Opinión

Efeméride manoelantoniana desde Rianxo

O día 23 de agosto de 1922, fai hoxe 96 anos, o xornal La Zarpa de Basilio Álvarez publicaba un artigo de Manoel Antonio como contestación a outros tres que xa publicara neste mesmo medio Euxenio Montes (21 e 26 de xullo e 11 de agosto) descualificando o manifesto Mais alá!

O rianxeiro coñecera a Montes durante os actos da Segunda Asamblea Nacionalista celebrada en Santiago os días 7, 8 e 9 de novembro de 1919, onde se lle dedica, como clausura, unha sesión aos estudantes, que acontece na sede da Sociedade Económica de Amigos do País. Interveñen nesta sesión Castelao, Arturo Noguerol, Losada Diéguez, Risco, Euxenio Montes, Paz Andrade e Peña Novo.

Paz Andrade, estudante en Santiago e Montes, en Madrid, representaban a mocidade galeguista. Desde aquela mantiveron o rianxeiro e o ourensán unha relación indirecta por medio de Rafael Dieste e Bal y Gay ata que se atopan en Ourense cando Manoel Antonio regresa da IV Asamblea Nacionalista de Monforte (días 18, 19 e 20 de febreiro de 1922) e decide pasar dous días na capital. O rianxeiro, agasallado polos seus anfitrións do faladoiro de Risco, recibe unha moi especial homanaxe por parte de Euxenio Montes, que lle fai entrega dun poema laudatorio que permanecerá inédito máis de noventa anos.

O poema axuda aos lectores a desvelar, en parte, a críptica resposta de Manoel Antonio, sen dúbida lida con maior profundidade por Montes, interlocutor sinalado no artigo e posuidor das connotacións últimas.

Recibido o poema, Manoel Antonio fai unha copia manuscrita moi fiel da orixinal, probablemente coa intención de enviala a algunha revista ou xornal ou mesmo para remitirlla ao autor por mor de que este non se tivera quedado coa versión última do poema. Abonda con saber que o poeta de Rianxo endexamais entregaba para a súa publicación un orixinal con emendas e o autógrafo de Montes tiña alguna riscadura.

A cuestión é que a crítica durísima que fai Montes do manifesto sorprende ao rianxeiro, que acababa de ser gabado poéticamente facía pouco tempo.

Esto explica o título eludido do artigo de contestación de Manoel Antonio que apunta probablemente á Sin[ceiridade], o sustantivo presente en tres ocasión no texto.

Malia termos coñecido os artigos publicados en La Zarpa na década dos oitenta do pasado século , grazas á xenerosidade de Antón Capelán cando aínda non era tan habitual a investigación hemerográfica, non incluímos no tomo I da obra completa de Manoel Antonio o seu artigo de réplica a Montes.

Hoxe, como desagravio, xusto neste 23 de agosto, despois de 96 anos, publicamos o artigo expurgado dos numerosos erros que adoitaban soportar naquela época os textos galegos .

O máis grave é que no terceiro parágrafo reproduce deixaba por desexaba. O texto do xornal marca en cursiva o verbo “ter” (teña) e o verbo “desexar” (desexaba, evidentemente), polos semánticos do refrán no que se asenta o artigo.

No mesmo parágrafo aparece un “tañado” que non está rexistrado nos repertorios lexicográficos e que poidera apuntar a un “cañado” ou mesmo “tallado”. O resto das correccións, contrastadas coa ortografía do autor, permítennos fixar “fumábel” (por fumabel) “trata-se” (por tratase), “endebén” (por endeben), “d´algúns” (por d´alguns), “entregría-me” (por entregaria-me) etc. As reposicións de letras están marcadas con corchetes como se fai habitualmente.

Manoel Antonio non fechou a porta coa interrogante final do artigo porque volveuse ocupar do de Bande, como xa sabemos.

SIN...

Eu non quero pór ningunha glosa ós comentoiros que Euxenio Montes escribiu ó marxe d´unha folla titulada “Mais alá”.

Pero acontece que teño un desexo inaprazábel de fumar n-a pipa meia hora de tempo (falo xustamentes de meia hora inda que non teño reloxe á mau). D´aquela, como elementos complementarios, arrecadarei a pruma e o papel.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Cabilando n-os paraxes alonxados d´a miña cabilación d´o intre, prometo-me que outro día, cando faga d´o tempo cousa mellor que materia fumábel, hei de compor un ensaio contrarrestante d´algúns esquencimentos que as vertudes d´a Sinceiridade teñen encol de si.

Por que si ó falar sinceiramentes chego a decir unha blasfemia ben sabe Deus que non lle hei de pregar perdón; e mais hei-me de salvar.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Hai un refrán que di que “val mais ter que desexar”. Eu non sei si me terei ben cañado [tallado?] e interpretado, pero case aseguro que estou d´acordo c´o viceversa. Val mais desexar que ter.

E si o desexo se tece en desacertos, e desourentacións, e contradicións, e inconsiguenzas, co-a sinceiridade con que as horas de todal-as córes tecen unha Vida, ¿quen poderá reprochar algo, cando teña, o día pretérito en que desexaba ?

Endebén, ese día non chegará endexamais por que o desexo está ourentado n-o senso d´unha constante superación.

Pol-a nosa parte, non se trata de facer apostolados nin pedagoxías: trata-se de vivir a Vida con sinceiridade e sin cadeas.

Pero ¡eso xa! hai opinións.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Eu, moitas veces, desexaría ter unha sorrisa que pudese sorril-a sin contraición d´os beizos, sin ningún outro xesto, sin además e sin verbas.

Unha sorrisa cuia captación fose innada n-os demais e n-eles eu pudese adormental-a [e] despertal-a esquivando a sua sensibilidade.

Si eu tivese esa sorrisa, entregaría-me a sorrir agora.C´u[n]ha aparenza n-o xesto, dende logo, de perfeita seriedade...

---------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Propuxen-me fumar meia hora de tempo e quen sabe (como non teño reloxe!) si non queimaría xa mais de meia xornada.

Convirá fechal-a porta...?

Comentarios