Opinión

O señor da luz e motor da vida

Desde o agrario, desde o fondo da terra fecundada, dous solsticios. Un, o da plenitude, anunciador das colleitas e da fartura. O outro  o da fin da natureza viva, o da morte para renacer en esperanza.

Un por San Xoán, trunfal, do 23 para o 24, fogueiras de luz, danza, meigas, comer, brincar e ver baila-lo rei no amencer do día.
O outro, devalando, do 24 para o 25, cantares de arrolo e chamada, berce de luz, fecundidade, recollemento e celebración do clan familiar.
O coñecemento do Sol polo humano gregario remóntase ós albores da humanidade. A dependencia da súa luz, da calor que deita e do seu poder fan nacer cultos e liturxias que conforman as culturas e as identidades. 

O descobremento dos cultivos agrarios, a obtención do alimento e a súa dependencia do astro potencia estes ritos.  O Nadal é unha celebracións solsticial na que o Sol está simbolizado por un neno coma único centro fecundo dun lugar onde ninguén o é. A miserable palla, o boi, macho capado, a mula, femia híbrida estéril, Xosé o carpinteiro, un vello que non é pai e María, unha nena que a pesar de parir é considerada virxe...

Só un neno de luz centro de atención. E toda a sociedade agraria vai levar ofrendas e sauda-la boa nova do seu nacemento. E labregas e gandeiros cantan pezas do País. E a música popular vólvese tamén culta. E as panxoliñas, obras de autor culto, en polifonía sorprendente, fanse pobo. E os Nadales e Cantares de Reis nas gargantas de cuadrillas de mozos e de mozas van de casa en casa anunciando e celebrando a boa nova e recibindo aguinaldos rústicos a xeito de ofrendas. E os temas falan de Magos astrónomos procedentes do Crecente Fértil prometendo a abundancia, con viaxes e rotas circunvalatorias en arremedo cósmico. Coma nos ofrecementos nas capelas das romarías avogosas. Aquelas de ritos de auga purificadora.

E Galicia, esta nación de fala, música e arte remoídas no agrario, no comunal, na relación, na vida celebrada, Galicia conta co tesouro máis locente de Europa en música de Nadal.

E unha vez máis, este País de nós dá mostra de abatemento e covardía cultural ó renunciar a este legado, deixándolle a iniciativa ós templos do consumo que marcan as músicas e a simboloxía que teñen a ben... ganancial.

E sucumbe diante pareceres baseados na ignorancia do propio.

Quero dicir ben alto que este Nadal tampouco cantarei o Jingle Bells nin a Noite de Paz e proclamarei a esperanza da nova luz agraria cun 

Ímonos xa prá aldea 
porque aquí non é ben ruar, 
porque Xesusiño dorme 
e podémolo despertar...

Que as crianzas mentres dormen medran, e compre que esta medre.

E logo tentarei ir polos veciños  saboreando unha melodía varias veces centenaria e unha letra de viaxe cósmica. E mentres a vida me dure e a gorxa me deixe proclamarei e defenderei desde un pacífico ateísmo militante que a miña identidade nacional ten sólidos pousos de celebración do Nadal Agrario.

BOAS  FESTAS! 

Saudíña e cante o merlo!

Comentarios