracia" inútil que nos leva a realizar informes e certificados que non valen para nada e por contratar a persoas licenciadas sen especialidade en AP para que realicen labores nas consultas (é como se queren que esa mesma licenciada opere a un paciente sen ter a especialidade 
correspondente).

Anuncian a incorporación de sanitarios do exército aos catro ventos como se fosen a solución o desmantelamento por parte do PP da Sanidade Pública e manteñen como prioritaria a consulta telefónica. Ademais, o conselleiro de Sanidade atrévese a dicir que é "a oposición a que denigra os sanitarios e ataca a Sanidade Pública". E a última (ata que veña a seguinte ocorrencia) é a de que como os médicos de AP "non están saturados" fagan tamén agora de rastrexadores. En consecuencia, as consultas convértense nun "maratón de cousas prescindibles" e déixase de atender o que verdadeiramente é importante: a clínica do día a día. 

O de pechar os 14 servizos sanitarios en Vigo e no Baixo Miño, dende logo é unha represalia pola enorme mobilización realizada na Garda, acto que se corresponde co malestar da xente, que xa non cre as mentiras de Feijóo e está saíndo as rúas en moitas localidades (chuvia fina que culminou, pero non terminou, coa masiva manifestación de Compostela). 

Vemos que a capacidade de reacción da administración do PP é moi escasa e sempre en contra de todos: sociedades científicas, asociacións de enfermos e de familiares, sindicatos, partidos da oposición, organizacións sociais, e ata asociacións de veciños), e só teñen o apoio do grupo do PP. Dende logo, o que "están facendo" non vai na dirección axeitada. Teñen nun caixón, dende novembro do 2020, as conclusións do Consello Técnico de AP, das súas 15 Comisións Técnicas creadas para facer o Novo Modelo de AP da Galiza. 

O obxectivo das mobilizacións é dicirlle a Feijóo (que leva 4 conselleiros de Sanidade) que ou dedica máis orzamento ao sistema sanitario público, ou as secuelas que deixe esta falta de atención e de calidade serán unicamente responsabilidade súa. O que está sucedendo é unha pena pero esta é a realidade. E cada día que pasa vai a peor! 

Comentarios