Opinión

Nin público nin privado. Comunal ou cooperativo

Unha vez máis, o xogo das responsabilidades xogou ao partido de pasarse a pelota entre o público e o privado. Arderon os montes do noso país e os focos puxéronse na nefasta política forestal da Xunta de Galiza e na suposta falta de coidado das propiedades forestais. Poderiamos concluir, logo, dun xeito interesado, que tanto a xestión pública como a privada foron ineficaces e culpábeis. Mais sería unha análise simplista, xa que o modelo de por si non determina a súa eficacia ou non. Unha Administración Pública preocupada polo medio ambiente e o medio rural tería aplicado políticas correctivas, do mesmo xeito que un propietario responsábel non deixaría que perdera valor a súa finca deixándoa a monte.

Así, o modelo alternativo e própio da Galiza, a propiedade comunal, pode ser tan eficaz como desastrosa, dependendo do modelo de xestión que se aplique. Mais a diferenza é que as responsabilidades aquí son repartidas e tan culpábel é quen aplica modelos forestais favorecedores da eucaliptización como aqueles veciños e veciñas que o autorizan asembleariamente, as consinten coa súa inasistencia ás mesmas ou non exerce o seu dereito solicitando ser comuneiras.

Non se trata de culpabilizar a xente do que lle pasa á xente, trátase de que dunha vez por todas debemos de deixar de buscar culpábeis, sen esquecer a quenes o son, e adquirir conciencia de autoxestión. Ninguén vai vir solucionar os nosos problemas, teremos que ser nós quen deamos o paso adiante e nos comprometamos. A recente vaga de lumes vai poñer enriba da mesa que os veciños e veciñas dunha parroquia non son quen de xestionar un valor tan importante coma os montes comunais, que mellor é deixalo en mans de profesionais, que saberán o que é mellor para nós, a cambio duns pingües beneficios, por suposto.

Trátase de que dunha vez por todas debemos de deixar de buscar culpábeis, sen esquecer a quen o son, e adquirir conciencia de autoxestión

 

Non se trata máis que do modelo neoliberal e elitista que se aplica a todos os eidos. Menor democracia no político, no económico e no social a cambio dun feliz mundo na ignorancia e na falta de responsabilidade. Mais aprendamos dos casos de éxito. Xestión comunal con corresponsabilidade, cooperativismo no económico, no social e no político, maior compromiso é maior liberdade e maior coñecemento. Temos que ser quen de elexirmos que camiño tomar.

Mais aprendamos dos casos de éxito. Xestión comunal con corresponsabilidade, cooperativismo no económico, no social e no político

 

Hai un país que cobrou plena conciéncia de si mesmo que está a demostrarnos que a corresponsabilidade é o camiño. Ante o ataque á democracia non hai un salvador da Patria, é o pobo quen enche as rúas dun clamor que xa cobrou dimensión internacional. Ante o ataque económico, son as cooperativas financeiras as que se están a constituír como alternativa. Som Energia é outro dos innumerábeis exemplos de como o empoderamento saca adiante proxectos sin tutela. Nin que dicir ten que no tocante a cumprir o dereito á vivenda o camiño é semellante, as cooperativas de vivendas colaborativas (cohousing) están xa á orde do día.

Agora é o momento de autodeterminármonos e decidir se optar pola dictadura consentida ou polo empoderamento real. Non hai termos medios nin equidistancias.

Comentarios