Opinión

A sanidade galega ten que ser pública, universal, gratuíta...ou non, verdade Sr Feijoo?

A privatización é evidente, pois unha corporación norteamericana, Centene Corporation, acaba de comprar o Hospital POVISA de Vigo por 22 millóns de euros.

O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 33, di que corresponde á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de Sanidade.

Sabemos que a Sanidade ten que ser Pública, Universal, Gratuíta e de Calidade:

A realidade é que, cando dicimos que é Pública, vemos día a día como se privatiza o Sistema. Dende os servizos de lavandaría, de cociña, de limpeza, a central de chamadas para citas etc. ata os servizos de alta tecnoloxía: Radioloxía, Tomografía Axial Computerizada, Galería (que se encarga do gran equipamento e que ten un grandísimo orzamento en mans da ex conselleira de Sanidade cesada: Rocío Mosquera) etc. Se o propio Sistema, que ten que defender os servizos públicos, é o primeiro en saltarse a súa lei, como se pode defender que o Sistema Sanitario en Galicia sexa Público? Só un dato: o gasto na privada aumentou en 200 millóns de euros. A privatización é evidente e vemos como unha corporación norteamericana, Centene Corporation, acaba de comprar o Hospital POVISA de Vigo por 22 millóns de euros, pasando 137.000 persoas desa Área Sanitaria a depender dunha institución privada. A Consellaría de Sanidade, non se fai cargo desa xente, e non se entende que a Xunta de Galicia, cun orzamento de 10.000 millóns de euros cada ano, non teña como prioridade investir 22 millóns para rescatar esta xente da medicina privada. Tamén sabemos que na Xunta acaban de gastarse 40 millóns de euros en reformar as oficinas do edificio administrativo da mesma, seguro importante, pero menos que poñer persoal. Tamén nos puxeron impresoras novas e novas cadeiras... pero non persoal!

Tamén di que ten que ser Universal. Vemos como isto non é certo. O Partido Popular no estado español, fixo (sen apoio de ninguén e en contra de todos) o Real Decreto-Lei 16/2012, do 20 de abril, de Medidas Urxentes para garantir que o Sistema Nacional de Saúde sexa sostible e “mellorar a calidade” e seguridade das súas prestacións (vaia eufemismo). Isto supón excluír a centos de miles de persoas sen asistencia sanitaria, recordándonos os tempos da “beneficencia”. Pero tamén, están excluídas as persoas maiores de 26 anos que non se declaren pobres, tamén as cidadás que saian do país por máis de 6 meses etc. É dicir, a propia administración exclúe as súas usuarias e usuarios.

Que a Sanidade sexa Gratuíta xa é un despropósito: dende a retirada de múltiples medicamentos para patoloxías moi frecuentes: procesos gripais, varices, hemorroides, antiinflamatorios tópicos etc. ata as próteses. Tamén o pago polo transporte sanitario non urxente e demais. Vemos que todo redunda en que o aforro que fai a administración téñeno que pagar os máis débiles: enfermos crónicos, pensionistas e persoas en residencias.

A Sanidade ten que ser de Calidade. E nós dicimos que como vai a ter a mesma calidade un servizo con tódolos seus profesionais operativos que cando son a metade? Se a taxa de reposición de persoal pasou de 0% a 10% a 50%, a calidade ten que resentirse pois ó persoal auméntalle o traballo. Como a propia administración viu que isto non era asumible, agora a taxa de reposición volve a 100%, demostrando así o fracaso da medida. Si aforraron, pero a costa de perder calidade.

O Partido Popular segue cá súa idea de: primeiro deteriorar os Servizos Sanitarios Públicos, e logo, con esta desculpa: privatizalos. Xente que traballa e cobra “do Público”, como pode poñer en mans privadas algo tan importante como é a saúde?

Temos que defender a Sanidade Pública. É unha tarefa na que debemos estar implicadas todas e todos, dende as aseguradas, os medios de comunicación, as organizacións sociais, profesionais e sindicais. Tamén os partidos políticos. A defensa da Sanidade Pública está asentada en excelentes profesionais, trata a todas as persoas doentes equitativamente e coida do máis importante delas: a nosa saúde.

Vainos o futuro!

Comentarios