Opinión

Milagre na RAG! Cousas da Academia (III)

Na rúa Tabernas, sede noutrora da prestixiosa RAG hoxe devida en singular Asociación Cultural, acaba de ocorrer un milagre: a directiva da mesma acaba de apoiar a Carballo Calero para protagonizar o Día das Letras Galegas de 2020. E foi con tanta rapidez que seica entregaron a solicitude uns minutos antes de que eles mesmos abriran o prazo de recepción oficial facendo honor a aquela imprenta que anunciaba que facían necrolóxicas con tanta prontitude que lle daba tempo a lelas o morto.

Cando aínda non se apagaron os ecos das voces, perseguibles de oficio, esgrimidas para rexeitalo hai un ano con argumentos tan contundentes como “un perigo para o galego”,  “un atentado contra o galego”, “abrimos a fiestra ao perigo”[sic] pasamos a considerar a Carballo Calero como merecente de dedicarlle o Día das Letras Galegas. Parabéns por tamaña decisión pola que un grupo, pequeniño por suposto, de numerarios viña traballando hai tempo. Aínda que non ten importancia, algo tería que ver neste proceso absolutorio o devandito grupiño, pequeno, que fixo de fermento para que levedaran as masas. (É notorio que teño un amigo panadeiro, axitador de masas.)

Permítome non obstante algunhas glosas, secundarias por suposto, pero necesarias: no faladoiro no que comentamos tan importante noticia alguén se interesou polas posibles causas que motivaron esta inesperada conversión no seo da RAG. Uns apuntaron a intervención directa da divinidade; eu, persoalmente, desbotei esta posibilidade porque normalmente a baixada dos deuses á terra, que implica certa confusión entre os límites naturais e sobrenaturais, non se produce desde a última etapa milagreira da nosa cultura, alá por volta do século XVIII. Baralláronse despois entre os asistentes ao devandito faladoiro outras dúas posibilidades: a mediación dun predicador, como primeira opción explicativa, e a presión externa da opinión pública, os rezos populares, como segunda.

Na discreta institución da rúa Tabernas practícase, sería obvio negalo, unha certa teoloxía monástica, claustral, de solemnes silencios, onde é frecuente, non tanto o sermón coma o diálogo homilético. Este tipo de discurso, a homilía, adoita ter un ton familiar e non doutrinal e, en xeral, o seu efecto persuasivo é moi eficaz, nomeadamente cando oficia un prior ou o abade. Non me atrevo a falar da fase divina da conversión que tivo lugar na RAG, non me vaia ocorrer o mesmo que lle pasou a un moi coñecido predicador e gran escritor que para arrecadar a atención dos oíntes prometeu ler ao remate da súa disertación unha carta do inferno. A Inquisición, aínda moi activa no século XVII, coa colaboración dos seus superiores, enviou ao ousado xesuíta, Baltasar Gracián, ao frente de Lleida na guerra dos segadors contra dos invasores borbónicos, por certo, con proclamación de República mediante, con fins moi pouco confesables. O penitente regresou ileso da guerra e presto a facer máis “gracianadas”.

Confeso que nada sei de certo do leccionario empregado na elaboración de discurso homilético tan eficaz pero abofé que me gustaría sabelo para futuros empeños académicos.

As antigas teorías sobre o discurso relixioso dicían que os fregueses despois de telo escoitado podían saír quentes, fríos ou mornos. Nada dicían os tratados de oratoria sagrada do estado de ánimo dos que saíron xeados da homilía, porque “habelos hainos”. E non sei se hai guerra en Cataluña para mandalos alí pero podía ser que como acto expiatorio o prior os encargue de oficiar no Día das Letras Galegas.

Laus deo, como dicía algún colofón de Galaxia nos anos cincuenta.

Comentarios