Opinión

Marcuse e Lévy-Strauss na Audiencia Nacional

Despois de que os amigos do blog De volta para Loureda tiveran a ben publicarme unhas liñas que escribín case inmediatamente despois do xuízo da Audiencia Nacional contra Carlos Calvo Varela e Xurxo Rodríguez Olveira, houbo quen me pediu que contara algunha cousa máis, sobre todo porque no que máis cargaron as tintas os medios de comunicación foi na figura do "arrepentido" que apareceu neste xuízo. 

Despois de que os amigos do blog De volta para Loureda tiveran a ben publicarme unhas liñas que escribín case inmediatamente despois do xuízo da Audiencia Nacional contra Carlos Calvo Varela e Xurxo Rodríguez Olveira, houbo quen me pediu que contara algunha cousa máis, sobre todo porque no que máis cargaron as tintas os medios de comunicación foi na figura do "arrepentido" que apareceu neste xuízo. Vou aló, logo, mais non agardedes ler unha crónica, pois non tomei nota de nada. Permitídeme contarvos algunha das miñas impresións e algunha anécdota, que ás veces estas, as anécdotas, son ao meu xuízo ben significativas.

"No caso do que falamos sae á luz pasados cerca de dous anos, nos que o acusado tivo nesta ocasión tempo de mudar catro veces de declaración dentro do cárcere". 

Foi o fiscal quen dixo, e parecía moi satisfeito, que era a primeira vez que naquel espazo xudicial alguén confesaba estar arrepentido dos seus actos. Ao escoitar a palabra arrepentimento, talvez por ser quen escribe unha das vítimas da educación nacional-católica do franquismo, viñéronme á cabeza as sensacións que experimentaba cando periodicamente lle contaba a miña vida a un crego para dicirlle que me portara mal, e que tiña o firme propósito de me arrepentir. Non era moi doado, máis ben era imposíbel cumprir coa túa promesa se estabas por exemplo na adolescencia, pois mesmo pensar no sexo estaba prohibido. O crego sabíao, que el ben seguro que tamén pensaba no mesmo, pero xenerosamente absolvíate, e poñíache unha penitencia: a rezar tres rosarios, e catro avemarías en días alternos, poño por caso.

Tamén pensei na Inquisición. Non é este o lugar nin momento de falar dos seus persuasivos métodos de interrogatorio para conseguir que se arrepentisen acusadas e acusados de bruxería, de herexía. Se alguén quere saber algo máis polo miúdo pode achegarse a algún deses museos que eu nunca fun capaz de visitar.  Mentres escoitaba, un pensaba en que non son exactamente os mesmos os métodos modernos, pois a confesión e o arrepentimento da persoa presa pola Inquisición producíase despois daqueles especiais interrogatorios. No caso do que falamos sae á luz pasados cerca de dous anos, nos que o acusado tivo nesta ocasión tempo de mudar catro veces de declaración dentro do cárcere. Son diferentes os xeitos de facer presión a quen os represores pillan nas súas mans, que seica estamos no século XXI, pero o que se pretende e mais o resultado final semella que seguisen a ser os mesmos.

"Deume a impresión de que as testemuñas aprenderan de memoria as súas repetitivas declaracións" 

En canto a Carlos Calvo, o seu avogado falou no xuízo de dous libros, un deles mercado de segunda man en Compostela o mesmo día en que o detiveron en Vigo, a onde se desprazara en tren para facer unha reportaxe sobre os celtarras, como parte do seu traballo de xornalista. Desde o mesmo día en que o detiveron mantén Carlos que os libros estaban na súa mochila, xunto con unha toalla. A mochila estaba no maleteiro dun coche aparcado no Parque de Castrelos, mesturada cun variado de obxectos.

A policía mira o maleteiro, indica no seu informe que interrompe o rexistro do mesmo cando non hai luz dabondo, e que o continúa noutras dependencias. Na minuciosa acta da grande cantidade de obxectos que encontran non aparecen os libros dos que fala o acusado. Ningún dos policías que testemuñan se lembra deles, cando responde as preguntas que o avogado lle fai sobre este aspecto.

Ademais da acta, no sumario amósase unha foto tirada pola propia policía do maleteiro do coche. Nela aparecen dous artefactos explosivos .... e dous libros, que aínda que non se poidan identificar pola calidade da foto, forzosamente deben de ser os clásicos que levaba Carlos Calvo na súa equipaxe: O home unidemensional, de Marcuse, e  Tristes Trópicos, de Lévy-Strauss, como ben sabedes dúas importantes achegas á nosa cultura occidental.

Non é preciso ser experto en dereito para valorar a credibilidade dunha acta, usada como proba de acusación, que se contradí coas fotos de parte dos obxectos que di inventariar. Marcuse e Lévy-Strauss, digo os seus libros, están na imaxe á beira de artefactos explosivos. Non obstante, na acta non aparecen nin o nome do filósofo nin o do antropólogo, na acta non hai libros.

"Desde a sociedade civil, como xa dixemos en ocasións diferentes, deberiamos procurar con urxencia a maneira de que todas estas persoas volvan para as súas casas galegas".

Para rematar, debo dicir que a penas teño cousa que contar das declaracións periciais ou de testemuñas da policía, pois repetiron o mesmo que se escoitou no xuízo do mes de xuño do pasado ano na mesma Audiencia Nacional, sobre a que recaeu sentenza en setembro de 2013. Mutatis mutandis, nunha e mais na outra ocasión non achei  diferenzas entre o que alí escoitei e o que, xa moito antes dos xuízos, puidemos ler en La Voz de Galicia, El Correo Gallego, El País, El Mundo, El Progreso de Lugo, El Faro de Vigo, etcétera, etcétera. Confésovos que a asociación de ideas tamén me levou outra volta ao ensino nacional-católico. Na miña infancia era de obrigado cumprimento estudar e aprender ao pé da letra un "catecismo", e cumpría saber palabra por palabra tanto as preguntas que aquel panfleto católico propoñía como as súas correspondentes respostas.

Deume a impresión de que as testemuñas aprenderan de memoria as súas repetitivas declaracións. Mesmo nalgunha ocasión, perante algunha das preguntas do avogado pedindo aclaracións sobre algún aspecto, a testemuña ou perito respondía repetindo o mesmo que dixera había un anaco, que viña sendo o mesmo que figuraba no sumario. O propio presidente do Tribunal tivo que intervir nalgunha ocasión para facelo notar. Por certo, os xuíces foron impecables nas súas formas e  correctos, a diferenza do que aconteceu no outro irregular xuízo, o de xuño de 2013 ao que se alude no parágrafo anterior.

Ben sabedes que houbo xornalistas, como por exemplo Marga Tojo ou Héctor Juanatey e algún outro que nos ofreceron a súa visión sobre os feitos, ben arredada da versión policial, que semella un dogma de fe católico, unha versión policial que, combinada coa lexislación de excepción que padecemos neste territorio español que cada vez con máis intensidade cheira a autoritarismo bipartito, condena a anos e anos de cárcere a persoas que sempre se declararon inocentes dos feitos dos que os acusan, se facemos a excepción do primeiro "arrepentido" da historia da Audiencia Nacional.

Desde a sociedade civil, como xa dixemos en ocasións diferentes, deberiamos procurar con urxencia a maneira de que todas estas persoas volvan para as súas casas galegas.

Xosé Luís Santos Cabanas

Bustelo de Luou, fins de maio de 2014

 

 

Comentarios