Opinión

Lembrando Ramiro Recouso

(Publicamos a seguir a intervención do deputado do BNG Xosé Luís Rivas, Mini, nunha homenaxe ao militante nacionalista Ramiro Recouso, co motivo do seu primeiro cabodano. O acto tivo lugar o pasado sábado 29 de outubro en Ordes).

Estamos hoxe aquí pra render memoria de afectos a Ramiro. Un home a quen coñezo máis polo que del se fala ca por relación persoal, que a tiven.

Memoria de afectos porque no caso de Ramiro cae de caixón. El encarnaba o espírito da amabilidade, da concordia e da firmeza. Era un tipo especial, deses singulares que non son quen de pasaren desapercibidos, aínda que sempre o pretendan.

Memoria de afectos porque el sementou iso, afectos, e deixou estes froitos que sodes todos e todas vós acudindo a esta cita, non de recordo tristón senón de celebración alegre. Porque con actos coma este celebramos a vida que nos deixou este sabor a esperanza, este sabor que reafirma as sensacións compartidas de amor ó noso, a Nós, de confianza no renacer do que queremos ser.

Non é este un acto de afirmación política, non. É un acto vital de renovación dos lazos que atou Ramiro. É a súa vida a que celebramos. É a necesaria permanencia máis aló dese umbral que marca a morte física

Non é este un acto de afirmación política, non. É un acto vital de renovación dos lazos que atou Ramiro. É a súa vida a que celebramos. É a necesaria permanencia máis aló dese umbral que marca a morte física. É a vida despois da morte na que cremos. El esta connosco cando traemos a nós a súa lembranza e se debuxa un sorriso nas nosas expresións e nas nosas almas.

E agora vou dicir o contrario do que acabo de dicir porque inevitablemente el era político. A súa faceta de servizo á comunidade, ó pobo de Ordes e ó pobo de Galicia é inseparable da súa persoa. É aí onde eu o coñezo e me relaciono por derradeira vez. Telefonicamente. Sabendo que falo cun home íntegro e comparto con el unha pequena putadiña a quen nos quere envolver en operacións da política mesquiña. Proposicións deshonestas son as que me fan pra que lle transmita. E eu fago a chamada advertíndolle que se dea por enteirado de que eu sei que el non dobla. E non doblou.

Porque el era así. Un home dos da vangarda do nacionalismo. Dos que non doblan. Dos que entenden a política coma un servizo de honestidade ós demais. Un feito continuo de defensa dos intereses dos débiles, dos que sofren a historia, dos que calan eternamente. Dos que agardan sen sabelo un amencer de bolboretas en primavera.

El era así. Un home dos da vangarda do nacionalismo. Dos que non doblan. Dos que entenden a política coma un servizo de honestidade ós demais

E aquí estamos celebrando a Ramiro cunha sensación de ledicia que nos une e que nos percorre nestes tempos de esperanza na idea que compartimos moitos de nós. Porque levabamos demasiadas batallas perdidas e facía falla unha pequena vitoria que nos erguese o ánimo e alimentase a fe común nese amencer de bolboretas. E aquí estamos celebrando o orgullo de sermos quen somos, de compartir lingua, pobo e fe. De soñar.  Porque claro que soñamos. E soñamos en quente. Nós non somos fríos e calculadores. Iso deixámolo pra quen fai política asentando cartos en contas suizas ou en propiedades que xestionan testaferros.

Nós soñamos en quente porque compartimo-la calor do soño. Ese soño que de tan inmenso que é, necesita da consciencia da súa imposible materialización no tempo curto. Porque nós sabemos que soñamos para largo, pra lonxe. E somos conscientes diso e non temos présa. As cousas ben feitas fanse amodo. Si xa sei, vai demasiado amodo. Teremos de acelerar un chisco agora que o vento axuda.

Moitas gracias, Ramiro, por permanecer en nós co teu exemplo, co teu sorriso e coa túa integridade

O orgullo de pertencer a este pobo, a esta matria, a este sin vivir contraditorio que tanto nos cabrea por veces e tanto nos enorgullece sempre. Ese sermos do pobo dos galegos. Ese termo: galego, que sabe a impotencia, a sabedoría vella, a país vizoso, a historia descoñecida que a cada feito dela nos debuxa un sorriso e unha expresión de asombro porque cada un deses feitos da nosa historia desvela o potencial que temos e que nos silencian e agachan pra que non señamos Nós. Pra que sigamos arrastrados na negación da lingua, da cultura e do futuro.

Pois non.. 

Ramiro... O afecto que permanece en todos e todas nós encarna, neste outono de primavera, todo iso que significa prós nacionalistas do Bng. Galicia: 

Matria, Lingua, Xustiza, Redención, Cultura Propia...  ¡Futuro compartido !

Moitas gracias, Ramiro, por permanecer en nós co teu exemplo, co teu sorriso e coa túa integridade.  ¡Non doblaremos!

                                                    Mini, neste fermoso e atípico outono de 2.016

Comentarios