Opinión

Cousas da Academia (VII): Tantas cousas (Carta aberta ao Presidente)

Como diría Carvalho Calero, estimado Sr. Freixáns: O pasado día 6 pola tarde recibín un correo do Sr. Secretario no que se nos comunicaba a decisión da executiva de adiar o acto conmemorativo do Día das Letras Galegas para o día 30 de outubro. No mesmo comunicado engadíase que a decisión fora tomada logo de escoitar as opinións de moitos e moitas de vós. Deseguida contestei mostrando a miña disconformidade con tal decisión unilateral, que non contemplan nin avalan os estatutos da institución, que prescriben que a executiva soamente executa o que emana do plenario. Nomeadamente, engado eu, cando se trata de decisión trascendentes.

Desgraciadamente non é a primeira vez que os estatutos da RAG son violentados, como cando se celebran reunións no ILG e noutros anexos da Universidade compostelá. Diante da denuncia destas e outras irregularidades, a resposta irada do Sr. Secretario foi pedir unha votación a man alzada para modificar os estatutos coma se dunha comunidade de veciños se tratase.

Xustamente para evitar a toma de decisións unilaterais os estatutos sinalan que os plenarios deben celebrarse cada dous meses aproximadamente. O último tivo lugar a mediados de decembro, xa que logo -expresión moi piñeirista- deberiamos ter outro a mediados ou finais de febrero. A nosa executiva, moi executora por certo, sempre ten un motivo para retrasar a celebración dos plenarios. Tal é así que non chegan a celebrarse máis de catro ao ano contando os extraordinarios, nos que nada se decide nin debate. Cónstame, e moita xente é sabedora, que as decisión máis importantes da RAG tómanse nas escaleiras de subida ao ILG e no ascensor do Consello da Cultura Galega. Pura coincidencia, por suposto.

Pero claro esta decisión de aprazar o DLG encerra toda unha serie de chaves, que nos poden servir para valorar as verdadeiras razóns que a inspiraron.

Vexamos: arrincarlle o DLG para Carvalho Calero a esta RAG foi un teimudo esforzo socio-cultural e coral que deixou non poucas feridas no seo da institución, mesmo entre os caladiños. Como consecuencia, adiar e tapar a celebración, co silencio do mundo escolar e académico, era unha secreta aspiración exteriorizada nas preocupacións dos ortógrafos e dos ortodoxos.

Xa que logo, sempre Piñeiro, a decisión do adiamento ten unha inevitable lectura política que non debe ser ignorada.

Non sería máis sensato, pregúntome eu, esperar uns días para tomar tamaña decisión, na espera da evolución da pandemia? Resulta que esta, será o máis probable, non permite a celebración. Que alternativas se nos presentan no horizonte? Moitas e sensatas: celebralo cun formato reducido pero con cobertura negociada cos medios de comunicación. Sería, por exemplo, un xeito de dicir á sociedade que determinados actos anuais son algo máis que un acto protocolario. Ou hai a opción dun acto multitudinario ao aire libre no mes de xullo ou agosto, cunha romería das Letras. En fin, calquera cousa antes que clausurar o ano Carvalho Calero co silencio das aulas. E cabe, finalmente, dar por fallado o ano 2020 e retomar o 2021 como ano Carvalho Calero. Calquera cousa menos o ocultamento interesado.

Todo esto sería o que eu tería que dicir, Sr Presidente, no seo da institución, ou se se me tivese consultado como membro numerario que son da RAG. Por fortuna non estou entre ese selecto grupo dos “moitos e moitas de vós”.

“Tantas cousas” é unha fórmula de despedida epistolar de procedencia clásica que os humanistas filtraron sutilmente para evocar a perda de todo tipo que impón a distancia xa sexa sentimental, afectiva ou exílica. De aquí o título da carta e tamén a miña despedida. Tantas cousas…

X. L. Axeitos

Un pouco membro numerario da RAG

Comentarios