Opinión

Por que chegamos a este punto na Sanidade Pública Galega?

O Sistema Sanitario Público Galego é un bo sistema, probablemente dos mellores do mundo. En teoría: é Público, é Universal, é Gratuíto, mantén a Equidade e é de Calidade... sempre e cando as xestoras que o teñen que organizar sexan eficaces. Sucede isto en Galicia? Nos últimos 11 anos, o señor Feijoo e o PP fixeron unha serie de recortes en servizos básicos de saúde que nos levaron a estar nestes momentos nunha situación de precariedade asistencial, por diferentes motivos.

A Atención Primaria está en crise permanente dende que o señor Feijoo, cando accedeu o poder, eliminou dun golpe o Plan de Mellora da Atención Primaria, consensuado con tódalas forzas sindicais, organizacións científicas e profesionais. Como consecuencia dos recortes orzamentarios e de persoal, xunto co abandono do modelo de saúde e do traballo en equipo, supuxo a falta da promoción, da prevención, da rehabilitación e do traballo comunitario o que precisa de equipos con máis persoal médico, de enfermaría, de fisioterapia, de psicoloxía clínica, de terapia ocupacional, de logopedia ou de farmacia clínica.

Cedeuse o tema da Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i) aos laboratorios farmacéuticos, ás multinacionais, á banca e aos fondos de investimento, que se apropiaron da intelixencia do sistema sanitario.

A Plataforma Electrónica Vortal Connecting Bussines, participada por Microsoft, Telefónica e Indra, xestiona a teleasistencia, a receita electrónica e a historia clínica. Privatizáronse todos os recursos necesarios para a planificación e xestión estratéxica do sistema, que está en mans de multinacionais que acceden a toda a información da poboación e dos centros sanitarios públicos e deciden as políticas e estratexias de acordo aos seus intereses. A maior crítica de Feijóo ao goberno de Sánchez é pola falta de material: cando Feijóo, privatizou o “Servizo de Subministración e Loxística a empresa Severiano Servizo Móbil”.

Privatizouse o financiamento, construción e xestión de novos hospitais, mediante a Colaboración Público-Privada o que incrementou o seu prezo e puxéronnos nas mans de fondos de investimento, de construtoras e de bancos. Os recortes no novo Hospital Álvaro Cunqueiro limitan a súa capacidade asistencial, incrementa a súa lista de agarda e favorece a concertación privada. O recorte de 400 camas deste hospital fíxose para renovar o Concerto Singular con POVISA, que mellorou substancialmente as súas condicións e que posteriormente foi comprado por unha aseguradora norteamericana (Centene Corporation) por tan só 22 millóns de euros, sen que o SERGAS exercera sequera o dereito de tenteo. Este centro, cunha oferta limitada e a maior lista de espera, segue condicionando a asistencia hospitalaria de Vigo que xa está completamente en mans privadas. O incremento da concertación da atención hospitalaria co sector privado promove a privatización da asistencia. A asistencia sanitaria é prestada nun 25% por centros privados.

As listas de agarda (en teoría defendidas pola Lei de Garantías -vaia eufemismo- creada polo PP en solitario e en contra de todas) seguen sendo ocultadas e maquilladas de maneira sistemática (o non recoller o “ya le llamaremos”) e que supón unha vulneración do dereito a atención da poboación, xeran temor e intranquilidade e xustifican as derivacións de pacientes a centros privados. O tempo medio entre primeira consulta e a intervención cirúrxica é de máis de medio ano.

Prosegue a deterioración da saúde mental. A falta de planificación e de recursos, determinan que os problemas de saúde mental en Galicia sexan dos máis complexos e perentorios do estado español, tanto por magnitude e prevalencia, como pola saturación e inaccesibilidade aos servizos de atención. O Movemento Galego de Saúde Mental estima que é necesario un 30% máis de persoal de Psiquiatría.

A saúde das mulleres (...queda por desenvolver o Plan Integral de Atención á Muller) está discriminada, vulnérase o dereito a unha boa saúde reprodutiva, deteriorando e pechando a orientación familiar e limitando a interrupción do embarazo no sistema público.

Mantense e acrecenta o abandono da Atención ás Drogodependencias, sen recursos nin persoal suficientes para a súa atención.

Púxose fin á limitada participación cidadá na planificación e control da actividade e a calidade asistencial do sistema, recoñecido pola Lei Xeral de Sanidade e anulada coa reforma da lei Galega de Saúde. Desapareceron (mellor dito: fixo desaparecer, o PP) o Consello de Saúde de Galicia e os Consellos de Saúde de Área Sanitaria.

A ausencia de planificación, os recortes e a privatización dos Servizos de Ambulancia pon en risco a vida da poboación que vive en áreas rurais, con mortes por tempos de espera inaceptables (como sucedeu recentemente).

Como di Albert Sabaf, o Supremo Líder, no libro de Daniel Asorey As mulleres da fin do mundo: “Para deter aquilo, só quedaría converter a Terra enteira nunha bola tóxica e inhabitable. A morte para todos. Así pois, mellor era o engano e o control”.

Conxuguemos o verbo aprender para cambiar. O ben máis prezado que temos é a saúde e as responsables de que o Sistema Sanitario Público Galego funcione, non o están a facer ben. Na nosa man está resolver a política de recortes aplicada polo PP nos últimos 11 anos. De nós depende!

Comentarios