Opinión

Cambiar para que nada cambie


"Se queremos que todo siga como está é necesario que todo cambie"
Giuseppe Tomasi di Lampedusa (1896-1957), escritor italiano

A estrutura da Comunidade Autónoma confire a prestación sanitaria ao Sergas. O Servizo Galego de Saúde leva sendo administrado polas mesmas persoas dende fai 13 anos. Primeiro o ex presidente Feijoo e agora Rueda, son os que marcan a pauta e a estratexia a seguir, para non sabemos que, pois o deterioro do sistema sanitario é cada día máis insoportable. Levamos catro conselleiros e de Sanidade, tres xerentes do Sergas e intercambio de cromos entre as Xerencias de cada área sanitaria.

A Atención Primaria (AP) é o sector máis precarizado. O seu desmantelamento estase facendo de forma constante e intensa nos últimos anos. A desaparición das Xerencias de AP e os recortes tan importantes no orzamento da primeira liña de actuación sanitaria conduciron a esta situación de deterioro e masificación de consultas, listas de agarda insoportables ata para acceder ao persoal médico de cabeceira (de varias semanas), a imposibilidade de contactar con profesionais especialistas, acumulación de cotas do persoal ausente, déficit de diferentes especialidades nos centros de saúde: psicólogas, logopedas, traballadoras sociais, fisioterapeutas, etc. que está facendo que non se leve a cabo unha actuación integral e que a calidade asistencial estea en mans do voluntarismo de profesionais cansas, enganadas e utilizadas como man de obra barata para resolver o ben máis prezado que temos, que é a saúde.

E todo, cunha desculpa de mal pagador: "Non temos médicos". Isto só xa deslexetima que non se substitúan outras profesionais que non sexan médicas, pero a práctica diaria, indícanos o contrario: acaban de convocar 106 prazas de Especialista de AP e presentáronse 353 médicos e médicas. Temos ou non temos? Deixaron fora 247 profesionais que boa falta farían para desconxestionar as consultas (coa pandemia aínda activa e os meses de verán con maior afluencia de turistas sobre todo nos lugares de costa). Por que non convoca o PP as 1.000 prazas de persoal médico que consideramos que fan falta? Din que é algo que sucede en todas as CCAA do Estado e noutros países, pero se ti tes na túa man a oportunidade de contar con novas profesionais, por que non o fas?

Temos 1.056 camas hospitalarias menos dende 2009 e estamos á cola do Estado en número de médicos e médicas: 469 por cada 100.000 habitantes

O PP creou hai un ano a praza de Directora Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, para Estrella López Pardo. Está claro que a súa actuación neste tempo só empeorou o problema: veu para facer o Novo Modelo de AP aplicando as conclusións do Consello Técnico de AP da Galiza e non o fixo. Pois como "premio" noméana xerente do Sergas, en substitución dun José Flores que frustrou todas as expectativas de reforma en positivo que se tiñan posto nel. O intercambio de postos entre xente que leva tantos anos na administración sanitaria na Galiza non vai resolver as deficiencias que temos a día de hoxe.

Algúns datos: temos un 25% de prazas menos de Pediatría; temos 1.056 camas hospitalarias menos dende 2009; a Xunta financia con 209 millóns de euros a sanidade privada (un 20% máis que en 2009); estamos á cola do Estado en número de médicos e médicas: 469 por cada 100.000 habitantes, fronte a 499 do Estado (mal que lle pese ao Decano da Facultade de Medicina, que nun alarde de corporativismo dixo que "non fan falta médicos". En que país vivirá...).

A sanidade privada dispón de seis de cada dez hospitais na Galiza e o 23% das camas; a propia Xunta admite que "as residencias de maiores non estaban preparadas para a Covid (nos últimos días acaban de privatizarse seis residencias que eran públicas); pecharon centros de saúde periféricos e fixeron desaparecer cotas de persoal médico onde non poñen substitutos. E poderíamos seguir pero non hai máis espazo.

Temos transferidas as competencias en Sanidade dende o minuto un. O Sr. Feijoo tomou posesión no 2009 e o deterioro e desmantelamento dos servizos sanitarios foi a máis. Moita inversión en aparatos hospitalarios pero nula no máis básico: nos e nas  profesionais, para poder prestar unha atención de calidade. Que pena!

Comentarios