Opinión

Ser son catro

E vacinouse e nada aconteceu. Iso si, un chisco de rebumbio por iso de garda-las aparencias de demócratas de toda a vida...Pero nada máis. Deuse de baixa, mais continúa no cargo e no grupo popular.

Porque o da vacina é o de menos. Pero ir ó fondo ... iso non. Iso é couto privado. Aí tocamos óso. 

Pero vai a diario pola Residencia, e no estado de alarma, e durante todo este tempo de pandemia tamén ós domicilios dos e das veciñas, levar recados, alimentos ou remedios da farmacia, no coche do concello, en lugar de mandar traballadores/as municipais... Dixo no Pleno do Concello deste venres que son os seus maiores. A resposta dada  á oposición raiaba no mesianismo. 

E claro, a man polo lombo, voz de auga mansa e aquilo de:

...” Nada, aquí estamos, xa sabes, non me déa-las gracias, xa mo terás en conta”...

E cada vez que alguén vende como favor o que nos corresponde por dereito está violentando a nosa liberdade colectiva.

E así ven sendo, aínda que isto non saia nos xornais nin nesa tele disque pública. Este cancro ten unha metástase social moi vella. Ten a ver co silencio e co medo. Ese silencio que nos roubou o pasado e a memoria colectiva e que non nos deixa ve-la imaxe de quen somos. Ese medo que agrilloa o futuro e que nos impide soñar como pobo libre.

Sei ben que isto é a chamada Galicia profunda, a do abandono, a da poboación envellecida, na que o futuro está en mans de catro, a que depende deses catro, a que reparte subvencións pra catro, a que obedece a catro...

Aquí na Galicia tan profunda mércanse vontades políticas e votos no escuro das palleiras ou nas cociñas, ben con promesas, ben con ameazas veladas ou directas. Os paladíns da liberdade de culto (empresarial) recortan e violentan a liberdade esencial, a de decidir. Aquí págase, previa colecta entre catro, aquela vontade daquel cargo electo pra vira-la elección ó día seguinte e consegui-la alcaldía. Sen trasacordo.

Claro que a maior empresa, a que dá máis emprego é o concello. Xa se sabe como se cobren as prazas. Ninguén se sorprende.

Para os medios que todo o median, todo queda nun simple aspecto ético que morrerá ó día seguinte de ser noticia. A quen lle importa a ética nun réxime democrático nado nunha operación mafiosa no 78?

E todo permanece e nada muda. Aquí o deserto onde manda o verde oliva do eucalipto, único cultivo tido como rendible. Os fillos e os netos na cidade ou na Europa disque salvadora e moderna.

Mentres tanto, o esperpento político local continúa... E ben ves, é o que hai... E os catro medran e dan leccións de como debe se-la vida social: orde, orde e máis orde, con misa e boas apariencias. Ah, e limpar cando vai aire... 

Curioso, cadra en tempo de Antroido... E pasada a Coresma ha chega-la primavera. Para ser tal  deberá vestirse de luz para todos e para todas. 

Será ben facer por velo.

Amén

Comentarios