Opinión

Churrasco popular

Cando producir un quilo de carne sae máis caro que o que che pagan por el, estamos diante dun negocio ruinoso. 
O custe de produción dun quilo de carne de vacún, logo da brutal suba de prezos dos pensos, forraxes, combustibles, electricidade, materiais de construción..., rolda os 7 euros quilo/canal. A realidade está nos 4,70 que se pagan hoxe. A situación é insostible para os gandeiros que, dito sexa de paso, producen as mellores carnes de vacún do Estado, e en extensivo a meirande parte.

A distribución, culpable do prezo final. Si, Mercadona, Gadisa, Eroski, Carrefour... soben os prezos que pagamos os consumidores. Aumentan ganancias, pero ao produtor baixáronlle ata 50 céntimos quilo/canal. En 2020 o pago por quilo ao produtor baixou de 5 euros a 4,70. A culpa levárona o confinamento e as restricións. Conxelouse carne como medida extraordinaria e en 2021 o consumo disparouse e saíu toda ao mercado. E máis houbese. Pois continúa a 4,70.

E será que o mundo toleou?  Semella que si.

No Pleno do Parlamento Galego do 25 de xaneiro pasado, debatemos unha iniciativa ao respecto. O PP, sustento do Goberno galego, manifestou que aínda estando de acordo co argumentado votarían en contra, e así o fixeron. E aínda hoxe estamos agardando explicacións lóxicas, máxime cando un mes antes, no Pleno da Deputación de Lugo votaron a favor dunha moción idéntica presentada tamén polo Bloque Nacionalista.

E todos nomeamos, ao falar destes temas, a lei 12/2013, a chamada Lei da Cadea Alimentaria. Unha lei que acuña un dereito básico: o prezo pagado por un produto non pode ser inferior aos custes de produción do mesmo. Lei feita polo PP que sufriu máis de oito modificacións, tanto co PSOE coma co PP en Madrid. En ningunha delas foron quen de establecer un sistema obxectivo de referencia para calcular os custos de produción. E nesas seguimos.

E mentres, o rural desángrase. Perde poboación, perde estímulos, perde produción e perde a esperanza.

E nin tan sequera o Goberno galego ten a xentileza de xuntar os elos da cadea -produción, industria e distribución- na mesma mesa para falar do tema e arbitrar, premer, razoar, en definitiva. Gobernar para todos e sacar adiante o País. 

É tan difícil tomar partido pola xente que traballa e que mantén vivo este territorio?

Algúns asistimos á revolución do leite alá polos anos setenta e oitenta. Cando se pagaba a sesenta pesetas. Non fixo falta moito máis. O rural buliu e demostrou a súa valía. Non fixo así quen nos gobernaba. Hoxe a situación está ao límite. E o Goberno galego volve non estar á altura.

Sabemos que as presións deses grandes monstros da alimentación, da transformación e da comercialización pesan moito. Sabemos que compran vontades e opinións. Sabemos que modifican conciencias.  

Tamén sabemos que o Goberno galego debera exercer como tal e saír en defensa dos sectores produtivos do noso rural: carne, leite, horta... pois para iso é Goberno.

Igual non o saben.

Comentarios