Opinión

Ao inimigo que foxe, ponte de prata

"Al enemigo que huye puente de plata".
Gonzalo Fernández de Córdoba (Montilla, 1453 – Granada, 1515),
político e militar coñecido como 'El Gran Capitán'. 

Alberto Núñez Feijóo foi proclamado o 10 de marzo de 2022 candidato único a Presidencia do Partido Popular no congreso extraordinario do PP que se celebrará o 1 e 2 de abril en Sevilla. Dende o 18 de abril de 2009 é presidente da Xunta da Galiza.

A imaxe que ten del a cidadanía de fóra da Galiza é a de un político moderado, centrado, dialogante... Que vai facilitar o entendemento co goberno de PSOE-UP e no que teñen postas todas as esperanzas o Ibex-35, a Igrexa, o colectivo empresarial, moitos medios de comunicación, etc.

A realidade, vista dende o punto de vista de quen o sufrimos durante estes 13 anos é moi diferente. Unha persoa que leva vivindo do público dende sempre e que fai alarde de soberbia e incluso chulería. Que non deixa de atacar a nivel persoal os seus rivais e que non se para en dicir medias verdades ou incluso mentiras flagrantes, si iso o beneficia.

É capaz de tomar as rendas dun partido que se caracteriza pola súa corrupción (o PP foi condenado por iso) e de ter nas súas filas a membros do antigo réxime. E  preguntámonos, cal será a súa política dende o PP no Estado? De entrada, cargouse a Casado, que descubriu a corrupción de Díaz Ayuso. Tamén permitiu o pacto coa extrema dereita en Castela e León. Será esta a dinámica de actuación no futuro? Seguro que si. Feijóo é un político de dereitas e si Vox non existe na Galiza é porque está dentro do PPdeG.

A historia sanitaria de Feijóo como presidente na Galiza, comeza por retirar, cando chega ao poder, de vez, o Plan Galego de Mellora da Atención Primaria, consensuado por todos os sindicatos, organizacións profesionais e científicas. Pactado co goberno bipartito de PSdeG-BNG, ofrecía un aumento de cadros de traballadores e traballadoras de forma significativa e un aumento de orzamento para a Sanidade Pública. E que fixo como alternativa? Un desmatelamento sistemático da Atención Primaria e un claro apoio á sanidade privada, aumentando os cartos públicos cada ano, sendo no 2021 de 230 millóns de euros.

A Lei Galega de Saúde, realizada polo goberno bipartito, era a liña a seguir nos anos que estivo en vigor, para mellorar de forma significativa a sanidade; non era perfecta, pero tiña moito consenso e só faltaba que tivese continuidade e financiación. Feijóo fixo a primeira modificación desta lei, e retirou a participación cidadá que estaba contemplada nos Consellos de Saúde de Área Sanitaria e no Consello de Saúde da Galiza. Tamén retirou as áreas sanitarias de varias comarcas e a Xerencia de Atención Primaria de cada área sanitaria, facendo a propia Atención Primaria dependente da Hospitalaria. Non contento, fixo a segunda modificación desta lei, para facer obrigatoria a vacinación (algo que motivou un recurso do goberno central. Foi declarada inconstitucional e tivo que retirar este tema do articulado). Aparte, consolidaba os distritos sanitarios e o apoio á financiación público-privada dos centros sanitarios. Elaborou normas que sempre foron en contra da cidadanía e do persoal sanitario. Segue tendo un déficit de profesionais, por non ter unidades docentes suficientes para que o Estado lle permita ter máis sanitarios ao seu cargo. Ás veces, "esquécese" de que as cuestións que afectan á Sanidade, as ten transferidas dende o minuto un.

A última que fixo é a de bloquear a derivación a diferentes especialistas dende Atención Primaria, tendo unha consulta telemática previa coa información que lle manda o médico de familia. Non se pode mandar a unha paciente a unha consulta de Cardioloxía, Pneumoloxía, Neuroloxía, Dermatoloxía, etc. Temos que mandar un informe previo e dende o departamento contestan o que facer co paciente (en tres ou catro días). "Temos lista de espera para ser incluídos na lista de espera". Unha pena.

A Atención Primaria precisa dunha reforma urxente que se encontra nas conclusións do Consello Técnico deste servizo, que o PP non quere aplicar! Feijóo marcha... Galiza...

Comentarios