Opinión

Vigo 2024

Pasada a histeria colectiva na Meseta tras o novo fracaso da candidatura de Madrid como cidade olímpica, coido que vai sendo hora de exercer o orgullo colectivo galego e postular a cidade de Vigo como candidata. Temos todas as pezas fundamentais para poder optar a elo.

Pasada a histeria colectiva na Meseta tras o novo fracaso da candidatura de Madrid como cidade olímpica, coido que vai sendo hora de exercer o orgullo colectivo galego e postular a cidade de Vigo como candidata. Temos todas as pezas fundamentais para poder optar a elo.

Á hora de ofertar infraestructuras sobredimensionadas podemos presumir do esplendoroso aparcadoiro de Peinador. Andares enteiros de formigón que agardan impacientes por milleiros de vehículos que nunca dan chegado. En todo caso, sempre podería reconvertirse en residencia olímpica, espazo hai de sombra. Mais un só exemplo non vai bastar para convencer ao olimpismo internacional, temos que ser quen de recuperar o proxecto de novo estadio para o Celta e contratar a Norman Foster para que engada detalles estéticos, deses que duplican o custe de execución de obra pero que permiten que sexa portada de prestixiosas publicacións como a revista de APROIN.

"Á hora de ofertar infraestructuras sobredimensionadas podemos presumir do esplendoroso aparcadoiro de Peinador. Andares enteiros de formigón que agardan impacientes por milleiros de vehículos que nunca dan chegado"

En canto a deportistas, non nos van faltar embaixadores. Diego López debe ser o abandeirado do proxecto, non hai mellor carta de presentación que o de que o porteiro da Selección Galega teña desbancado ao da Selección Española na súa propia capital. Para convencer aos comisarios máis reacios temos ao medallista olímpico David Cal, os chupitos os paga el, sempre e cando lle cubramos un formulario de solicitude de subvención.

Dín na Vila e Corte que o COI é un niño de serpes corruptas que non fan máis que pensar na cantidade de comisións que cobrarán coas obras de cada Olimpiada. Niso non nos vai gañar nadie. A delegación olímpica viguesa ten que estar encabezada polos nosos máis ilustres negociantes do imposible. Recuperemos a Cacharro Pardo e Xosé Luis Baltar para que acompañen a Louzan. A Deputación-Power é a mellor ferramenta para acadar votos imposibles, aos feitos me remito. Ao fin e ao cabo non hai tanta diferencia entre unha moción de censura e unha elección de cidade olímpica. Rematemos a operación cunha mariscada das que nin se fan nas bodas e xa nadie nos poderá parar.

Nun deses debates indignados que se produciron na Meseta o “Día do Agravio” alguén comentou con moito acerto que era importante contar cos “paises de influencia soviética”. Haberá que respirar hondo e sentarse a falar cos demos da U, mais polo olimpismo todo esforzo é pouco. 

Mais a arma definitiva, aquelo que certifica o éxito sin ningún xénero de dúbidas é do que Vigo pode presumir máis que ningunha cidade no mundo, un Alcalde megalómano.

Benvidos a Vigo 2024.

Comentarios