Opinión

E despois do Coronavirus... que?

Situémonos nun escenario novo, no que será necesario levar a cabo cambios na organización do Sistema Sanitario Público Galego, e especialmente na Atención Primaria (AP), tanto nas instalacións dos centros sanitarios como na forma en que se levará a cabo a atención xs doentes. Debemos ter en conta os criterios de separación social que son recomendables mentres dure a emerxencia sanitaria; pois ben, os traballos realizados ata agora no Consello Técnico (CT) de AP de Galicia, nas 16 Comisións Técnicas, polas 206 persoas que formamos parte del, exiximos que a Administración nos achegue as conclusións, que sabemos están elaboradas por cada Comisión, e facer a valoración final no propio CT (por consenso), para poder definir o proceso que culmine nun Novo Modelo de Atención Sanitaria. (Evidentemente este será o único camiño e non que a Administración siga requirindo a opinión de “expertxs” ou de colectivos de amiguiños do poder). Entre outras moitas cousas descritas nos traballos das Comisións, están as seguintes:

Na cuestión das formas telemáticas de comunicación cos Centros de Saúde, o rural galego teno difícil de implementar polas características do país (sen acceso a internet en numerosos concellos). Usarase a cita telefónica previa, e as outras medidas onde se poida, para ser atendidx nos centros sanitarios. Evitaranse as aglomeracións, tanto en salas de agarda, como nos medios de transporte. Que a AP teña acceso a tódalas probas diagnósticas en tódalas Áreas Sanitarias por igual. Que poidamos facer a proba diagnóstica do Coronavirus a tódalas persoas que consideremos, sen ter que pasar por ningún filtro previo. Seguir mantendo unha atención preferente ós grupos vulnerables: diabéticxs, cardiópatas, Epoc, inmunodeprimidxs, oncolóxicxs etc.

Seguir mantendo os dous circuítos de acceso ós centros: un, para pacientes sospeitosxs de Coronavirus e outro para as diferentes patoloxías. Non ter máis de 30 consultas diarias por profesional. Poder ter, 10 minutos mínimo por paciente, se así o considera o/a profesional. Cotas de non máis de 1.250 tarxetas sanitarias (o que leva a desdobrar cotas e poñer máis persoal). Substitutxs onde faga falta, sen salarios de miseria, nin múltiples contratos de escravitude e sen condicións de precariedade manifesta. Convocatoria inmediata de tódalas prazas vacantes no Sergas: contactar cos representantes dxs traballadorxs para facer o censo de profesionais, ver as prazas vacantes e as prazas que é preciso cubrir. Ter prazas MIR, FIR, EIR, PIR, que cubran realmente as necesidades dxs profesionais. Seguir mantendo a prevención dende a AP como principal obxectivo de traballo a curto prazo.

Incorporación inmediata de profesionais de novas categorías ós Centros de Saúde: Psicólogxs Clínicxs, Fisioterapeutas, Terapeutas Ocupacionais, Logopedas... Poñer, dende a Administración, os recursos suficientes ós/ás profesionais de AP que atenden xs pacientes das Residencias de maiores, para minimizar os riscos de padecer enfermidade. Hoxe soubemos que Rajoy recortou 5.000 millóns de euros para Dependencia na súa lexislatura! segundo a Asociación Estatal de Directoras e Xerentes de Servicios Sociais.

Incrementar as camas hospitalarias da rede de xestión pública: segundo os dados feitos públicos en abril de 2020 polo Instituto Galego de Estatística, Galicia conta cun milleiro menos de camas que hai unha década. No orzamento, diminuíu en 1.000 millóns de euros dende o 2009; debemos recuperar ese orzamento e compararnos cos países da Unión Europea. No tema do gasto sanitario por persoa, segundo o informe da Comisión Europea en 2019, no Estado español gastouse 2.371€, fronte a 3.700 de Noruega, 3.600 de Alemaña, ou 2.884 da UE. Temos que igualar o gasto por persoa en tódalas CC.AA e chegar á media europea.

Temos que acabar cas privatizacións e recuperar o privatizado: que xs que traballan na privada, non o poidan facer con pacientes da Área Sanitaria onde traballan na Pública, como di a lei.

A Sanidade Pública Galega precisa dun cambio. Nas vindeiras eleccións temos a oportunidade de facelo. De nós depende. O que está en xogo é o futuro: noso, dxs nosxs fillxs e netxs. Fagámolo posible!

Comentarios