Opinión

So a sombra de Salvador Espriu

Non é este o lugar para falar da miña relación persoal con Catalunya, terra que visito con menos frecuencia da que un quixera, para gozala e sobre todo para celebrar a amizade, esa relación sen a cal as xentes ficariamos tan eivadas.

En memòria d'Isidre Bonsohoms i per l'Helena, pluja i somriure gallec a Girona

Non é este o lugar para falar da miña relación persoal con Catalunya, terra que visito con menos frecuencia da que un quixera, para gozala e sobre todo para celebrar a amizade, esa relación sen a cal as xentes ficariamos tan eivadas. Seguro que estiven aló no ano 1984, pois do contrario non lembraría a entrevista en televisión co poeta Salvador Espriu coa que por azar batín onte en Internet, e a aquela altura aínda non dispuñamos deses adiantos da rama electrónica da cibernética, aínda non eramos como apéndices de aparellos varios dos que nos servimos na nosa vida cotiá de hoxe en día. Aínda que Espriu explicou na entrevista que el non se consideraba un poeta da nostalxia nin da soidade, e no programa asociaron a súa obra a palabras maiores como a da morte -e vexo evidente que tamén non debemos esquecer a indiscutíbel proxección civil da súa poesía- un confesa que sentiu leves picadas do becho da melancolía escoitando o poeta case 30 anos despois... mais podemos botarlle a culpa á locución latina tempus fugit.

"Temos que construír, construír, construír continuou, temos que traballar, traballar, traballar pois só así pode ter  futuro este noso pequeno pobo"

Preguntáronlle a Espriu desde o público, pois estamos a falar dun programa aberto con chamadas telefónicas en directo, preguntáronlle como vía el o futuro de Catalunya, e o poeta non dubidou un instante ao contestar que mal, que moi mal, pois os cataláns eran moi rebentadores (els catalans som molt rebentaires, dixo), e que rebentar era moi doado. O difícil é construír. Temos que construír, construír, construír continuou, temos que traballar, traballar, traballar pois só así pode ter  futuro este noso pequeno pobo.

Dá a impresión de que os cataláns e as catalás escoitaran o chamamento do ano 1984 do seu poeta, despois de ver o millón e medio ou máis de persoas que se deron a man hai pouco máis dun mes no día nacional de Catalunya, na súa Diada deste ano de 2013 que andamos. Coa ledicia nos ollos, a loitar polo seu dereito a decidir, construíron unha inédita e festeira e fermosa sardana de 400 quilómetros pola independencia.

O éxito da que coñecemos como Via Catalana chegou a outra das nacións onde se cuestiona o dominio territorial español. Despois de felicitar á sociedade civil catalá, desde a esquerda abertzale de Euskadi falaron de que deberían impulsar a súa propia Vía Vasca.

"Como Espriu, penso que rebentar é moi fácil, mais rebentar cega os camiños"

É xa un lugar común que cataláns, vascos e os que faltamos para completar o nome da vella alianza Galeusca, os galegos e galegas, formamos nacións de  estruturas diferentes, e cómpre que saibamos abrir os nosos propios camiños comunais para arribar a un futuro propio, para lle facer caso a un verso de Espriu, que a Assemblea Catalana recuperou o ano pasado, que nos avisa de que os homes non poden ser se non son libres.

Como Espriu, penso que rebentar é moi fácil, mais rebentar cega os camiños. Construamos, traballemos para que, e permítanme adaptar outro verso do poeta catalán, para que as nosas palabras non se convertan en cinza.

Para sermos nós-outros, para que un día volva a cántiga as espriuanas terras de Sinera, que son para quen isto escribe as patrias negadas polos imperios.

Xosé Luís Santos Cabanas,
outubro de 2013

Comentarios