Opinión

Irresponsabilidade... e esperanza!

"Como a felicidade dun pobo depende de ser ben gobernado, a elección dos seus gobernantes pide unha reflexión profunda". Josep Antoine René Joubert (1754-1824). Moralista e Filósofo francés.

Vivimos tempos de incerteza. E non sabemos cando acabará. A Covid-19 estase prolongando e as e os afectados seguen medrando.

Tamén as e os mortos. A solución debía ser confiar nun sistema sanitario que fose capaz de resolver os problemas, pero a realidade é teimuda, e a enfermidade continúa!
Últimamente vemos na Galiza unha serie de despropósitos que considero non se deberían producir. O abuso da atención telefónica na sanidade galega e a falta de persoal colapsan os centros de saúde e PAC. O acceso á Atención Primaria (AP) complícase. O Sr. Feijoo considera que a "sanidade do futuro será telemática e dixital" e así dá a orde de "priorizar as consultas telefónicas", co que a relación médico-paciente queda limitada a unha chamada de teléfono. A praxe da AP baséase na accesibilidade e na confianza, entre x profesional e x paciente. Se isto non ocorre, "por culpa dunha decisión administrativa" e non se poñen os medios necesarios para levala a cabo de forma digna, pérdese o máis importante, que é poder dar solución ao ben máis preciado que temos: a saúde.

Outra decisión que considero irresponsable é que a Consellaría de Sanidade ordena por correo electrónico aos seus médicos e médicas de AP que "deixen de facer PCR a contactos estreitos de positivos con Covid-19". As razóns clínicas son difíciles de explicar, pois sen PCR negativa e sen illamento, as posibilidades de que esa persoa poida contaxiar outras é moi alta. Esta decisión compleméntase coa mentira máis penosa que o Sr. Feijóo dixo en moito tempo (e mira que di mentiras!), pois ben: mantén a opacidade sobre o número de rastrexadoras da Covid-19, coas que conta Galiza. Comenzou dicindo que eran 6.108, logo que non sabía e por fin, en sede parlamentaria, di que "máis de 700". Tamén ten unha "app" para que cada persoa faga de rastrexador/a de si mesma: puido dicir que ten 2.700.000... que somos as e os habitantes da Galiza...

Pero á vez, acepta o despregamento de 180 militares para realizar labores de rastrexo. Aínda máis, o director xeral de asistencia sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, asegura a eldiario.es que a orde "está recollida nos protocolos, porque as e os médicos de cabeceira non achegan valor engadido, cando se trata de contactos que non presentan sintomatoloxía". Ademais, afirma que lles quita "burocracia" ás consultas de AP. A ignominia é tal que non se paran a pensar na carga burocrática real que teñen as e os médicos: certificados de idoneidade para labores de pesca, marisqueo, apagar incendios, revisión do carnet de conducir, certificados de saúde para determinado traballo, de dependencia, de incapacidade, impresos de incapacidade temporal, de baixas, de altas, etc. etc. Se de verdade quixesen quitar "burrocacia", que a Consellaría de Sanidade fale coas diferentes consellarías e deixen de pedir aos profesionais certificacións que so quitan tempo ás consultas de AP. E de paso, que quiten a responsabilidade das medidas, da presión aos profesionais, para non botar a xente enriba das e dos mesmos! 

No día a día da pandemia, ao Sr. Feijoo, preocúpalle: Que a "actuación dos servizos sanitarios non se vexa desbordada". Non lle importan nin as e os infectados, nin os ingresados en UCI, nin os das residencias de maiores, nin os mortos. Só lle preocupa que o sistema non falle, sexan cantos sexan os afectados. Pero para iso, ten que investir en sanidade. Compararse con outras CCAA é patético: "Como estamos mellor, o tema é menor". E non é así: as e os mortos non previsibles, aumentan e as medidas non chegan. Feijoo é o voceiro do seu Comité Clínico… E nunca saberemos o que pensa o CC, só sabemos o que nos conta él!

Pero non todo son malas noticias: as conclusións do Consello Técnico de AP de Galiza dan solución aos problemas: falta que Feijoo as cumpra… e a esperanza está nas vacinas que parece que van polo bo camiño, a pesar das decisións políticas irresponsables. Esperémolo!

Comentarios