Opinión

A voltas coa reunificación do nacionalismo

Lía hai uns días no Sermos un artigo de opinión do compañeiro Antón Tenreiro, que reflexionaba arredor da idea dunha “Asamblea Nacional Galega”. 

Lía hai uns días no Sermos un artigo de opinión do compañeiro Antón Tenreiro, que reflexionaba arredor da idea dunha “Asamblea Nacional Galega”. Ademáis de entender que a nomenclatura é demasiado semellante á empregada en Catalunya e a que existe unha “a” de máis e unha “e” de menos, a miña discrepancia é sobre a idea de que unha “Asemblea Nacional Galega” sexa hoxe a solución á división do nacionalismo galego.

 "As feridas son demasiado fondas e recentes e como os que cometeron os erros siguen sin recoñecelos e sin reparar o dano á unidade nin á ética política"

Explícome. Ou sexa, a solución ao nacionalismo galego é que a única forza nacionalista seria, cun proxecto elaborado e coa suficiente base social militante como para practicar a horizontalidade nas súas decisións renuncie ao seu nome para que se integren grupos máis ou menos desorganizados, electoralmente residuais, que racharon precisamente a unidade existente e que demostraron en moi curto espazo de tempo a súa incapacidade de xestión e organización?

Non digo que a idea estea ben ou mal, digo que as feridas son demasiado fondas e recentes e como os que cometeron os erros siguen sin recoñecelos e sin reparar o dano á unidade nin á ética política dificilmente pode tentarse unha reunificación sin perder completamente a credibilidade.

Unha vez Don Xosé Manoel dixo que o BNG o que tiña que facer é disolverse, entre outras das maravillosas e fermosas lindezas que nos ten brindado ao longo deste últimos tempos. É curioso, porque el está a actuar como un eficiente corrosivo na disolución do seu suposto proxecto transformador.

E no caso dos socialdemócratas, cada resultado vén a demostrar que o espazo electoral da moderación é residual e non acaido á realidade galega. E por lexítima que sexa esa opción, que o é, sempre estivo e estará presente no debate asembleario dentro do BNG. Incluso, non compartindo as súas premisas, entendo que é enriquecedor de cara á conformación do discurso xeral do BNG fronte á sociedade. Xa que logo, é moito máis útil no seo da fronte que individualmente.

"Que cada militante poda decir con orgullo no bar, na sobremesa das fins de semana ou sexa onde sexa “eu són do benegá”

O teño comentado por activa e por pasiva, entrei no BNG grazas ao proxecto ilusionante e, sobre todo, pola imaxe contestataria do seu, daquela, portavoz. Tamén abandonei a militancia activa durante o proceso moderador que viviu. Mais nunca deixei de entender que o BNG é necesario e que non pode renunciar ao que é nin ao que foi. Tócanos, logo, lamber as feridas e tentar non cometer os mesmos erros. Mais estes erros, compartidos por aqueles que os cometeron e por aqueles que os consentimos, non obrigan á disolución. Moi ao contrario, obrigan á rexeneración desde a base, para que cada militante poda decir con orgullo no bar, na sobremesa das fins de semana ou sexa onde sexa “eu són do benegá”. Sorprenderíanos a cantidade de xente que hoxe, a pesares dos contínuos ataques e intentos de desprestixio, o sigue a decir e nin siquera militaron nin asistiron a unha asemblea nosa nin unha soa vez.

Ogallá estea trabucado e. efectivamente, un proceso de reconstrucción do espazo nacionalista nos permitise recuperar o protagonismo que Galiza precisa. Mais entendo que hoxe isto non é posible.

Comentarios