Opinión

Na memoria de Alexander Schmuk

Arrincoute de onda nós un seco golpe, Alexander, e agora xa non hai maneira de falar contigo por exemplo de música, do ritmo de jazz que saía da batería que sei que tocabas ben aínda que nunca tivese ocasión de escoitala. 

Arrincoute de onda nós un seco golpe, Alexander, e agora xa non hai maneira de falar contigo por exemplo de música, do ritmo de jazz que saía da batería que sei que tocabas ben aínda que nunca tivese ocasión de escoitala. Gustaría ir a canda ti a unha audición, sentir esas notas ceibes que enchen vehementes e libres o corpo, que nos axudan a soportar o tempo en días de penuria.

"Preocupábaste  polas túas amizades galegas e mais polo deambular pola historia abaixo deste país negado que se afirma cada día".

Permíteme dicirche, Alexander, mentres no aire do cuarto onde escribo escorre un cálido blues na túa memoria, que lembrarei sempre ese teu saber estar entre nós, nesta terra que elixiches como túa. Observábasnos con amabilidade crítica desde a distancia, sempre reflexivo e sorrinte. Amábasnos na proximidade e nada do que nos acontecía che era alleo. Preocupábaste  polas túas amizades galegas e mais polo deambular pola historia abaixo deste país negado que se afirma cada día.

Xa sabes que deixas nos nosos peitos e neste se cadra estraño mundo galego un oco que non seremos quen de encher.  Imos botarte moito de menos todos e todas as que tivemos a sorte de te coñecer, de compartir contigo un viño, un soño, e non nos vai quedar outro remedio que seguir camiñando con esta nova carga da túa ausencia ao lombo. Así é a vida. Fermosa e dura.

Dentro da fermosura está o teu recordo e o Stuyvesant Blues que soa ben alto neste instante coa batería a marcar o ritmo. Quente, como a aperta que me gustaría darche neste momento.


Xosé Luís Santos Cabanas, xaneiro de 2015

Comentarios