Opinión

Berros pola dignidade

¡Irmáns no amor a Suevia, de lexendaria historia, ¡en pé! ¡En pé dispostos a non morrer sen loita! 
Ramón Cabanillas Enríquez, 1876-1959. Escritor Galego.

O 14/11/21, milleiros de persoas saímos a rúa en Compostela, para dicirlle a Feijoo, que “a política sanitaria do PP, e en concreto no que respecta á Atención Primaria (AP), sufre un proceso de desmantelamento e de recortes, que está levando ao deterioro da sanidade pública, con consecuencias nefastas para a poboación: listas de agarda interminables, comorbilidade por falta de prevención de diferentes enfermidades, afogos nas consultas pola masificación e a non substitución das e dos compañeiros, que leva ao deterioro da AP”.

Dixémoslle alto e claro: “Salvemos a Atención Primaria”.

Berramos “Feijoo escoita, a Sanidade está en Loita”: e é certo. 12 anos de gobernos do PP (con 4 conselleirxs de sanidade) e a falta de recursos, así como a política de non reposición das e dos profesionais, é xa inaguantable. A “pretensión de aforrar” (no ben máis prezado que temos que é a saúde), leva implícita unha perda de calidade na atención que sofren as e os cidadáns... pero gástase 738.543 euros en “capeláns nos hospitais” (equivalente a 13 médicas de familia). Antes desta manifestación masiva, tivemos a de Vigo, e antes en Compostela, e antes outras dúas en Vigo. Está claro que as reivindicacións que propón a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galiza, teñen unha constante: “Denunciar o deterioro e abandono por parte de Feijoo, da sanidade pública”.

12 anos de gobernos do PP (con 4 conselleirxs de sanidade) e a falta de recursos, así como a política de non reposición das e dos profesionais, é xa inaguantable

Berramos “Goberne quen goberne, a Sanidade non se vende, deféndese”: por suposto. Si as e os administradores do sistema sanitario non son capaces de resolver o día a día da sanidade real, deben deixar paso a persoas máis competentes e que teñan a súa atención nos servizos públicos, como prioridade. A saúde é o máis importante dunha persoa. As e os cidadáns, pagamos uns bos cartos, para que o día de mañá, teñamos unhas pensións e unha atención ao final da vida, dignas. Se isto non o pode asegurar a administración pública: Temos que cambiala!

Berramos “Máis persoal nos centros de saúde”. Di Feijoo “que non temos médicas...e que isto sucede en outras CCAA e noutros países” (non se consola quen non quere), pero nós lle dicimos: por que non substitúe á enfermería, as e os traballadores sociais, odontólogos, psicólogos, PSX? Temos profesionais, e moi bxs, o que non hai, é quen traballe por soldos de miseria e en precario (as e os usan como Kleenex) e así, búscanse a vida en lugares que prestixien a profesión que tanto costa sacar e que podan ter salarios dignos e estabilidade.

Berramos: “Non, non, non, a privatización”. O deterioro dos servizos públicos con falta de inversión orzamentaria e persoal, leva ó deterioro da AP e a xente marcha, moitas veces ao sector privado, algo que a este, lle é moi rendible, cando é a administración a que si ten cartos para investir nos concertos e non os usa nos seus servizos. E tamén berramos “a privatización é corrupción”, algo que sabe moi ben o PP: o partido máis corrupto de Europa e condenado por elo.

O deterioro dos servizos públicos con falta de inversión orzamentaria e persoal, leva ó deterioro da AP e a xente marcha, moitas veces ao sector privado, algo que a este, lle é moi rendible

Berramos: “Sanidade pública e gratuíta”. Seguimos pagando por servizos que antes eran gratuítos; menciñas, transporte sanitario, teléfonos de cita previa, derivacións a asistencia privada por falta de atención na Pública, etc.

Berramos: “Na Sanidade Pública, non somos de segunda”. Temos un sistema sanitario público na Galiza, dos mellores do mundo.

Profesionais, das e dos mellores do mundo e uns e unhas  administradoras: as peores do mundo. Así non se pode dar unha Asistencia de Calidade e as consecuencias son unha peor atención.

A dignidade da xente que saíu a rúa, contrasta cas mentiras e falacias que nos din dende un goberno esgotado. Os “seus medios de comunicación” (que acaban de conseguir moitos cartos de Feijoo) silencian e amordazan a realidade dunha sanidade pública en perigo.

Comentarios