Opinión

Feijoo… o “presidente” de España!

“De feito, hai dúas cousas, ciencia e opinión. O primeiro xera coñecemento, o último ignorancia” (Hipócrates de Cos, 460 a.C.-370 a.C.).

Despois da ditadura, o Estado español converteuse no Estado das Autonomías (café para todos) onde Galicia foi considerada unha das tres Comunidades Históricas. Os seus presidentes exerceron o cargo representando a cidadanía de Galicia. Fixérono mellor ou peor, pero a ningún deles se lle ocorreu exercer de “responsables” no Estado español.

Feijoo é diferente. El quere, incluso, facer leis que afecten a todo o Estado, e así lle mandou ao Presidente de España unha Lei para modificar a que xa ten o Estado: a nova Lei orgánica de saúde pública. E en Galicia, preguntámonos: non ten bastante o sr. Feijoo cos 11 anos de recortes sanitarios na Comunidade Autónoma que preside, que tamén quere facelos a nivel de Estado? Ten pendente de desenvolver as conclusións do Consello técnico de Atención Primaria de Galicia (dende novembro de 2019); 16 comisións técnicas, que de forma desinteresada, estivemos durante 6 meses traballando. 208 persoas, de diferente ideoloxía, representando sindicatos, partidos políticos, asociacións profesionais, asociacións científicas, Administración sanitaria etc., e sería o soporte para un novo modelo de AP en Galicia (á parte doutras conclusións para mellorar o sistema sanitario público).

E que fixo o “doutor” Feijoo? Nada. E por que non fixo nada? Evidentemente, por seguir mantendo o deterioro sanitario que vén provocando dende que accedeu ao cargo de presidente de Galicia.

Creou en Galicia unha Lei que chamou, eufemisticamente, Lei de garantías de prestacións sanitarias. Parece unha lei que garante a asistencia no Sistema Público, pero non: o que garante é que se pasan máis de 45 días para unha primeira consulta ou para unha proba diagnóstica, e se pasan máis de 60 días para unha intervención cirúrxica: pode ir á privada e o sistema sanitario público paga os gastos! Si, como acaba vostede de ler: o propio sistema crea unha lei na que non pon os recursos suficientes para cumprila e o propio sistema xa te deriva á privada... insólito, pero real!

Pero fixo máis, modificou a Lei de saúde de Galicia, para retirar 4 áreas sanitarias, deixando en 7 o total... o que supón que xa non teñen o seu xerente nin o seu equipo directivo, e pasan a ser xestionadas polo xerente do hospital da cabeceira da comarca. E aínda máis, nesta lei retira os Consellos de saúde de área e o Consello de saúde de Galicia, órganos de participación cidadá, e crea os Consellos de pacientes, deixando unha parte primordial da participación sen representación.

Pero parece que o cargo de presidente lle vén pequeno... e se Pedro Sánchez convocou o estado de alarma o 13 de marzo de 2020, el decreta o estado de emerxencia sanitaria en Galicia... un día antes! Se no Estado español hai entre 50 e 100 rastrexadores... en Galicia o sr. Feijoo di que ten 6.000… parece un chiste, pero é moi serio. Logo pide 200 rastrexadores ao exército español! Este señor, que non é capaz de resolver os problemas sanitarios da terra que el preside quere dicirlle a España como teñen que actuar en temas sanitarios! Non o entendemos. A non ser que a intención sexa o deterioro continuado e constante da Sanidade Pública en Galicia e o favorecemento da iniciativa privada, que, como vemos, día a día, consolídase máis.

O 87% da asistencia aos maiores realízase en institucións privadas, en mans de fondos voitre e da Igrexa. Convertéronse en verdadeiras “ratoeiras”, para os maiores, que en lugar de pasar os últimos anos da súa vida coa máxima calidade, por culpa dos xestores destes servizos vén frustradas as súas expectativas de existencia. E que fai o sr. Feijoo? “Intégraas” no sistema público, mandando persoal do sistema público, mais cando xa é demasiado tarde: contaxios e mortes, non previstas.

E este é o gran xestor que botan de menos en Madrid (incluso xente que se di “progresista”).

Si “Galicia, Galicia, Galicia”... non é bastante para el: que marche xa!

Comentarios