Opinión

Incompetencia ou estratexia

                                                            "A esencia da estratexia é elixir que non facer.
Moitos concéntranse nas súas ambicións,
pero deixan ao carón as cousas que deben previr".
Michael Eugene Porter, 1947, académico americano.

A política de desmantelamento do Sistema Sanitario Público Galego vén de anos atrás. Os gobernos do PP na Galiza practicaron a política de recortes nos servizos públicos que nos levaron a esta situación actual de deterioro da Sanidade Pública, que culmina co colapso actual nos Centros de Saúde e a masificación das consultas, incluídas as dos hospitais.

No 2008 tiñamos unha Lei Galega de Saúde que foi cambiada polo goberno de Feijoo en dúas ocasións: na primeira fixeron desaparecer catro áreas sanitarias e a participación cidadá. Na segunda (declarada inconstitucional) quixeron facer obrigatoria a vacinación. Outras desfeitas practicadas foron a falta de investimento na Atención Primaria, o que levou a que neste ano 2022 teñamos dous millóns menos de orzamento que no 2021 e 14 millóns menos que no 2008 (cunha pandemia polo medio).

A eliminación das áreas sanitarias nos hospitais máis periféricos foi un agravio para a poboación, convertida en usuarias de segunda 

Na primeira modificación, anunciada o 07/12/2017, enchíaselle a boca a Feijoo dicindo que "blindará os 14 hospitais comarcais da comunidade, porque o que se trata é de facer unha sanidade máis próxima aos cidadáns e evitar máis de 250.000 desprazamentos aos hospitais das grandes cidades. Tamén se habilita o concurso aberto permanente, en resposta a unha petición reiterada das profesionais sanitarias".

O conselleiro, Almuíña, defendeu esta reorganización (por suposto). O resultado foi que retiraron a categoría de área sanitaria a catro destes hospitais (o do Salnés, A Mariña, o de Monforte de Lemos e o de Valdeorras). E a vista está o "éxito acadado". Os hospitais comarcais supuxeron toda unha revolución asistencial para as súas poboacións de referencia. Hoxe, no 2022, adoecen de persoal e servizos que noutro tempo prestaron con gran capacidade e autonomía. A eliminación das áreas sanitarias fíxose nos hospitais máis periféricos, os máis afastados dos grandes hospitais de referencia. Foi un agravio para a poboación, convertendo as e os usuarios en cidadáns de segunda categoría.

O INE publicou hai uns días os dados de colexiación médica correspondentes ao ano 2021, fornecidos polos propios Colexios Médicos. O 24,5% do persoal médico colexiado na Galiza ten 65 anos ou máis, e outro 26,2% ten entre 55 e 64 anos, sumando un 50,7% de profesionais que ou ben xa superaron a idade legal de xubilación ou  se achegan a ela. Dez anos antes, estas porcentaxes eran moi inferiores, cun 10,6% de profesionais por riba de 65 anos e outro 23,8% entre 55 e 64, sumando en conxunto un 34,4% por riba de 55 anos. Dende diferentes organizacións, levamos anos demandando que hai que "facer un plan de ordenación de recursos humanos, para identificar as necesidades de persoal e poñer solucións". Este problema é a crónica dun desmantelamento anunciado. Nos dados xerais de médicos por habitante, Galiza tamén se sitúa por debaixo da media española (469 profesionais colexiados por cada 100.000 habitantes fronte a 499 no Estado español).

Poderiamos considerar que as persoas responsables de administrar a Sanidade na Galiza son xente que está errada na súa forma de organizar o sistema, pero a realidade é teimuda e dinos que, dende hai moitos anos, séguese unha política determinada onde priman os intereses corporativos, deixando de lado a eficiencia sobre o ben máis prezado que temos, a nosa saúde. Vemos as portas xiratorias que se activan en xente que se dedicou á sanidade privada e logo sitúase á fronte dunha Consellaría (Rocío Mosquera), vemos personaxes que levan anos e anos en cargos intermedios na sanidade, conducíndoa ao seu desmantelamento e favorecendo a iniciativa privada coas súas decisións. E vemos a un responsable máximo que acepta de bo grao esta forma de actuar, polo que podemos deducir que a estratexia está presente en todas as actuacións que asume.

Si non actuamos a tempo, para moitas será tarde!

Comentarios