Opinión

Estamos aquí

Se nalgún lugar o tempo e as cousas teñen outra medida é no rural galego. Aquí as présas e os postulados taxativos son inmediatamente ralentizados pola idiosincrasia, pola cadencia propia do País. Somos vítimas moitas veces desa necesidade de remoelo todo moi ben antes de tomar decisións, desa porción de trasacordo que a vertixe do mundo moderno non conseguiu arrebatarnos. Para unhas cousas é ben e para outras non é tan ben. Mais neste caso da pandemia cremos que bastante ben. O rural mostrouse como barreira natural á expansión do virus e como temperador no abastecemento. Que casa non continúa a te-los alimentos necesarios nos arcóns ou no canizo? Pero aínda máis, amosouse como confinamento máis levadío porque os traballos non cesaron e a vida seguiu co seu ritmo: labrar, fertilizar...

Claro que o rural galego aínda é máis ca iso, digo aínda e digo ben... Leite, viño, carnes, verduras, legumes, froita, madeira, viveiros... e a súa transformación e comercialización. Todo isto dun xeito moi remexido e moi noso porque fronte explotacións con tecnoloxías punta coexisten outras con máis peso tradicional e outras de autoconsumo e outras case de subsistencia. Coñecer esta realidade dispersa en asentamento poboacional e produción, e así adaptar ao país as medidas de contención do coronavirus, xa é outro cantar, fariña doutro muíño. Porque o que se está mostrando coma virtude semella que para as autoridades que rexen os nosos destinos non é tal. Debemos berrar alto e forte que nós non somos cidade. Os nosos espazos son abertos, as nosas relacións poden seguir sendo case as mesmas a distancia máis ca prudencial.

Os nosos mercados de proximidade poden garda-las medidas de prevención con máis facilidade e seguridade cás áreas comerciais e grandes supermercados que aínda que abondan máis en plásticos e presenza empaquetada non son máis seguros hixienicamente. Nada disto foi tido en conta. Non houbo sentido común e os sectores rurais galegos foron esquecidos na súa realidade máis xenuína. Desde a venda ambulante que aínda percorre con pan e todo tipo de produtos as nosas aldeas ata a venda de mercancía fresca das nosas hortas por labregas autorizadas en mercados autorizados.

Será moito pedir que despois desta crise se poñan enriba da mesa os problemas que nos apertan desde hai decenios? Poñer en cultivo as máis de 150.000has abandonadas, supera-la atomización da propiedade con fórmulas de xestión colectiva, potenciar unha transformación alimentaria no mesmo medio en pequenas industrias, articular un mercado de proximidade para produtores e consumidores, orientar políticas que favorezan e promocionen a produción de alimentos sans de xeito sostible...? Será moito pedir ou teremos que comezar a esixir, con contundencia, ter peso na sociedade galega e asegurar un autoabastecemento mínimo de alimentos e produtos do campo? E será moito pedir que ó tempo que se toman esas medidas de dinamización e revitalización se complementen con servizos sen recortes en sanidade, educación, comunicación por redes e telefonía, mobilidade...? Ou seguiremos a padece-la continua supresión de escolas, ameazas de peches de PAC, a terrible fenda tecnolóxica que nos ten ós habitantes do rural no século XX e impide a equidade para o alumnado que vive nel...? Serán o coronavirus e as súas consecuencias a reflexión que leve á sociedade galega a mirar con ollos máis amables e máis esixentes ó seu rural? Pedir un rural activo, poboado e digno ó servizo da sociedade galega... será moito pedir?

Comentarios