xoves 01/10/20

Cousas da Academia (VI) Ortografía e poder ou o poder da ortografía

Non hai mellor exemplo ilustrativo da vinculación da ortografía co poder que as modificacións que se levaron a cabo na ortografía francesa (1990) coa intervención directa do primeiro ministro Michel Rocard e o Presidente da República François Mitterrand e co tratamento de “problema de Estado”que os máis importantes medios de comunicación galos deron a esta reforma. Por outra parte é dabondo coñecida en Francia a relación de intimidade entre a xudicatura e os estudos lingüísticos ata o punto de considerar amplos sectores desta o Petit Robert (antes o Littré) como un sexto código entre os outros cinco códigos históricos (civil, penal, comercio etc.).

Esta afinidade e afán pola competencia lingüística dos xuíces  autoriza a Pierre Bourdieu a considerar os gramáticos como xuristas dunha lei lingüística.

Traemos este exemplo por recente e por veciñanza pero outros moitos poderían ser aducidos.

Como principio xeral admitido, a ortografía, rama menor dos estudos lingüísticos, nace impulsada pola necesidade do poder político-relixioso de dispoñer dunha ferramenta de comunicación poderosa que dalgunha maneira axude a unificar criterios e doctrinas mediante a docencia. Viron esta necesidade tamén as relixións bíblicas, coidadosas de preservar un corpus doctrinal e de divulgalo na procura de crentes e fidelidades. O cristianismo adoptou o latín e a ruptura con esta lingua foi sentida como división e orfandade. Ata no tecido do discurso artístico se filtra a valoración política do ensino ao servizo do poder, tal como podemos ver na inscripción do primeiro corpo da fachada plateresca da Universidade de Salamanca: “Los Reyes a la Universidad y la Universidad a los Reyes". Por non lembrar, en fin, o de “siempre la lengua fue compañera del imperio…”

Esta mesma filosofía inspira o afán normativo que desperta a aparición da imprenta en Europa desde finais do século XV.

En Galicia o debate ortográfico, agresivo e violento, dilatouse no tempo, e creou unha liga moi forte entre os vencedores -ILG, Galaxia, RAG- que, con espírito mesiánico e redentor, trazaron unhas isoglosas tan marcadas que marxinarán a todo intelectual, escritor ou persoa que pasase por alí e que non estivese co triángulo do poder.

No caso da normativa ortográfica galega dispoñemos de notables traballos, exhaustivos desde o punto de vista lingüístico e académico, pero falta aínda complementar o estudo cunha mirada socio-política. A contemplación desta perspectiva deitaría luz sobre algo moi singular dos debates ortográficos do galego: que deixaron un pouso corrosivo no discurso da RAG, tan expresivamente metaforizado no caso da reiterada postergación de Carvalho Calero como homenaxeado no Día das Letras Galegas.

En efecto, a recente elección do profesor galego como personaxe homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020 provocou, no ámbito cultural, a lembranza do inxustificado esquecemento que durante máis de vinte anos padeceu por parte da RAG.

A responsabilidade desta marxinación é, por acción ou omisión, exclusivamente da institución da que formou parte o ilustre profesor durante máis de trinta anos. Porén, diante do solemne silencio da RAG, cumpre reflexionar sobre as causas deste desaguisado, consecuencia evidente dun discurso oficial instalado na institución nun momento determinado.

É obvio que Carvalho foi a vítima máis expresiva e visible deste discurso corrosivo conformado de silencios, xestos, ausencias e presencias, e moi poucas palabras reflexivas, por certo. Nin siquiera os máis reputados miñaxoia da institución aportaron sensatez e cordura neste ominoso asunto.

Desde logo que Carvalho, estamos convencidos, no foi vítima dunha sinxela disputa ortográfica como nos queren facer ver, interesadamente, certos poderes fácticos do noso país. Non se nos oculta porén a capaciade histórica do tema da ortografía para xenerar polémica malia que sempre foi a tinta empregada para agochar problemas máis complexos.

Agora ben o problema da textualización das linguas -ortografía, gramática e léxico nomeadamente- cobra unha especial singularidade en Europa a partir do século XIX co afán alfabetizador dos estados, motivado non tanto polas arelas culturais como polos anceios controladores dunha administración recadadora. Descobren, en efecto, os estados o gran poder do ensino como arma de adhesión ideolóxica, ata ese momento nas mans da igrexa. Necesitaba o poder, xa que logo, para dar cumprimento aos seus obxectivos, unha ferramenta de comunicación, necesariamente escrita, que permitise transmitir ordes a distancia. Neste contexto de necesidades era imprescindible dispoñer dun código uniforme e común para toda a poboación. En definitiva os Estados estaban a perseguir a actualización da antiga fórmula latina nemo censetur legem ignorare que da no adaxio (sentenza) legal “ que nadie debe ignorar a lei”.

Era o tema do ensino unha preocupación constante entre as nación europeas, que están a comprobar como en toda Europa, entre 1880 e 1920, o nacionalismo dera un salto adiante coa tendencia a definir a nación en termos étnicos e lingüísticos, o que Benedict Anderson califica como “revolución filolóxico-lexicográfica”. As linguas, reivindicaban as nacións sen Estado, tiñan que ser normalizadas e o sistema educativo necesitaba unha lingua nacional de instrucción. Foi a gran lección impartida pola política educativa do esmorecido imperio austro-húngaro onde se falaban 12 idiomas distintos.

Todas estas vicisitudes, tensións e aspiracións arredor da disponibilidade dunha lingua útil e suficiente tamén se deron en Galicia pero unha serie de circunstancias provocaron o constante aprazamento de decisións.

A mesma creación da Academia en 1906, anceio e teima do rexionalismo, tiña como obxectivo un dicionario que aspiraba, naturalmente, a fixar unha norma, a textualizar a lingua oral. E malia que a lingua galega non foi o centro das súas preocupacións, Murguía abre a porta da opción anos máis tarde denominada reintegracionista e que outros escritores e intelectuais defenderán en anos posteriores, entre eles Paz Andrade.

Serán as Irmandades da Fala as que tomen a fala como eixo de preocupación construtiva, procuran un dicionario, unha gramática e mesmo fundan as Escolas do Insino Galego, con vida efémera pero ilusionada. Xustamente neste intre aparecen as primeiras tensións entre a denominada norma culta, defendida pola Irmandade da Coruña e a norma popular, defendida por Risco e os irmandiños ourensáns. Paralelamente, os membros do Seminario e das Irmandades, Risco, Otero, Cuevillas, Lugrís, Carré, Villar Ponte e Castelao, comezan a ocupar as cadeiras da RAG en sustitución dos rexionalistas. As tendencias ortográficas eran neste momento, anos vinte do pasado século, por unha parte galego popular/galego culto e por outra a que Manoel Antonio e un amplo sector chamaban ortografía á portuguesa.

A ditadura de Primo de Rivera, a guerra e o franquismo posterior van paralizar a RAG durante moitos anos e con ela, tamén, o debate lingüístico que se tiña comezado. Esta parálise interrompe unha reflexión que agromaba e que dera en alimentar un discurso ennoblecedor e exaltador da nosa lingua que podemos denominar patriotismo lingüístico.

O debate e reflexión sobre a necesidade dunhas normas e dunha unificación non se retoma en Galicia ata os anos finais  da década dos sesenta do pasado século cando a RAG estaba xa gobernada polo grupo Galaxia. Esta editorial, que levaba case dúas décadas de certa indefinición e dúbidas a respecto da ortografía nas súas publicacións crea unha comisión para establecer uns mínimos criterios normativos. Deste xeito á súa aspiración de canon literario e estético engadía Galaxia esta nova arela, consciente do poder que proporciona regular a escrita cos seus proprios criterios.

Ramón Piñeiro, ideólogo e inspirador da política cultural do grupo, asume a responsabilidade da creación dun equipo de traballo nada máis entrar na RAG en 1967. Recíbense na comisión constituída para tal fin diversos informes e suxestións cos que Carvalho Calero procede á elaboración dun texto mecanografado que será a base das Normas da RAG de 1970, 1971 e 1977. As actas da Xunta de Goberno da RAG e diferentes cartas de Piñeiro certifican a elaboración coral e respectuosa coa que se levaron a cabo estas normas académicas básicas no seo da institución.

 Este intento coincide coa aparición en escena do Instituto da Lingua Galega (1971), fundado por iniciativa do profesor Constantino García que acababa de chegar a Santiago procedente de Alemaña. Aínda que existe unha complida narración que abonda na historia do ILG, aínda falta unha valoración crítica que matice a traxectoria desta institución que tantos froitos leva dados á cultura galega. Arestora a historia do ILG é unha construción endogámica que silencia non poucas cousas á maneira como facían os cronistas medievais ao servizo do monarca. Non será doado recoñecerlle o seu esforzo xeneroso sen antes historiar, deslindando ambos, o seu politiqueo confuso e cómplice co poder establecido.

Parece incontestable, se analizamos os feitos, que o profesor Constantino cando chega a Compostela en 1966, adopta na súa cátedra a metodoloxía dos neogramáticos, “Wörten und Sachen” (Palabras e Cousas), de tanta utilidade para a dialectoloxía e xeografía lingüística como ferramenta da denominada Escola de Madrid, pero que era xa calificada a estas alturas de manida por gran parte da investigación filolóxica. Boa proba desta circunstancia é que os títulos abondosos que xenerou ao longo de todo o Estado, El habla de/A fala de, eran subtitulados irónicamente a estas alturas como  Qué verde era mi valle.

Contrasta esta adopción, sen dúbida útil pero extemporánea, coa decidida aposta de abordar temas mediáticos e de escasa relevancia no mundo universitario como a ortografía e textos para o ensino. Esta irrupción foi completada cunha labor periodística persoal que lle proporcionará unha evidente proxección social ao fundador do ILG.

A cuestión é que malia ser inspiradas pola mesma filosofía e ter moitas semellanzas, as ortografías da Academia e ILG despertan recelos e desconfianzas mutuas que acabarán sendo, paradoxalmente, o motivo para unha alianza tan sólida como absurda. Mediante esta a RAG acaba cedendo a súa capacidade normativa ao ILG e coasinando unhas normas que lle competen en exclusiva de facto, desde a súa fundación e de iure desde 1983. O argumento esgrimido era que as normas da RAG era malas cando en realidade xa no prólogo das mesmas se decía, seguindo a Carolina Michaëlis e unha moi sensata tradición filolóxica, que era mellor que a necesidade normativa arraigue no espírito de moitos antes que promulgala por lei por parte duns poucos. Seguindo esta filosofía as normas da RAG poderían ser calificadas de básicas, elementais, manexables ou didácticas pero non de malas. A pexa que provoca este tipo de normas, así se di na introdución, é que a ortografía galega formouse sobre a castelá, único modelo coñecido en Galicia, e non caben moitas máis posibilidades ata que o ensino da lingua propia se poida implantar en Galicia. O autor do prólogo das normas da RAG, que non é outro que o propio Carvalho Calero, deixa aberta, en definitiva, a posibilidade doutros criterios e doutra filosofía normativa.

Mais o recoñecemento explícito e sensato das limitacións das propias normas provoca, naturalmente, a insatisfacción do sector editorial -xa estaba Anaya-Xerais no mercado do libro- que acaba demandando unhas normas minuciosas ao albiscarse no horizonte a apertura ao ensino da lingua. Dos famosos encontros organizados polo ILG sobre as normas, celebrados en Compostela entre o Nadal de 1976 e xuño de 1977 saíu a total e absoluta marxinación da opción reintegracionista que como AGAL editará as súas propias normas en 1983. Esta circunstancia sin embargo non supón a reconciliación entre RAG e ILG que seguen nun clima de desconfianza pugnando pola auctoritas en materia normativa.

Neste clima de controversia e insatisfacción le o seu discurso de recepción Isidoro Millán que avoga deseguida pola creación no seo da RAG dun seminario que elabore unhas normas ortográficas exhaustivas e precisas. Dimitirá cando o Presidente da institución, sen contestar a súa demanda, comeza as conversas co ILG para a elaboración da normativa ortográfica. Non está lonxe desta petición de Isidoro Millan o propio Carvalho Calero cando en 1975 se expresa deste xeito no Boletín da RAG: “Mais o idioma é unha cousa demasiado seria para ser confiada exclusivamente aos especialistas.”

A partir deste momento todo se precipita co nomeamento de García Sabell, sempre seducido polos saberes e docencia universitarios, como presidente da RAG que consinte que unha sesión conxunta de RAG e ILG aproben unhas normas minuciosas, que non boas, para ser coasinadas e publicadas por ambas institucións. Un capítulo bochornoso e humillante para a RAG que abre unha etapa de postergación sistemática de todos os heterodoxos. Que llo pregunten, entre outros, a Suso de Toro e a todos os lingüistas do país que non frecuentan os arredores de Mazarelos.

A batalla da ortografía en Galicia non foi incruenta (ata houbo quen se mortificou publicamente con cilicio “por Galiza”), porque marxinou e demonizou, sen excepción, a todos os discrepantes, con espírito redentor de alquimistas da cultura. As probas, nos próximos capítulos, á maneira como facían os autores de folletóns.

Cousas da Academia (VI) Ortografía e poder ou o poder da ortografía
comentarios