Opinión

É necesario un POIR ('Políticos Internos Residentes')?

"Se non che gusta cómo son as cousas, cámbiaas"
Jim Rohn: empresario, autor e orador motivacional estadounidense (1930-2009)

O 29 de xaneiro de 2022 celebrouse o exame MIR (Médicos Internos Residentes). Presentáronse 13.060 persoas licenciadas en Medicina e Cirurxía e había prazas para 8.188, das cales, de Medicina Familiar e Comunitaria eran 2.336. Quedaron moitos Médicos sen praza. Por que di Feijóo que non temos Médicas? Nesta convocatoria (que é anual e estatal), terían a posibilidade de ocupar moitas máis prazas, que fan moita falta, para evitar a masificación das consultas de AP e así, poder desconxestionar os Centros de Saúde ao "bordo do colapso" (en palabras do ínclito conselleiro de Sanidade). Por que non o fan? Que interese teñen en manter unha AP deteriorándose día a día e favorecendo o beneficio da sanidade privada? Por que non temos máis Unidades Docentes na Galiza, para poder aspirar a máis prazas?

A resposta pode estar na pouca ou nula preparación das persoas que teñen que administrar as políticas sanitarias. Por isto, pregúntome se non fará falta o POIR: un exame despois dunha preparación previa (de cinco anos é a do persoal médico, despois de seis anos de carreira) para poder exercer na política e saber administrar os recursos, dándolle prioridade á xestión do máis importante que temos: a saúde. 

Galiza ten un orzamento de 11.000 millóns de euros anuais, que cos 12 anos de Goberno de Feijóo fan un total de 132.000 (máis os extras que veñen do Estado español e da Unión Europea) e aínda así, a AP segue na corda frouxa. 

Nos últimos días, estamos asistindo a un despropósito de medidas dende a consellaría de Sanidade, que pasan por contratar persoal médico xubilado, sen a especialidade de Médico Especialista de AP (que require cinco anos de especialización), crean unha nova categoría de profesional médico que ademais ten que facer gardas (dous postos para unha soa persoa), seguir con salarios de miseria e sen estabilidade laboral, déficit de infraestruturas e material, etc. Todo isto é provocado por persoas que intuímos que están preparadas para a xestión, pero a realidade é ben diferente. Temos o Consello Técnico de AP en marcha dende hai tres anos, con 15 comisións técnicas que traballaron a reo para elaborar o Novo Modelo de AP. E que fan? Medidas tomadas polo PP, en contra de todos e que non resolven nin o primeiro dos problemas da asistencia sanitaria. De verdade que é tan difícil facerlle caso ás persoas expertas (208 persoas de diferente ideoloxía) para ter un modelo que satisfaga as necesidades das administradas e das traballadoras? Non sería mellor que pasasen antes un exame (duro, como o MIR) para poder exercer correctamente nos asuntos prioritarios para a cidadanía.

Se as profesionais médicas, psicólogas, enfermeiras, químicas, biólogas, farmacéuticas, etc. temos que pasar polo tema das prácticas e do exame, por que a xente que nos obriga a facer todo isto non pasa tamén un exame e unha especialización previa, para exercer como político, e que as decisións que tome, estean baseadas na evidencia e non nos caprichos do "xefe" de quenda?
No tema de poñer a exercer a médicos sen especialización é como se poñen a operar a unha persoa acabada de graduar. Non saberá, pois non fixo os anos de especialización. O mesmo ocorre en AP, se non te especializaches, non podes exercer: é evidente! Querer resolver os múltiples problemas da AP con "parches" dá como resultado que as costuras se noten moito máis que se as solucións se buscan en especialistas de verdade, en xente que saiba por onde vai o Sistema Sanitario Público e como investir correctamente uns cartos que son de todas. 

Avogo por un POIR, para que a sanidade pública na Galiza, saia deste atoamento no que nos meteron as políticas de desmantelamento do PP. Entre todas, debemos facer cambios importantes e apostar polas conclusións do Consello Técnico de AP que teñen dende novembro do 2020 nun caixón!

Comentarios