Opinión

En defensa da limpeza moral do exilio

Os dicionarios coas súas denotacións, o mesmo que as guías de teléfono co seu elenco onímico, dan fe e acreditan a existencia de palabras e persoas ao longo de determinado periodo de tempo. Proporcionan valiosa información e serven de transmisión da mesma á sociedade pero non acadan, desafortunadamente, a garantir a pervivencia de persoas e palabras. De aquí a preocupación de Novoneyra que facía constantes chamamentos á sociedade galega para que lembrásemos a obriga de termar das palabras, de coidalas para protexelas do perigo da degradación e desaparición. Era consciente o poeta do Courel da importancia que cobran as palabras capaces de moldear os nosos sentimientos, as nosas emocións e a nosa conciencia.

Sirva este preámbulo como xustificación da nosa preocupación pola deriva que está a tomar a palabra exilio, fatigada e deturpada últimamente nos distintos medios de comunicación.

En efecto, a estraña viaxe que comezou hai poucos días o denominado rei emérito de España está a provocar unha absurda e incomprensible asociación entre as palabras exilio e realeza.  Un vocablo, exilio, construído e dignificado co esforzo e sacrificio solidario de miles de homes e mulleres, queda nestas circunstancias anoado a unha viaxe encarnada por un monarca de vida tan luxosa como frívola. Non podemos alegar ignorancia ou descoido porque a palabra exilio non é das que leva o vento, é un vocablo que marcou dramáticamente a vida de millóns de persoas que non cometeron outro delito que loitar contra o fascismo coa arma tan fráxil  dos seus soños de xustiza e liberdade.

Conviviron durante moitos anos no noso idioma as formas eisilio e exilio. A primeira  sustentada polos desterrados galegos na América e reforzada sen dúbida polo título poético de Luís Seoane, Fardel de eisilado.

A segunda forma, apegada ao étimo (lat. exilium) e adoptada polo dicionario da Academia Galega, coincide coa maioría das linguas románicas e mesmo co universo anglosaxón.

Pero máis alá da definición léxicográfica, a palabra é testemuño da nosa historia contemporánea, testemuño dramático dunha época convulsa onde as guerras que se sucedían condenaron a vivir a millóns de persoas nun planeta sen visado, carentes de papeis e de identidade.

A palabra de referencia permaneceu desde o século XIII como un desusado arcaísmo ata que foi traxicamente revitalizada no contexto desa riada de persecución e morte da guerra civil española, seguida dos crímenes do fascismo europeo.

A voz exilio está emparentada, comparte campo semántico, con emigrante, desterrado, refuxiado ou trasterrado. Pero o concepto exilio supón, ademais do sentimento de ausencia compartido, un compoñente ético e moral, e viva consciencia política  que leva a unha loita por mudar a situación na patria perdida. O compoñente ético e moral do exilio é tan singular que xa cando estaban embarcados preto de mil persoas no mítico Sinaia, en 1939, rumbo a México, unha humilde publicación a ciclostil feita a bordo insistía que non iban ao país de acollida para enriquecerse nin facer fortuna, iban para loitar pola xustiza e igualdade do mesmo xeito que o tiñan feito nas trincheiras.

Como consecuencia numerosos  exiliados da guerra civil de 1939 deixaron de selo ó instalarse máis ou menos confortablemente nos países de acollida. Mentras que algúns emigrantes que non viviron a guerra civil en España asumen esa faceta necesaria de loita moral e política convertíndose en exiliados. Esta nota distintiva é a que avala a existencia do chamado exilio interior, a xente que dentro do territorio comparte coa súa loita esa actitude moral. Frente á palabra emigrante, exiliado quere facer fincapé na expulsión, no apartamento da terra por motivos políticos. Temos o mellor exemplo no noso exiliado máis ilustre, Castelao, que desenvolveu unha intensa actividade política e deixounos como fideicomiso o seu soño Alba de Gloria, tamén o seu delito.

No fondo da cuestión o discurso exílico, calquera que sexa o xénero no que se manifeste, toca sempre o angustioso problema de verse excluido dúas veces: primeiro por exiliado y logo por ser excluido da historia da cultura do seu país.

Non podemos permitir que unha palabra acuñada polo esforzo solidario de miles de persoas sexa ensuciada, lixada, manchada ao quedar emparentada coa farsa dunha viaxe pornográfica. Temos necesidade de palabras que dean testemuño da loita da humanidade pola sua liberdade. E a palabra exilio esixe e reivindica os sacrificios que a configuraron.

Os lingüistas recurren ao concepto denominado tabú da decencia para xustificar certas sustitucións de vocablos que afectan nomeadamente ao sexo e a certas partes e funcións do corpo. Tal é o caso da palabras “retrete” que, escapando do cheiro que propagaba, veu dar en “inodoro” ou “váter”. Os exiliólogos van ter que invocar o tabú da indecencia para referirse aos miles de persoas que perderon o seu lugar na terra. Ou limpar a palabra exilio de reminiscencias alleas.

comentarios