Opinión

Franco e a dama de Shangai

Gravei hai un tempo The Lady from Shangai, de Orson Welles, na "nube" que fornece a compañía dos teléfonos a través da conexión á Internet da casa, e unha destas pasadas noites dispúxenme a volver mirar este filme no aparello televisor. Non sei se por culpa da miña falta de pericia, ou se por outra causa, a gravación interrompeuse cando a película andaba máis ou menos pola metade. Non dei chegado á famosa secuencia do labirinto de espellos. Encontreina despois no youtube, aquí.

O aparello non me permite ver a versión orixinal de The Lady from Shangai con subtítulos. Que raro, penso, é a primeira vez que me pasa coas películas que mirei nesta cadea de televisión. Posto que os meus tan escasos coñecementos da lingua inglesa non me chegan para seguir ben o fío da historia, sacrifico a voz de Rita Hayword, sacrifico a do protagonista, o propio Orson Welles, e opto pola versión dobrada ao español, con voces que se me fan moito menos convincentes que as da versión orixinal.

Chego así á escena onde lle propoñen ao protagonista que cometa un asasinato. Non sabería dicir por que, pero os diálogos non me escorren ben, hai algo que me renxe. Paro. Rebobino. Elixo a versión orixinal. E alí escoito varias veces a palabra Franco. Non pode ser, penso. É como se estivese viva a censura do réxime do 1936 no ano 2015 nesta moderna cadea de televisión.

Non sabería dicir por que, pero os diálogos non me escorren ben, hai algo que me renxe. Paro. Rebobino. Elixo a versión orixinal. E alí escoito varias veces a palabra Franco

 

Éntrame a curiosidade e procuro na computadora. Hai sorte. Alguén pendurou no youtube esta parte manipulada, que oculta datos importantes sobre os personaxes. Se a lectora ou lector deste artigo teñen curiosidade poden mirar aquí. Está moi ben explicado. E demostra que a censura do franquismo aínda campa nestes canais que ofrecen cine, neste caso a cadea TCM.

A película acada outra dimensión para min. Sobre o protagonista sobrevoaba a sombra da morte dun home, pero ese home que el matou vén sendo un espía de Franco e había unha guerra polo medio. E o personaxe sobre o que o director carga as tintas, que lle propón ao protagonista que cometa un asasinato, que acena nos primeiros planos dun xeito repulsivo e suorento, di claramente que pertenceu aos comités pro-Franco. É, por tanto, un fascista ianqui.

Mira ti, volve un a asombrarse. A innovadora película de Orson Welles enfronta un membro das Brigadas Internacionais cun home da extrema dereita dos Estados Unidos de América. Éntrame máis curiosidade e remexo algo máis na miña computadora, nun paseo rápido. Miro a wikipedia en inglés, en catalán, en español, en portugués e en francés. Ninguén di nada sobre este aspecto de The Lady from Shangai. Como se a censura de Franco chegase até eses espazos.

E o personaxe sobre o que o director carga as tintas, que lle propón ao protagonista que cometa un asasinato, que acena nos primeiros planos dun xeito repulsivo e suorento, di claramente que pertenceu aos comités pro-Franco

 

Leo sobre da beleza indiscutíbel de Rita Hayword, de se o seu cabelo curto e louro lle senta mellor que a melena teixa de Gilda, das relacións persoais da actriz co director, da evidente forza da película, de Woody Alen recreando a escena dos espellos nun seu filme posterior. De Franco, nada, das Brigadas Internacionais, nin unha liña.

Seguro que debido a miña pouca habilidade procuradora, na rede só encontro esta referencia ao antifascismo do protagonista. Está en catalán: Incomprès pel seu productor, aquest thriller rodat en escenaris exòtics també va irritar la censura franquista perquè el protagonista havia lluitat a les Brigades Internacionals. Copieino desta páxina da Filmoteca de Catalunya, onde presentaron a película en xuño deste ano que andamos.

Ben se ve que  os cataláns van por libre e en liberdade (e fago votos por que libremente a acaden).  

Comentarios