Opinión

Cousas da Academia VIII: Un abrazo histórico

Para Manolo, Paco e Regueira, respectados e respectuosos colegas, polo menos ata os límites que nos permiten as respectivas relixións.

O abrazo, obxecto de recoñecidas obras de arte de todos os tempos e de diversos significados, o de Picasso e Juan Genovés entre elas, tamén significou a reconciliación en diversos episodios bélicos do pasado, tal como o abrazo de Vergara. 

Pero nós estamos a referirnos a aquel outro abrazo que en forma de sesión conxunta se celebrou o 3 de xullo de 1982, en plena canícula, entre o Instituto da Lingua Galega (ILG) e a Real Academia Galega (RAG). O caso é que como consecuencia deste simbólico xesto, oficiado polo profesor Constantino García, eterno facedor de artefactos, e  Domingo García Sabell, as regras ortográficas do ILG convertéronse en normas grazas á dote matrimonial que aportou a RAG, a súa capacidade normativa sobre a lingua outorgada por decreto pouco tempo despois. Tamén o mestre e humanista Gonzalo Correas cando publica en 1630 a súa Ortografía Kastellana nueva i perfeta pide protección ao rei Felipe IV para que ordene facer obrigatoria a súa norma por motivos pedagóxicos. Neste noso caso a RAG era o atallo e a autoridade que achandaba todos os obstáculos para impoñer a obrigatoriedade das regras do ILG. Entregadas as chaves da normativa mediante esta unión morganática, vanse suceder unha serie de acontecementos que no seu día, nun clima de confrontación, cualificamos de colonización e que hoxe non modificamos se entendemos esta tal como é definida no dicionario académico. Como consecuencia deste proceso de colonización, actualmente os membros do ILG presiden todos as seccións e seminarios de traballo da RAG, fixan a súa orde do día e crean o canon lingüístico no campo da onomástica, no campo ortográfico, léxico, gramatical etc. A influencia é tan invasiva e metastática que a RAG subvencionou ao instituto universitario con case 230.000 euros (non é erro, si, douscentos trinta mil euros aproximadamente) para que lle elaborase unha gramática normativa e un dicionario de apelidos. Nin así, endexamais entregou o ILG o pedido abonado anticipadamente. Ítem, as responsables do desaguisado, ocasionalmente en femenino neste caso concreto, serán recompensadas debidamente. Faltaría máis.

No mundo cultural anglosaxón denomínanse grammarnazi aquelas persoas que corrixen compulsivamente calquera falta de ortografía ou gramatical esquecendo e devaluando o significado do texto que len. Esta actitude ten unha parte positiva polo que se refire a persoas comprometidas co bo uso do idioma e unha parte especialmente negativa porque adoita ir acompañada dun aire de superioridade que procede, en xeral, dun concepto posesivo e exclusivo da lingua. A orixe desta posición de superioridade que adoptan certos lingüistas radica na  denominada “brigada normativa” constituída por persoas que acceden ás institucións con capacidade para regulamentar en materia lingüística e non adoitan respectar, ofuscadas na apariencia do seu poder, o carácter social da lingua. Escoitei por primeira vez a expresión devandita pronunciada polo profesor e académico Alarcos Llorach, que non foi precisamente un lingüísta das silveiras. Hai poucos días lembrei esta afortunada expresión, coa variante “gendarmería normativa”, lendo un meditado e reflexivo artigo de Joám Lopes Facal. Para chegar á orixe desta expresión na nosa lingua compre remontarse á gran falla que supuxo na historiografía institucional o citado matrimonio celestinesco entre a RAG e o ILG onde desde sempre o Instituto asumiu, con rancio tradicionalismo, o rol hexemónico, digamos masculino, e a Academia o papel máis pasivo e secundario, digamos feminino. Isto foi así nomeadamente porque se partía da falsa crenza de que a lingua era  cousa de lingüistas esquecendo algo tan elemental como a responsabilidade colectiva a respecto da mesma. Curiosamente, a consciencia cidadá de que a ortografía e a lexicografía non son disciplinas técnicas nin eruditas, determinou que os ilustrados ingleses non consentisen a formación dunha academia da lingua o que non impide que o inglés goce dunha saúde óptima e que dispoña do máis acreditado sistema lexicográfico. 

Nos últimos días, en efecto, unha serie de artigos periodísticos abriron un proceso reflexivo sobre a necesidade de que a normativa lingüística do galego descanse en actores ou axentes socialmente lexitimados e non proveña de imposicións autoritarias sancionadas polo poder político. Semella unha petición asisada se temos en conta que tamén as leis e decretos democráticos requiren explicacións e argumentacións de todo tipo para seren acatadas pola cidadanía. Todos os cidadáns que desexan vivir mellor e en armonía coa súa lingua e a súa cultura demandan, como consecuencia, que os axentes normativos sexan dialogantes e argumenten as súas propostas. E non ocorre así na RAG, certamente. O diálogo social non é exclusivamente ortográfico ou léxico, supón receptividade e complicidade coa sociedade en materia de nomeamentos e decisións, deben producir e transmitir unha mínima confianza se queremos ser unha institución útil e independente. Reforzar a auctoritas para que as medidas e decisións adoptadas sexan recoñecidas e aceptadas supón tamén ter opinión en momentos decisivos e controvertidos da vida política e cultural. 

Hoxe mesmo, despois do pronunciamento da Real Academia Española (RAE) en defensa do castelán como consecuencia da nova lei de educación, resulta sospeitoso o silencio da RAG cando  a sociedade galega está a reclamar da nosa institución un manifesto, non arrogante pero si contundente, sobre o uso vehicular das linguas que se falan no Estado español. E que non nos digan que iso sería facer política porque a defensa das linguas propias é, desde o século XVI cando menos, unha corrente humanística de fonda tradición clásica. Abondaría cunha pequeña escolma de citas históricas, comezando pola do P. Sarmiento, para avalar esta devandita tradición que tan ben coñece Carme Hermida. Pero a RAG está tan preocupada por rematar o Ano Carvalho Calero que non temos tempo de ocuparnos do ensino do galego, tema menor do que so se ocupan A Mesa e o Bloque. Semella que D. Ricardo conxura todos os males e patoloxías da lingua galega e na mellor tradición inquisitorial necesitamos encarnar a culpa para condenar e mesmo queimar o culpable.

De seguir así poida que algún día esta RAG recreada no seu silencio de gran institución teña que dictar normas para o “trampitán” de Xan da Coba diante da falta de galegos que falen e empreguen a lingua de seu.

O déficit de lexitimidade e aceptación social da RAG que se percibe contrasta co optimismo que proporcionan as maiorías confortables, “esmagantes”, tan lexítimas como faltas de diálogo e decencia como demostra o silencio espeso arredor da gramática e dicionario que o ILG, como asinante do convenio, debería ter entregado á RAG despois de vinte anos, cinco presidentes e 230.000 euros entregados.

Con razón o gran estudoso do mundo clásico Jerry Torner evoca as palabras de Séneca que fan referencia á esixencia de que os esclavos atendesen os seus señores en silencio durante as longas comidas que protagonizaban. Ese marco de profundo silencio reflectía o control dos poderosos sobre a situación social. Nesta mesma liña separadora os códigos gramaticais e ortográficos eran verdadeiros actos de exclusión.

Cando se aborda a historia da RAG adoitan ser causa incontestable de periodización, entre outras posibles, a etapa fundacional, o nacemento das Irmandades da Fala, a morte do seu primeiro presidente, a guerra e a represión do franquismo ou a irrupción hexemónica do grupo Galaxia na posguerra. É innegable a importancia que teñen estes acontecementos que se cruzan no camiño da institución. Pero non se repara apenas no gran impacto que está a padecer neste momento a RAG por mor do abrazo colonizador e invasivo que seguiremos analizando no futuro se o coronavirus nolo permite.

Comentarios